Recoñecemento municipal aos heroes de Valladolid

0

A Casa do Concello acolleu na tarde deste mércores a recepción oficial ao equipo alevín do Aldebarán San Sadurniño tras acadar un meritorio 6º posto no campionato estatal de volei desta categoría, celebrado durante a pasada fin de semana en Valladolid. Secundino García entregoulles unhas láminas deseñadas polo artista gráfico Juanlu Fernández parabenizando aos nenos polo resultado tanto no evento nacional como pola súa traxectoria esta temporada, na que acadaron o bronce no campionato galego e tamén se alzaron recentemente coa Copa Xogade da provincia. “Énchenos de orgullo. É unha garantía de futuro para o voleibol de San Sadurniño. Estou seguro de que o vivido estes días non o van esquecer nunca”, dixo o rexedor.

García trasladoulles, ademais, o agradecemento “no nome do Concello e de toda a xente de San Sadurniño” e mostrou a súa confianza en que os resultados obtidos animarán aos pequenos a “seguir no deporte e xogando ao volei e ser no futuro o referente para os que son nenos coma eles agora”. O alcalde tamén dirixiu a noraboa e o agradecemento municipal aos dous adestradores, Pablo Gómez Parga e Antonio Dopico.

Pola súa banda, o presidente do club, Juan Manuel García “Cobelo”, destacou o compromiso do Concello co volei e, máis que ninguén, o das familias “que fixeron un esforzo importante para que os rapaces xoguen ao voleibol”. Cobelo agradeceu tamén o labor dos adestradores e sinalou como “algo histórico” o sexto posto no campionato estatal desta categoría.

Na recepción os nenos estiveron acompañados das súas nais e pais, do capitán do primeiro equipo do Aldebarán, Uxío García, e tamén dos concelleiros Ana Belén Breixo, Tomás Calvo e a voceira do PP, María Belén Trigo.

Unha temporada memorable e unha xesta heroica
A xesta da pasada fin de semana en Valladolid foi a culminación dunha temporada chea de ilusión da rapazada, teima das nais e pais e tamén de algo de sorte. Ademais de Parga -alternándose con Anxo Pérez e Santi Díaz- quen máis tempo pasou cos cativos nos adestramentos e nos partidos foi Antonio Dopico, delegado do equipo a pasada fin de semana. Dopico asumiu unha parte importante da preparación e tivo tamén boa parte da responsabilidade de que a rapazada chegase ao estatal.

O equipo fíxose co bronce no campionato galego e levou invicto a copa provincial Xogade. Porén, para acudir a Valladolid só había dúas prazas, correspondentes aos dous primeiros clasificados no galego, o Dumbría e o Boiro. Nais, pais e rapazada decidiron probar sorte e o Aldebarán inscribiuse no Campionato de España cruzando os dedos para que houbese algunha baixa que lles permitise entrar na competición. E, ao final, houbo fortuna.

Os alevíns partiron para Valladolid o xoves á tarde na compaña de familiares e do adestrador. Xa na viaxe ían mentalizándoos de que o campionato era “para xogar e pasalo ben”, dado que as nais e pais eran moi conscientes de que no Pisuerga ían bater con equipos moi potentes.

Pero os nenos tiñan outros plans e o venres pola mañá saltaron á pista deixando ben clariño que se estaban alí era para ganar. Así, ese mesmo día desfixéronse con autoridade primeiro do Manacor e despois do Santo Domingo Voleibol Petrer. No grupo coincidiron co Wefferent Mintonette Almería, que acabou ganándolles non sen esforzo.

O sábado, máis do mesmo. Na rolda á que só accedían os 16 mellores dun total de 31 equipos, o Aldebarán venceu ao Cisneros Alter, perderon contra o Manuela Rial Voleibol Dumbría e, a última hora da tarde, ganáronlle ao Motilla, o que lles supuxo colocarse entre os 6 mellores equipos do Estado e ter opción de loitar pola 5ª praza o domingo pola mañá.

A medida que o soño ía facéndose realidade, tamén ía medrando o nerviosismo na cancha e nas bancadas. Tensión que se liberaba ao remate de cada partido e que se volvía cargar ao comezo do seguinte, algo que acusaron os nenos e tamén os pais e nais que observaban desde o público roendo nas uñas. Esas subidas e baixadas de adrenalina, a propia viaxe e a disputa dos partidos do venres e mailo sábado puxeron a proba a capacidade de concentración e o rendemento do equipo, que o domingo se mediu no seu último partido aos extremeños do Cat. La Gran Familia Voleibol. Dérono todo contra un rival forte que, malia o esforzo, lles acabou levando o partido por 11/25 e 20/25. Segundo comentaban algunhas nais e pais, de manterse o nivel de xogo exhibido o sábado, o Aldebarán teríase feito sen demasiado problema co 5º posto na táboa.

De quedar quintos a quedar sextos, como finalmente ocorreu, pouca diferencia che hai. O importante é que rapazada e familias cumpriron o obxectivo: vivir a experiencia dun campionato estatal, pasalo ben e aprender xogando. E, como engádega,  Adrián, Anxo, Duarte, Iván, Julio, Rubén, Samuel e Sergio escribiron unha nova páxina para a historia do club local. Agora toca coidar e apoiar todo este talento, xa que o futuro é seu e tamén do resto de equipos da base do Aldebarán.

Campus de volei bilingüe durante o verán
E aínda que os equipos xa iniciaron unhas merecidas vacacións, a actividade do club non para durante o verán. Volve organizar un campus de volei dirixido á rapazada que terá lugar no pavillón municipal durante os meses de xullo e agosto con horarios de 10 a 11.30h. e de 11.30 a 13.30h. En xullo as sesións desenvolveranse de luns a venres e en agosto de luns a xoves.

Este ano o Aldebarán propón xogar ao volei e, ademais, practicar o inglés mentres se xoga. De dirixir os obradoiros encargaranse o local Santi Díaz e Tea Andric, receptora en Superliga do Emevé Lugo feminino.

O prezo da actividade son 50€ por cada mes e para obter información ou inscribirse hai que chamar aos teléfonos 619 427 433 ou 671 752 719. No prezo inclúese o seguro deportivo.

Share.