Ramiro Martínez falará o sábado 16 sobre a froita como alternativa ao forestal

0

A última vaga de incendios forestais que varreu Galicia puxo enriba da mesa, unha vez máis, o debate sobre como se xestionan os montes e de que maneira se poden poñer en valor buscando alternativas ao monocultivo do eucalipto e doutras especies pirófitas. E alternativas hainas, incluso combinadas cos aproveitamentos forestais. Delas falará o enxeñeiro agrónomo Ramiro Martínez nunha charla organizada pola Asociación Galega da Froita Autóctona en colaboración co Concello para a mañá do sábado 16 na Casa da Xuventude. Martínez -propietario do  viveiro “O Pomariño”- centrará a sesión nas posibilidades económicas da froita do país como cultivo para venda en fresco ou transformado, incluíndo entre os contidos un apartado específico para as noces e as castañas. A convocatoria non require inscrición previa e comezará ás 10 da mañá.

Tres cuartas partes do país son monte que, na súa maioría, están a monte, é dicir, sen plans de xestión racionais ou invadidas pola matogueira que resulta do abandono, xa sexa por desinterese, por causa de herdanzas pendentes de resolver ou polo progresivo despoboamento do rural.

Revertir a situación é cousa complexa xa que non se trata de  corrixir un único factor, senón que son moitos e moi distintos que se poden abordar desde múltiples puntos de vista -o social, o demográfico, o económico, o ecolóxico etc.- e que sempre acaban reducidos a dúas accións urxentes e dificilmente trasladables a medidas concretas: a fixación de poboación e o aproveitamento sustentable das terras agrícolas e forestais.

Detrás da urxencia está a inmediata necesidade de poñerlle freo aos incendios, pero tamén a de preservar unha biodiversidade en delicado equilibrio por causa de pragas e doutras ameazas ambientais.

Sustentabilidade, desenvolvemento local, mercados de proximidade, calidade, produto autóctono… son todos conceptos que teñen na posta en valor dos recursos propios -moitos deles case esquecidos- unha posibilidade real de cara ao futuro. Hai tan só quince anos ninguén daba un peso por cultivar mazás e as que caían da árbore ían todas por xunto para os lagares asturianos. Hoxe as distintas variedades do país -moitas delas identificadas e rexistradas gracias ao traballo de Ramiro Martínez e da AGFA- son un produto dun alto valor engadido para mesa ou para a súa transformación en zumes e sidras que se elaboran en Galicia. E a demanda vai a máis.

E quen fala de mazás, fala de peras, pexegos, cereixas, etc., que noutro tempo se cultivaban de forma masiva mentres que agora non son capaces de abastecer sequera os mercados circundantes. En resume, a froita está vivindo unha nova primavera gracias ao cultivo de variedades adaptadas ao territorio con técnicas que buscan calidade por riba de todo. Unha circunstancia que se pode aproveitar para poñer a producir terras abandonadas ou como alternativa ás plantacións forestais, máis cómodas a longo prazo pero, quizais, tamén cun período máis longo de retorno do investimento, se é que ese retorno chega a producirse.

Ramiro Martínez comentará todos estes extremos e cuantificará as posibilidades da froita como mecanismo complementario da reactivación da economía no rural. Ademais tamén falará das nogueiras e dos castiñeiros, que ofrecen numerosas vantaxes con respecto a outras especies arbóreas. Dan un froito que, neste momento, é moi demandado; existen híbridos de crecemento rápido -case tanto como o de piñeiros e eucaliptos- que poden dar varias colleitas para froito e logo ser aproveitadas para madeira facendo un guiado da copa que garanta fustes dereitos e libres de nós duns 2,5 m de alto. Ademais, o castiñeiro e a nogueira están adaptadas ao territorio, son cortalumes naturais e abrigan baixo de si outros froitos, como por exemplo os cogumelos.

A charla de Martínez está programada para o sábado 16 de decembro na Casa da Xuventude a partir das 10.00h.. Non fai falla inscrición previa, só ganas de escoitar a unha das persoas que máis sabe do cultivo da froita en toda Galicia -e posiblemente no Estado- e ter interese nun tema que pode ser fundamental para a reactivación do medio rural.

Share.