Resume dos resultados electorais en San Sadurniño

0

Sobre as eleccións deste 25 de setembro pouco  queda por dicir que non se saiba: o Partido Popular revalida a maioría absoluta en Galicia cos 41 escanos de 2012, entra En Marea no hemiciclo empatando co PSdeG-PSOE a 14 parlamentarios e parlamentarias, o BNG perde un e queda con 6 e nin Ciudadanos nin ningunha outra das forzas que se presentaban ás eleccións conseguen representación. Os medios de comunicación e o escrutinio falan dun PP claro vencedor que mesmo obtivo máis votos que en 2012 e de dúas formacións con resultados máis ou menos satisfactorios de portas para dentro: a Marea que se sitúa como segunda forza en número de votos e un BNG que deixa en evidencia as sondaxes demoscópicas mantendo folgadamente grupo propio na cámara. No caso de San Sadurniño a forza máis votada tamén foi o Partido Popular. Porén, as porcentaxes e a distribución dos apoios -incluso por mesas- non foi a mesma que no resto de Galicia. O PP ganou en cinco das sete urnas, o BNG é a segunda forza máis votada e destaca un leve repunte do PSOE -terceiro partido en apoios en todas as parroquias agás na de San Sadurniño- en contraposición cos datos globais, nos que esta forza baixou catro escanos.

Agora que dispoñemos de datos oficiais é posible analizar o ocorrido este 25-S en San Sadurniño e comparalo con hai catro anos. O primeiro dato relevante é que a participación chegou ao 64,84% dun censo de 2.591 persoas. É case exactamente un punto porcentual máis que en 2012, cando este índice se situou no 63,90%.

Ao peche das mesas os recontos foron destilando resultados seguindo unha orde que case sempre é a mesma por razóns de poboación.  O Partido Popular fíxose no concello con 759 votos, o 45,53%, medio punto porcentual menos que en 2012; o BNG con 519, o 31,13%, unha porcentaxe similar -sete décimas menos- á dos anteriores comicios autonómicos; o PSdeG-PSOE, con 185 votos, situouse como terceira forza nas preferencias do electorado (11,10%) subindo algo máis dun punto con respecto a hai catro anos; e En Marea, que non se presentou como tal en 2012, colleitou 129 sufraxios, o 7,74% do total. Ciudadanos, o cuarto partido que capitalizou a campaña nos medios de comunicación, só conseguiu 26 votos, o 1,56%.

O PP obtivo o maior número de apoios en cinco das sete mesas que se constituiron -San Sadurniño, Lamas, Santa Mariña e Bardaos- mentres que o BNG ganou en Naraío e en Igrexafeita e foi a segunda forza en todas as demais. Como terceiro partido situouse o PSOE, menos na mesa de San Sadurniño onde ese lugar o ocupou En Marea.

A diferenza do contexto total Galego, en San Sadurniño a correlación de forzas da esquerda (BNG, PSOE, Marea) superaría ás de centro-dereita (PP e Ciudadanos) en cinco das mesas -San Sadurniño, Naraío, Lamas, Ferreira e Igrexafeita- e tamén no conxunto do municipio, onde as primeiras xuntaron 833 votos por 785 das segundas.

FireShot Capture 13 - San Sadurniño - Resu_ - http___resultados2016

Share.