San Sadurniño convoca aos concellos da comarca para analizar o problema do xabaril

0

O Concello de San Sadurniño remitiulles aos municipios da volta e ás entidades agrogandeiras unha carta convocándoos a unha xuntanza urxente para abordar os problemas xerados polo porco bravo nas explotacións da comarca. A finalidade do encontro entre as administracións locais e o sector é poñer en común o alcance dunha situación que provoca grandes perdas económicas nas granxas -e tamén en cultivos comerciais e para autoconsumo- para logo trasladarlle á Xunta propostas de actuación concretas que consigan reducir as poboacións ou, polo menos mantelas afastadas dos terreos laboreados.

Hai dúas décadas ver un porco bravo era algo reservado a quen participase nunha xornada de caza ou a quen tivese a mala sorte de bater cun exemplar na estrada. Hoxe, ver o xabarín é algo tan habitual -mesmo de día- que ata deixou de chamarnos tanto a atención… agás polos estragos que ocasiona alí por onde pasa. Leiras fozadas, plantacións de millo e pradería arrasadas, morteiros esmagados, nin sequera lle fan ascos a deitar froiteiras para rilarlles o que dán.

O xabaríl é un problema de primeira orde no agro galego e máis nunha zona coma a nosa onde ten tanto monte mesto para gorecerse e criar sen que ninguén o moleste. A principal medida de control é a autorización por parte da Xunta de batidas durante todo o ano -e non só en temporada de caza- combinadas coas precaucións que toman moitas explotacións e particulares pechando con pastores eléctricos todas as leiras que poden. Porén, en grandes superficies ou con plantacións forraxeiras diseminadas faise difícil -por non dicir imposible polo seu elevado custo- adoptar esta última medida, a única que se mostrou realmente eficaz para protexer a produción agrogandeira.

Por outra banda, desde 2016 non hai habilitada ningunha axuda autonómica  para compensar as importantes perdas económicas que provoca o porco. Nas granxas leiteiras, por exemplo, as principais perdas danse nas plantacións de millo forraxeiro e nas praderías sementadas para pasto ou silo, fundamentais para rebaixar uns custes de produción xa caros de por si en relación co que as gandarías perciben polo leite.

En resume, o cochos, destemidos e presionados pola súa imparable explosión demográfica, campan ás súas anchas por onde queren e ameazan a viabilidade económica de moitas explotacións.

Falar do problema en termos xerais e propoñer medidas urxentes son os dous temas principais da convocatoria remitida polo Concello de San Sadurniño aos municipios e ás entidades agrogandeiras da comarca. A xuntanza está fixada  para este xoves día 30 de agosto ás 19.00h. no salón de plenos e, tal e como sinala o alcalde, Secundino García, “non se trata de falar de casos particulares, senón de  ter unha visión xeral do problema e propoñer liñas de actuación para trasladarllas á Xunta, que é quen ten as competencias na materia a través das consellerías de Medio Rural e de Medio Ambiente”.

O alcalde remarca a “urxencia” de que o goberno galego “acometa un plan de choque contra o porco bravo que reequilibre a súa poboación. Non é cuestión de exterminar os xabaríns, senón de mantelos en niveis ambientalmente sostibles e evitar que prexudiquen as actividades agrícolas e gandeiras. O porco mételle moita perda aos gandeiros e gandeiras e creo que tamén se deberían habilitar axudas suficientes para compensar os danos ou para que as explotacións poidan instalar medios de protección dos seus predios”.  “En calquera caso -prosegue García- estas posibles solucións ou medidas compensatorias son as que queremos consensuar coas entidades do sector para que os organismos competentes as teñan en conta e as apliquen o antes posible”.

Share.