San Sadurniño e Moeche mercan unha hidrolimpadora de beirarrúas cunha axuda do Fondo Ambiental

0

A empresa Baygar, especializada en equipamento hidráulico, entregou esta mañá a máquina de limpeza a alta presión adquirida conxuntamente polos concellos de San Sadurniño e Moeche. O equipo está pensado para facilitar o lavado de beirarrúas e outros espazos urbanos, aínda que conta con varios accesorios que o converten nun aparello polivalente co que incluso se poden desatoar tubaxes de pequeno diámetro. Nel investíronse 10.587€ sufragados nun 65% polo Fondo Ambiental, mentres que o 35% restante é asumido polos dous municipios. Secundino García e Beatriz Bascoy suscribiron esta mañá o convenio para o uso compartido do aparello, poñéndoo como exemplo de “xestión eficiente” por medio dunha colaboración intermunicipal “que se debe manter no futuro”.

A máquina é, en esencia, moi semellante á limpadora que calquera poidamos ter na casa, coa diferenza de que esta é máis potente, máis grande e, ademais, está deseñada par un uso máis intensivo.

Dispón dun depósito con capacidade para 400 litros de auga, aínda que tamén é posible conectala directamente a bocas de incendios ou calquera billa externa. O corazón do sistema é unha bomba accionada por un motor Honda de catro tempos que pode entregar ata 250 bares de presión, dándolles saída de tres posibles maneiras: cunha lanza en abano -coma a de lavar o coche-, outra con boquilla de chorro rotatorio -útil para arrincar a suciedade máis incrustada- e, a que seguramente máis se empregue, un prato lavapavimentos específico para traballar sobre beirarrúas, patios ou enlousados, coma na demostración efectuada esta mañá.

Todas estas partes van montadas e ancoradas dentro un carriño construído en aceiro galvanizado, de maneira que o equipo só require un vehículo ao que enganchalo para cambialo de sitio. Esa é precisamente unha das súas principais vantaxes, xa que ao levar motor de gasolina e depósito de auga propio, a máquina pode funcionar con certa autonomía en practicamente calquera lugar onde sexa necesaria.

Pecha o apartado de especificacións técnicas a posibilidade de absorber produtos de limpeza específicos para mesturalos directamente co chorro e o feito de contar cun accesorio para desatascar sumidoiros e tubaxes de pequeno diámetro, de grande utilidade en baixantes e canalizacións de pluviais.

Uso compartido
O 65% dos algo máis de 10.500 euros que custa o equipamento incluiuse dentro da liña competitiva do Fondo Ambiental da Xunta -6.881,88€ de axuda-, da que San Sadurniño pode beneficiarse por ter no seu territorio un parque eólico. A partir de aí, ambos municipios acordaron asumir os 3.700 euros de diferenza nunha proporción 60-40, de maneira que, finalmente, San Sadurniño porá uns 2.200 euros e Moeche cerca de 1.500.

Tanto as cantidades como o xeito de compartir o aparello están recollidos no convenio asinado esta mañá por Secundino García e Beatriz Bascoy, dentro dunha relación de colaboracións puntuais entre os dous municipios que se iniciou en 2016 cos servizos da técnica da Aula CeMIT. Logo virían máis acordos deste tipo: un proxecto de limpeza conxunta de cunetas, a merca dun equipo de detección de fugas, o uso dun mesmo camión para a recollida de voluminosos ou mesmo a coordinación á hora de planificar a reparación da rede viaria de titulariedade municipal que comunica os dous concellos.

Tal e como sinala Secundino García, “hai mil maneiras de compartir recursos co obxectivo de facer unha xestión máis eficiente e incluso ampliar servizos, como neste caso da hidrolimpadora ou o da posta en marcha do Centro de Transformación Alimentaria de San Ramón, en colaboración tamén con Valdoviño e Cerdido, para o que xa se confirmou finanzamento Leader xestionado polo GDR Seitura 22”. Pola súa banda, Beatriz Bascoy engade que a colaboración entre concellos “facilita que poidamos dispoñer de equipamentos que individualmente, tanto a San Sadurniño como a nós, nos sería difícil asumir. Cremos que os concellos pequenos temos que seguir tirando por este camiño no futuro e ampliar todo o que poidamos as fórmulas de cooperación, sen que iso supoña renunciar á nosa autonomía nin tampouco á nosa independencia na xestión. A xente axudouse unha á outra toda a vida e os concellos poden facer o mesmo”, sentenza a rexedora de Moeche.

Share.