Ruta histórica entre os castelos de Naraío e Moeche na tarde deste venres

0

O Concello de Moeche organiza un percorrido entre os castelos de Naraío e Moeche que se desenvolverá na tarde deste venres (16:00h) guiado polo técnico de Turismo Ramón Carballeira, bo coñecedor de ambas fortalezas e da súa historia compartida, sobre todo o capítulo referido ás Revolucións Irmandiñas de finais do século XV. O percorrido ten un prezo de 5€ e fai falla inscrición previa a través do 981 404 006 ou co correo turismo@moeche.gal. 

O itinerario do venres pola tarde farase en coche saíndo de Naraío con destino a Moeche e facendo varias paradas en localizacións destacadas polo seu valor patrimonial e histórico, de maneira que esta proposta será tamén unha magnífica oportunidade para descubrir ou comprender mellor o medievo galego, unha época de transición que trouxo canda si grandes cambios sociais e culturais.

Así, tras visitar a torre e os muros que se erguen nun rochedo do lugar do Castelo, en Naraío, a expedición baixará até a ponte da Ferraría, gardada nun dos seus lados pola figura  dun xabarín (o “porco” da ponte) ou oso de pedra, símbolo da casa dos Andrade. Tamén se verá a parte inferior do paso sobre o río Castro, de arco gótico e, segundo se cre, construído no século XIV.

O seguinte punto que se visitará será o Pico de Ferreira, situado a medio camiño case en liña recta entre ambos castelos, onde a tradición e algúns escritos falan da existencia dunha construción relixiosa da que hoxe non queda máis vestixio que un sartego sen lápida esculpido na rocha, coñecido popularmente como “a cama do Santo”, San Vicente.

A lenda conta que trala construción da igrexa de San Paio, ao pé do pico, o  santo adoitaba fuxir todas as noites para ir durmir ao seu cume… ata que a veciñanza decidiu impedirllo encadeando a súa imaxe.

A tradición tamén se refire ao Pico de San Vicente como lugar máxico para a curación de males do corpo -disque meténdose no sartego pasan as dores de moas- e do espírito, ademais de ser avegoso da saúde do gando.

Desde o pico divísase todo o val de Moeche e, ao fondo, o castelo. A expedición emprenderá na última parte da tarde camiño cara ao fortín, asaltado o pasado sábado no marco do XLIII Festival Irmandiño que rememora con música e actividades culturais a segunda grande revolta campesiña e fidalga do século XV.

O percorrido turístico e histórico, que conta coa colaboración do Concello de San Sadurniño, ten un prezo de 5€ (págase ao inicio da ruta) e require inscrición previa chamando ao 981 404 006 ou mandando un correo a turismo@moeche.gal.

Share.