Reordenación do tráfico trala apertura da nova rúa entre o Centro de Saúde e o Pavillón municipal

0

Recentemente remataron as obras da nova rúa que comunica o contorno do Convento do Rosario e máis o Centro de Saúde co cemiterio e co Colexio público de San Sadurniño. Ademais de servir para urbanizar toda esa zona, a obra tamén facilita a mobilidade das persoas que van ao centro médico e ao cemiterio, así como as manobras dos autobuses escolares que acoden ao colexio.  Agora toda a rúa é de sentido único desde a Casa da Cultura até a rotonda situada ao pé do pavillón, algo que se debe ter en conta cando vaiamos ao médico e tamén se levamos a rapazada á escola no noso propio coche.

O acceso á Casa da Cultura e ao Centro de Saúde, polo tanto, débese facer obrigatoriamente entrando coma sempre desde Marqués de Figueroa, coa diferenza de que agora non poderemos virar nin dar marcha atrás para volver á estrada principal, senón que deberemos continuar de fronte, pasar por diante do cemiterio e acceder á avenida pola rúa que vai paralela ao colexio.

Aínda que a cousa vai mellorando pouco a pouco, seguen dándose casos de condutores e condutoras que por despiste ou por costume se meten por dirección prohibida cando saen do aparcadoiro e incluso hai quen baixa directamente desde o pavillón en vez de facelo por Marqués de Figueroa. Para evitar equívocos insistimos en que hai que atenderlle aos sinais horizontais pintados desde o primeiro momento e tamén aos verticais, colocados hai escasos días.

Tamén é obrigado respectar a nova delimitación das prazas de aparcadoiro. Ademais da superficie habilitada diante do cemiterio, agora é posible estacionar a ambos lados diante da Casa da Cultura, mentres que as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, para a Garda Civil e para ambulancias se moveron á beirarrúa da Casa da Xuventude. Recordamos que nas prazas azuis só se pode estacionar con tarxeta acreditativa da minusvalía e que nas  restantes -taxis, gardas e ambulancia- non se pode aparcar.

Lémbrase tamén que a rúa paralela ao colexio público segue sendo de dous sentidos e, insistimos de novo, que está prohibido baixar desde alí cara ao Centro de Saúde polo novo tramo.

De cara a lograr maior fluidez na circulación nas horas punta de entrada e saída no colexio -cando o transporte escolar ocupa un dos carrís da rúa paralela- recoméndaselles ás persoas usuarias  que accedan desde o Centro de Saúde en vez de entrar directamente desde Marqués de Figueroa.

Con ese simple xesto de sentido común -aínda que haxa que dar algo máis de volta- sempre se manterá un tráfico circular que evitará invadir o carril contrario no momento en que haxa buses aparcados e, ademais, tampouco lle estaremos obstaculizando o paso a quen veña de fronte correctamente.

Por outra banda, a nova obra tamén habilitou unha grande zona de xiro cunha pequena illa no centro pensada para que os buses poidan dar volta sen ter que facer manobras complicadas. Pero para que a idea funcione tamén fai falla que non haxa vehículos parados ou estacionados nin no cebreado de saída nin na beira marcada cunha liña zigzag amarela.

Quedan poucos días para que rematen as clases e con elas os atascos puntuais que se están producindo ás horas de entrada e saída da escola. Con todo, desde o Concello prégaselles aos pais e nais que teñan en conta todas estas recomendacións confiando en que en setembro, co arranque do novo curso, a situación estea normalizada.

Share.