Remata a reparación da estrada provincial entre O Coval e A Pena

0

Xa están rematadas as obras de reparación de parte da estrada DP 7603 que enlaza o núcleo urbano de San Sadurniño con Valdoviño pasando por Silvalonga e Santa Mariña do Monte. A Deputación da Coruña, como titular da vía, adxudicoulle o proxecto á empresa Hordescon S.L. o pasado mes de abrio, coa encomenda de botar unha nova capa de firme aglomerado ao longo dos 5,3 quilómetros comprendidos entre o núcleo valdoviñés do Coval e uns metros antes do Mesón Os Cazadores, no lugar da Pena. O ramo ao proxecto viario, que suporá un investimento de 428.929,8 euros, púxoselle onte á tardiña co remate do pintado da sinalización horizontal.

Desde o Concello destácase o “cambio substancial” que supuxeron as obras en canto a comodidade e seguridade para a condución, dado que o novo firme “é máis adherente e tamén eliminou as irregularidades da estrada”, explica Secundino García.

A obra iniciouse no punto quilométrico 9,615 á altura do cruzamento entre a DP 7603 e a CP 2502, no lugar valdoviñés do Coval, e chegou até o quilómetro 4,250, no lugar da Pena, en Santa Mariña do Monte. Quedarían pendentes de reparar, polo tanto, outros arredor de 4 quilómetros para completar todo o trazado, que xa ten aglomerado un pequeno tramo do seu arranque, entre a Avenida Marqués de Figueroa e a Agra.

Cando a Deputación aprobou o proxecto, en decembro do ano pasado, o Goberno local valorou positivamente que se fose mellorar o firme de máis de cinco quilómetros de estrada, pero criticou que as obras non se iniciasen no lado de San Sadurniño continuando logo por Silvalonga e Santa Mariña, co argumento de que beneficiarían de xeito inmediato a máis poboación.

O Concello agarda que de cara ao plan de conservación de vías provinciais de 2023, “a Deputación inclúa o aglomerado do tramo que falta para darlle continuidade ao resto de lugares ás melloras que xa se notaron entre Santa Mariña e Valdoviño”.

 

Share.