A Cortiña acollerá a proxección ao aire libre do filme “María Solinha”

0

A película “María Solinha”, dirixida por Ignacio Vilar, foi unha das moitas obras que viron truncada a súa estrea en cines por causa da crise sanitaria. Esa é a razón de que a produtora e mailo director apostasen por distribuíla levándoa a distintas vilas e cun formato novidoso que non se limita unicamente ao pase do filme, senón que ten máis alicientes para o público. San Sadurniño será un dos primeiros municipios onde se proxectará a película. Será ao aire libre o venres 3 de xullo a partir das 21.30h. no entorno do arboreto da Cortiña. Hai 200 invitacións gratuítas dispoñibles, que poden reservarse no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.

O filme dirixido por Ignacio Vilar inspírase na historia/lenda de María Soliña, unha acaudalada viúva da vila mariñeira de Cangas do Morrazo que acabaría encadeada pola Inquisición acusada de bruxaría. Torturada ata arrincarlle unha confesión, descoñécese cal foi a data da súa morte, aínda que si se sabe que faleceu en mans do Santo Oficio despois do tormento e de ser desprovista de todas as súas posesións. De feito parece ser que ese foi, e non outro, o verdadeiro motivo das acusacións orquestradas pola Igrexa e a nobreza daquel momento.

A memoria de María Soliña (ou Soliño) perviviu malia o paso do tempo e hoxe é todo un símbolo de resistencia e empoderamento feminino. O filme recupera a súa figura xuntando pasado e presente tomando como punto de partida a montaxe dunha obra de teatro e os pulsos que lle chegan desde o pasado a unha das súas protagonistas.

A película, producida por Vía Láctea Filmes e a TVG, está interpretada, entre outras, por Laura Míguez, Mabel Rivera, Mela Casal, Grial Montes, Santi Prego, Alfonso Agra, Antonio Durán “Morris”, Melania Cruz ou Sheyla Fariña. Ao cargo da fotografía temos a Lucía C. Pan, participante nunha das últimas edicións do Chanfaina Lab.

“María Solinha” terá un pase especial ao aire libre na finca da Cortiña na noite do venres 3 de xullo. É unha película para maiores de 16 anos que se proxectará de forma gratuíta para un máximo de 200 persoas con reserva previa das entradas no correo agustin.perez@sansadurnino.gal ou no teléfono 616 332 919.

O programa non se limitará só á proxección, senón que estará rodeado doutras actividades. Ás 21.30h. haberá un encontro cos medios de comunicación. Ás 22.00h. abrirá o photocall e a iso das 22.30h. o director e parte do elenco artístico presentarán a película, xusto antes de que se inicien as proxeccións cunha espectacular interpretación ao vivo de Abraham Cupeiro tocando o cárnyx. Trátase dun grande instrumento de vento de orixe celta que ofrecerá, sen dúbida, un dos momentos máis espectaculares da noite como aperitivo de “María Solinha”.

Share.