Quentando motores para o Entroido

0

Aínda cos polvoróns na gorxa, San Sadurniño e o resto do mundo mundial xa andan cos preparativos do carnaval, que terá a súa data central, o Martes de Entroido (festivo local), en menos dun mes. En moitas casas xa se andan degustando freixós e orellas e tamén xa hai quen anda retellando na máscara que lucirá en solitario ou en grupo nas numerosas citas que, previsiblemente, haberá en toda a volta en forma de desfiles e festas. Xa avanzamos que San Sadurniño organizará unha xornada trouleira o venres 17 de febreiro na praza do antigo Concello con actividades de mañá para a rapazada do CPI e á tardiña -a partir das 19:30h- abertas a toda a veciñanza. En ambos casos haberá música e premios para os mellores disfraces. Porén, como dicimos, aínda faltan unhas semanas e tempo haberá de falar con máis detalle desta e doutras propostas que vaian aparecendo. Iso si, antes daquela temos dúas festexadas para ir poñéndonos ao xeito: este sábado 28 de xaneiro o San Vicente en Ferreira e o sábado 4 de febreiro un grande cocido de Entroido en Bardaos.

Ferreira está recuperando a tradición de celebrar as festas de toda a vida, que sempre arrancaban a primeiros de xaneiro honrando ao San Vicente, o seu santo máis querido a pesar de que a advocación parroquial sexa a San Paio. Tal é así que en practicamente todas as xeracións pasadas e presentes o nome “Vicente” aínda é unha constante e case un sinal de pertenza á zona, tanto neste lado do pico que leva o nome do mártir oscense como na aba dese mesmo monte, tan peculiar pola súa forma, que cae para o lado de Moeche.

Segundo os últimos datos oficiais do IGE, en San Sadurniño había en 2021 dez vicentes en total e en Moeche outros seis. Con todo, malia ter Ferreira un pico, unha cama e un santo encadeado no altar parroquial, o primeiro posto comarcal por coincidencia exacta do nome é para Valdoviño, con 63 nenos e homes chamados Vicente -o sétimo  máis común no municipio- a maioría deles residentes na parroquia de Meirás.

Deixando a un lado as curiosidades estatísticas, e volvendo ao asunto da festa, a celebración do San Vicente tocaríalle por calendario o día 22, pero a comisión veciñal de Ferreira de Abaixo decidiu poñela este sábado 28 de xaneiro.

O punto de encontro é a explanada que hai ao carón do local social da Seara, onde teremos sesión vermú co Dúo Karamba, precedida ás 13:00h da correspondente misa na igrexa parroquial.

Pola noite, a partir das 21:00h, serviranse liscos, patacas, chourizos e pan ao prezo de 5€ a ración, co obxectivo de coller forzas para bailar até a madrugada de novo co Dúo Karamba acompañado polo Grupo Origen. Ao longo da velada haberá varios sorteos e a festa contará cunha grande carpa para atenuar o frío ou, de ser o caso, gorecernos da auga.

Cocido en Bardaos
O seguinte evento veciñal da axenda é o cocido de Entroido que preparará a comisión de festas de Bardaos 2023 o sábado 4 de febreiro no local social da Bañoca. Empezarán cunha pequena sesión vermú con música ao vivo ás 14:30h.

Media hora despois servirase o xantar, composto por sopa de cocido, lacón, cachola, chourizo, patacas e garavanzos, ademais de sobremesa a base de freixós, orellas e doces propios destas datas. O menú inclúe pan, viño, refrescos e auga por un prezo de 20€ (menores de 10 anos gratis). A troula continuará tralo xantar con máis música ata ben entrada a noite (o más).

Dado que o aforo é limitado, e para facer acopio suficiente de viandas, a comisión pide que as reservas se fagan antes do 30 de xaneiro mandando un whatsapp ou chamando aos teléfonos 621 315 101, 688 917 766 ou 676 102 998.

O Entroido municipal, o venres 17 de febreiro
A Concellaría de Cultura ten practicamente pechada a programación municipal do Entroido, que se concentrará na xornada do venres 17 de febreiro baixo unha carpa instalada na praza do antigo Concello.

Pola mañá, a partir das 11:00h, o espazo encherase de máscaras infantís e xuvenís provenientes da EIM A Rolada e do CPI -que colabora na organización-, así como coa música das escolas municipais. Servirase chocolate con orellas e, ademais, haberá premios e un posto de venda de distintos artigos para financiar as viaxes de fin de curso. Se viñese bo tempo incluso se organizaría un pequeno percorrido polo centro urbano animando a que a rapazada da ESO lle bote unhas cantadas ao ritmo das gaitas e das pandeiretas.

Na segunda metade do día, a iso das 20:00h, a celebración entroideira abrirase á participación do público en xeral con música e premios para os mellores disfraces -preferiblemente artesanais, non mercados- nas categorías infantil individual e infantil en parella, xuvenil individual e grupo (calquera idade).

Ademais, o Concello tamén volve organizar o certame Entroidadas para que todos os domicilios e negocios de San Sadurniño se animen a colocar  un espantallo relacionado coa música nun lugar ben visible desde a vía pública.

A actividade desenvolverase entre o 11 e o 26 de febreiro e, igual que en propostas similares anteriores, haberá que enviar tres fotos antes do día 11 ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Entre todas as persoas participantes sortearanse dous premios valorados en 100 euros.

Entroido en Naraío
E o calendario da troula -polo momento, que nós saibamos- tamén inclúe o baile de máscaras organizado pola AVV O Castelo de Narahío, que terá lugar no local social da Veiga o sábado 18 de febreiro a partir das 22:30h. Segundo informa a entidade veciñal, a noite estará animada polo Dúo Eva e Camilo e durante a noite haberá varios sorteos de agasallos.

Share.