“Rexistros. Xeografía de San Sadurniño”, impresionismo audiovisual no Chanfaina Lab

0

Se hai unha década o máis mainstream no audiovisual eran as texturas do cine analóxico en Súper 8 dos 70 e primeiros 80, neste momento a creación está mostrando certa querencia pola textura do vídeo primitivo, daquel beta comesto polo vhs e este, á súa vez,  killed polo dvd e todos os formatos de rexistro dixital que viñeron despois. E dentro desa teima retro tamén hai tendencias. Hai quen se conforma con filtrar a imaxe para darlle un aspecto vello, e hai xente máis purista que grava directamente con cámaras de vídeo descatalogadas para conseguir texturas borrosas, cores intensas, estampas granuladas con arrecendo a lembranza arrinconada na memoria. Un destes é o realizador Adrián Canoura, cineasta que xunta a etnografía e a experimentación visual na súa contribución ao Chanfaina Lab deste ano. Asina a peza “Rexistros. Xeografía de San Sadurniño”, unha obra de grande plasticidade, case impresionista, onde o burelán pinta a poesía da paisaxe cos pinceis do ruído analóxico, a falla de definición, os desenfoques, as aberracións cromáticas e outras limitacións técnicas do sistema de rexistro, feitas virtude neste caso. Impresionismo, en definitiva, levado ao terreo da imaxe en movemento.

A ficha elaborada polo profesor Manolo González para Fálame de San Sadurniño contextualiza a curtametraxe presentada ao Chanfaina dentro da traxectoria de Canoura, onde se xuntan a innovación e a ollada ao pasado, a tempos e usos que desaparecen. O director iniciou a súa andaina audiovisual na Fundación TIC de Lugo, seguiu cun curso de cámara e realización na Escola de Ficción de Voz Audiovisual e o Máster LAV, (Laboratorio de Práctica e Creación Audiovisual Contemporánea), aprendendo de cineastas como Javier Rebollo, Natalia Marín ou Andrés Duque.

O seu traballo abrangue varias prácticas artísticas, como creador visual no dúo de electrónica Nistra, realizador de videoclips con Baiuca, ou cineasta experimental de pezas como “Salitre nas veas”, “Caerán lóstregos do ceo” e “O porco e o seu espírito”.

As súas creacións destacaron en numerosas mostras e festivais como Curtocircuito, Play-Doc, Cans, Vila do Conde, Festival du Nouveau Cinéma-Montreal, Festival Filmadrid -onde obtivo o premio ao mellor filme de vangarda- ou Escolma de cine galego (Sarria), entre outros. Canoura é fillo e neto de mariñeiros. “Fago películas punkis e baséome na antropoloxía popular galega, debullando no mundo dos mitos e das tradición. Gústame retratar mundos que desaparecen”.

Adrián non tiña unha idea preconcibida do que ía gravar no Chanfaina Lab: “A verdade é que non fun con ningunha idea precociñada, eu son máis de abrir a neveira e aproveitar todo o que hai. Un pouco con esa idea fun para San Sadurniño, atoparme co que me chamase a atención e me abraiara. Iso si, tiña en mente facer algo relacionado coa miña anterior peli, en concreto chamábame a atención o mundo dos espantallos, que trato de fotografar sempre que atopo un. E deuse a marabillosa coincidencia que a veciña de Igrexafeita Consuelo Picos, fai uns espantallos estupendos e ben elaborados. Entón desde que atopei ese fío, fun construíndo a navegación por todas as aldeas, rexistrando cousas que me gustaban ou que me facían parar e ollar un bo rato. Sumando a que fixo moi bos días, foron uns días estupendos para descubrir a xeografía de San Sadurniño e así o intentei trasladar na obra, tratando de plasmalo cun ollar diferente, sensorial e abstracto.”

“Rexistros. Xeografía de San Sadurniño” é moi coherente co estilo visual, os referentes e traxectoria artística de Adrián Canoura. Unha peza que conecta directamente con clásicos do cinema experimental, ao xeito dos diarios filmados de Jonas Mekas. Principiamos con imaxes da paisaxe de San Sadurniño, mais vémolas como luces, cores e texturas que lembran o impresionismo abstracto de Stan Brakhage. Logo comezamos a percibir pouco a pouco as formas vivas da natureza que agroman como lembranzas borrosas e imprecisas, ao xeito das fotografías de Vari Caramés -artista ao que Adrián admira-.

O relato, ao fin, condúcenos á recuperación dun artefacto da cultura rural e a memoria popular, o espantallo: “Gosto dos creadores que traballan con elementos do común pero cunha mirada moi particular, moi de navegar a través das imaxes, de deixarse levar sen procurar unha narración nin unha trama en concreto, como se admiraramos un cadro ou unha poesía. E ese camiño é o que creo que pode atopar o espectador, ante todo que non busque un sentido narrativo clásico, senón que desfrute e acepte esas abstraccións como un desenvolvemento máis profundo que as palabras”.

Así pois, o noso consello para comprender mellor a peza de Adrián é deixarse levar coma se estivesemos diante dun poema escrito coa luz, ata suspender o pensamento racional. En realidade a viaxe que nos propón o cineasta lugués é metafísica, unha ollada á nosa paisaxe, mais que non semella real porque nos transporta a un lugar abstracto que só é unha ilusión, un lugar que só existe no ollo e a mente do creador, como o espazo no que viven os soños e as lembranzas.

Share.