San Sadurniño constrúe diversidade xunto con outros 30 municipios da provincia

0
Este mércores conmemórase en todo o mundo o Día Internacional do Orgullo LGBTQI, co que se reivindican os dereitos plenos da comunidade lesbiana, gai, transexual, bisexual, intersexual e queer. A Deputación da Coruña iniciou hai uns días a campaña “Construíndo diversidade”, co obxectivo de concienciar e visibilizar en pé de igualdade todas as realidades das relacións afectivas. A campaña desenvólvese principalmente a través das redes sociais coa difusión de mensaxes que fomentan a tolerancia e o respecto cara a todas as opcións sexuais. San Sadurniño sumouse á iniciativa xunto con outros 30 municipios da provincia e, ademais, tamén programou actividades para mañá: ás 10 izarase a bandeira multicor diante do Concello e o artista Carlos García pintará un mural no peche exterior do CPI.

A campaña circula polas redes co cancelo #construíndodiversidade e nela participan os municipios da Coruña, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arteixo, Arzuá, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Carballo, Cariño, Cedeira, Culleredo, Fene, Mañón, Mugardos, Muxía, Narón, Neda, Oleiros, Ordes, Ortigueira, Ponteceso, Rianxo, Sada, San Sadurniño, Santiago de Compostela, Santiso, Teo, Tordoia e Vilasantar.

Segundo a responsable provincial de Igualdade, Ánxela Franco, o obxectivo que se persegue é “sensibilizar, fomentar a tolerancia e o respecto en igualdade de todas as opcións sexuais ao tempo que apoiar a diversidade”. A campaña céntrase nun deseño baseado no xogo de construír palabras como metáfora da construción da diversidade do lema a través de pezas que forman os termos Lesbiana, Gai, Transexual, Bisexual, Queer e Intersexual cunhas iniciais que toman preponderancia na imaxe coas cores do arco da vella, símbolo da comunidade LGTBQI.

Folletos informativos, bandeiras, chapas, bolsas e outros materiais foron xa repartidos entre os concellos que se suman á campaña que terá tamén difusión nas redes sociais  e nos enderezos:

www. construindodiversidade.gal
https//twitter.com/construe_lgtbqi
https//www.facebook.com/construindodiversidade

A campaña inclúe tamén a difusión dunha pequena peza audiovisual promocional de libre distribución que busca reflexionar arredor das identidades e a diversidade sexual.

San Sadurniño iniciou xa a difusión das mensaxes a través das súas propias canles de comunicación -facebook, twitter, instagram e web municipal- e para este mércores 28 -data na que se celebra o Orgullo- tamén ten previsto erguer a bandeira do arco da vella na fachada do Concello e levar as súas cores a un dos laterais do colexio público, da man do artista Carlos García.

Share.