Moeche e San Sadurniño cítanse con Augas de Galicia para coordinar a reparación da ponte do Sixto

0

Representantes municipais de Moeche e San Sadurniño achegáronse esta mañá a ponte do Sixto -limítrofe entre ambos concellos- na compaña de persoal de Augas de Galicia para definir a intervención que requirirá este paso, despois de que hai varios días se detectase unha fenda que obrigou a pechalo ao tráfico. No encontro inspeccionouse o estado da estrutura e, máis que nada, a configuración do cauce nese punto, xa que antes de facer a reparación será necesario obter autorización previa tanto do organismo dependente da Xunta como da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

Os concellos de Moeche e San Sadurniño convocaron o encontro no lugar coa finalidade de marcar as liñas mestras que despois se trasladarán ao proxecto técnico. En principio a idea era colocar unha estrutura prefabricada pousada no cauce do río. Porén, segundo se viu sobre o terreo, a solución máis axeitada -que tamén suporá seguramente un investimento maior- pasa por facer piares en ambas marxes e construír unha nova plataforma de paso máis resistente, de maneira que se asegure a súa durabilidade e tamén aforamento suficiente para cando o río vaia cheo.

O arranxo da ponte esixirá intervir, polo tanto, dentro e fóra da auga. Neste sentido é preceptiva autorización previa por parte de Augas de Galicia, a quen se lle deberá remitir o proxecto no momento de facer a solicitude.

Os técnicos do ente informaron  que, dada a urxencia, tentarán axilizar todo o posible o expediente. Porén, tamén comentaron que a autorización das obras non só depende deste organismo, senón que  ademais será preceptivo o visto e prace de Patrimonio Natural por estar afectados dous ameneiros de grande porte que faría falla eliminar para poder construír os piares.

Os concellos de Moeche e San Sadurniño -quen sufragarán a medias as obras- avanzaranlle o antes posible a Augas de Galicia un borrador da intervención para asegurar que o proxecto final se axusta á normativa ambiental e que nel se reflictan as observacións formuladas sobre o terreo polos técnicos do ente público.

A alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, sinalou que a ponte do Sixto “hai que reparala e facelo xa, pero cumprindo a normativa. Hoxe viñemos ata aquí para que Augas de Galicia nos dese o seu punto de vista sobre cal pode ser a mellor solución e para saber como orientar o proxecto técnico de cara a axilizar no posible toda a tramitación”.

Pola súa banda, o responsable de Obras do Concello de San Sadurniño, Manolo Beceiro, comentou que o plan da obra se redactará “de inmediato” co obxectivo de que Augas de Galicia poida revisalo “incluso antes de presentar a solicitude de autorización esixida”. Beceiro engade que tan pronto se obteña luz verde do organismo autonómico “contrataranse as obras con carácter urxente, reducindo os prazos  administrativos e de execución ao mínimo que permita a lei”.

DSC00968-web1281x1920U80

A ponte presenta unha fenda lonxitudinal que obrigou a cortar o paso para vehículos e viandantes

O pontigo do Sixto, duns 5 metros de longo, fai de paso sobre un dos afluentes do río das Forcadas e comunica os lugares do Carbeiral, en Bardaos, e O Piñeiro, na parroquia de San Xoán. A estrutura construiuse hai case 50 anos e levaba tempo dando sinais de debilitamento, debido principalmente ao paso de maquinaria pesada. O pasado 23 de outubro detectouse unha fenda na plancha que obrigou a Moeche e San Sadurniño a cortar o tráfico por motivos de seguridade tanto para o tránsito de vehículos como de viandantes.

Share.