Sábado de chanfaina e volei

0

A programación de lecer desta fin de semana presenta dúas citas ineludibles concentradas na segunda metade do sábado. Por unha banda temos unha nova edición da festa da Chanfaina de Bardaos e, pola outra, volve a Superliga masculina de volei ao pavillón municipal tras dúas fins de semana en que o Aldebarán xogou fóra da casa. O cadro de Charly Suárez recibe ao terceiro da táboa, o Ushuaïa Ibiza Voley, auténtica codia da competición que a escuadra local tentará roer e enviar co apoio incondicional da afección. A cita é ás 19.30h.

En Bardaos téñeno todo a punto para homenaxear como se debe un produto típico, a chanfaina, que alí saben preparar con moito gusto -en todos os sentidos- con esa boa man para a cociña que ten a xente da confraría do San Pipote e quen lles bota un cabo para preparalo todo.

A festa vai pola sétima edición e, aínda que o prazo para apuntarse xa rematou hai uns días, seguramente quede aínda algún oco libre para degustar o menú. Ademais, é sabido que en Bardaos nunca falta, sempre sobra, e que ninguén, por moito que coma, vai ir para a casa con fame. En tal caso arrolar á campeira para non enrechar, palabra autóctona que non aparece no dicionario da RAG e que ben se podería definir como: “colapso corporal provocado por unha inxesta excesiva de alimento”.

Non fará falla acarreirar para facer a dixestión. En Bardaos tamén o teñen previsto e por iso programaron música durante a tarde co picadiscos e vocalista David Moledo, prometedor crooner da comarca que anima habitualmente todo tipo de eventos festeiros.

Ah, faltaban dous datos: o prezo e a onde hai que chamar para ver se estamos a tempo de ir xantar. O prato, con bebida, sobremesa, café e mesmo algunha alternativa para quen non queira chanfaina, ten un prezo de 15€ por persoa. Apuntan no 630 563 130 ou 679 821 168. Iso si, insistimos en que hai que chamar para saber antes se lles queda algún oco nas mesas do local social. O xantar servirase ás 15.00h., tras un primeiro pase de Moledo.

Aldebarán-Intasa vs. Ushuaïa Ibiza
Despois de ir a Bardaos e baixar o xantar bailando ou cun “dighestivo” (manzanilla, por exemplo), é case obrigado ir facer forza ao pavillón municipal para animar ao Aldebarán-Intasa San Sadurniño, quen recibe ao terceiro clasificado na liga regular da SM1.

A cousa preséntaselle dura á escuadra azul, pero non imposible. Malia as últimas derrotas o equipo está asentado na competición demostrando bo xogo e condicións sobradas para manterse na categoría, obxectivo prioritario para o ano da súa estrea.

O Ushuaïa Ibiza Voley é un dos candidatos máis firmes a conseguir o título ligueiro, pero o Aldebarán conta ao seu favor co feito de xogar na casa e cunha afección incondicional que converte o municipal nun escenario de tormento para a concentración de calquera visitante.

O partido empeza ás 19.30h.

Share.