San Sadurniño, capital comarcal do fútbol base durante esta fin de semana

0

Máis de 500 nenas e nenos, preto de medio cento de equipos de catro categorías e un grande reto organizativo para o CF San Sadurniño son as tres claves informativas do XV Torneo de fútbol 8 que se disputará no campo municipal de Currás desde este venres até o domingo. Unha cita que converterá San Sadurniño en capital comarcal do deporte de base durante tres días e que, ademais, é o último grande evento antes das vacacións do verán logo dunha intensa temporada. O club local é anfitrión dun torneo que está a medio camiño entre a propia rivalidade futbolística e un punto de encontro para os equipos e as familias que percorreron nos últimos meses todos os estadios da volta. O tempo, que empeza a recuperar temperaturas, parece que vai contribuír a que o torneo sexa un éxito en todos os aspectos. Coma sempre.

Ao torneo acudirán un total de 46 equipos da base dos clubes desde a ría até o Ortegal. Confirmaron inscrición o Meirás, o Amistade de Meirás, O Val, o Numancia, Freixo, o Portuarios, o Galicia de Mugardos, o Ánimas, o Rácing de Ferrol, o Orillamar, o Neda, o Rácing San Pedro, o Cariño, o Cedeira, o Perlío, o As Pontes, o Deportivo Obrero, as Discalzas e, por suposto, os anfitrións do Sansa con tres formacións. Xogaranse partidos en catro categorías: alevín, benxamín, prebenxamín e feminina que, neste último caso, conta con grupo único de catro equipos.

O pitido inicial da rolda de enfrontamentos darase este venres ás 16.00h. cos partidos entre o Neda B e O Freixo e entre o Ánimas e o Meirás, que se xogarán -igual que o resto dos encontros- simultaneamente, xa que o campo se dividirá en dúas canchas. Neste primeiro apartado do torneo participarán 12 equipos en catro grupos xogando en tempos de 20 minutos, mentres que as semifinais e as finais se xogarán a un único tempo de 25 minutos. Prevese que a final comece sobre as 21.30h.

Ao día seguinte, o sábado, a actividade futbolística en Currás comezará ás 10.30h. e tamén con partidos simultáneos a medio campo. Xogaranse os encontros de benxamíns, onde entran un total de 16 equipos a razón de catro por grupo. Se se cumpre o cronograma as semifinais xogaranse ás 18.30h. e xusto unha hora despois comezará a final da categoría.

O domingo resérvase para as competicións prebenxamín e feminina. Empézase tamén ás 10.30h. alternando os partidos dos catro grupos masculinos co do grupo feminino. O CF San Sadurniño consegue con esta distribución que o fútbol xogado polas rapazas, aínda sendo menos equipos, teña a mesma visibilidade ao longo do día que o xogado polos rapaces, ademais de contribuír á normalización e á integración feminina nun deporte que, por sorte, está deixando atrás moitos estereotipos.

A final feminina está fixada para as 18.30h. e a prebenxamín para as 19.30h., en ambos casos xogando un único tempo de 25 minutos.

Segundo Meteogalicia, o tempo pode deixar algunha chuvia feble na tarde do venres, aínda que xa empezaremos a notar unha leve recuperación das temperaturas. O sábado agárdanse nubes e raiolas e algo máis de calor, mentres que o domingo teremos un día soleado e cunha sensación térmica máis propia da época na que estamos. Igual que outros anos, o Concello abrirá a piscina municipal para que as nenas e nenos poidan refrescarse entre partido e partido. Trátase dunha apertura previa á oficial -a partir do luns- e é exclusiva para os equipos participantes no torneo organizado polo CF San Sadurniño con colaboración do Concello, da Deputación da Coruña e cerca de 50 firmas comerciais de dentro e fóra de San Sadurniño.

 

Cadro de enfrontamentos diarios (Fonte: Facebook do CF San Sadurniño)

Foto de C.F San Sadurniño.

Foto de C.F San Sadurniño.

Foto de C.F San Sadurniño.

 

 

Share.