San Sadurniño, capital do automodelismo de carreiras durante esta fin de semana

0

O sábado e mailo domingo o Pavillón Municipal acollerá a cuarta edición da Bumpers Indoor Race, unha competición internacional de velocidade con coches eléctricos teledirixidos que reunirá máis dun cento de participantes procedentes de Gaicia, do resto do Estado e tamén de Portugal. A mañá do sábado será de tanteo do circuíto, pola tarde correranse as mangas clasificatorias e o domingo tocaralle ás finais. A Bumpers Indoor Race está organizada por Bumpers Modelismo S.L. en colaboración co Concello. Trátase dunha carreira que se disputa en mangas de cinco minutos con dez pilotos en pista aos mandos de pequenos coches todoterreo de altas prestacións. Esta non será a única nova relacionada co motor da fin de semana, xa que o Concello recibirá oficialmente aos vixentes campións estatais da Copa Dacia de rallys, Javier Bouza e Iván Bouza, e aos vencedores galegos da Copa Pirelli AMF, Adrián Gil e David Rodríguez.

Este vai ser o cuarto ano consecutivo en que a competición que se desenvolve en San Sadurniño. Nela hai tres categorías que compiten por separado debido ás diferentes prestacións: coches de tracción traseira escala 1/10, coches con tracción ás catro rodas tamén 1/10 e vehículos “short course”. Estes últimos son réplicas a escala 1/10 -1/8 en realidade- de buggys e furgonetas idénticos aos que corren a afamada Baja California polo deserto de Novo México.

Tanto os short course como o resto son modelos radiocontrolados que funcionan con batería, polo que non emiten gases nin fan tanto ruído como os de gasolina. Iso si, aceleran coma foguetes e poden superar facilmente os 100 quilómetros por hora, aínda que nun trazado coma o de San Sadurniño a velocidade punta nalgún tramo concreto seguramente ande entorno a uns máis que respetables 70 km/h.

A proba comezará o sábado cos adestramentos libres entre as 10 da mañá e as 17.00h. Posteriormente faranse as primeiras probas de clasificación. O domingo pola mañá resérvase para adestramentos e ao mediodía cóntase ter configuradas xa as finais, que se disputarán ao longo da tarde co obxectivo de poder entregar os trofeos entre as 17 e as 18.00h.

A Bumpers Indoor Race é xa un referente do mundo do radiocontrol competitivo en toda a Península e un auténtico espectáculo para o público. O pavillón estará cuberto cunha grande moqueta pola que discorre un circuíto cheo de curvas e saltos. Os coches alcanzan velocidades de vertixe e, ademais, os equipos contan con boxes nos que poñer a punto toda a maquinaria, polo que o público asistente poderá gozar tanto das carreiras como de todos os preparativos e imprevistos que rodean unha competición deste tipo.

Recepción aos pilotos de rally locais
O sábado ás 12.00h. o Concello ten previsto ofrecerlles unha recepción oficial aos pilotos locais que en 2016 alcanzaron destacadas victorias en trofeos automobilísticos de ámbito galego e estatal. Dunha banda están Javier Bouza e Iván Bouza, que se proclamaron campións de España da Dacia Sandero Rallye Cup co equipo TRS Racing. A proba monomarca desenvolveuse dentro do campionato estatal de rallys de asfalto e, ademais do premio económico, a victoria tamén lles abre as portas para correr este ano cun Clío R3T oficial.

Os outros dous nomes do automobilismo local son Adrián Gil e David Rodríguez, o primeiro de San Sadurniño e o segundo de Bardaos. O ano pasado correron o galego de rallys e, ademais de facer un bo papel, tamén conseguiron levar a Copa Pirelli AMF aos mandos dun Citroën Saxo.

 

Share.