Quenindiole e a Rapazada do Saíme volven xuntarse este sábado na Casa da Cultura

0

A asociación veciñal Xuntanza de Lamas organizou para a tarde do sábado unha velada arredor da música tradicional protagonizada por nenos e nenas que, salvo algunha excepción, non pasan en ningún caso dos 13 anos de idade. O evento empezará ás 18.00h. na Casa da Cultura con entrada libre e sobre o escenario poderemos ver a Quenindiole e á Rapazada do Saíme, dúas das formacións máis prometedoras da nosa música ás que haberá que seguirlles a pista nos próximos anos para ver ata onde chegan. Seguro que ao máis alto que xa teñen demostrado unha grande calidade en numerosas actuacións por toda a comarca. 

Xuntanza de Lamas empata esta fin de semana dúas actividades ben distintas pero que dán conta do pulo que se lle está imprimindo á entidade nos últimos tempos.

O venres disputarase no local social o segundo campionato de futbolín con 485 puntos en xogo divididos en dous niveis con primeiro, segundo e terceiro equipo clasificado en cada un deles. As partidas comezarán ás 20.00h. e para inscribirse hai que mandar un correo a avvlamas@gmail.com ou chamar aos teléfonos 637837541- 664203738. A inscrición custa 30€ por parella.

Ao día seguinte a actividade lévase á Casa da Cultura de San Sadurniño -18.00h. entrada libre- por ser o recinto máis próximo e coas condicións necesarias para acoller o numeroso público que se agarda nas actuacións de Quenindiole e a Rapazada do Saíme.

A primeira formación está composta por 8 nenos e nenas da comarca que interpretan pezas do repertorio galego con grande mestría, xuntando gaita acordeón, percusión -pandeiretas, bombo e tambor- e tamén voces. Pasaron por festivais de tanto renome como o Irmandiño ou o do Río Castro, ademais de quedar finalistas este ano no concurso Quero Cantar da Deputación da Coruña.

Canda eles e elas  actúan as nenas e nenos da escola de música tradicional do Concello, que xa levan percorrido numerosos eventos exhibindo o seu bo facer cantando e tocando a pandeireta. Son a Rapazada do Saíme, seis nenas e un neno que en 2016 tamén participaron no Quero Cantar e con quen Quenindiole xa compartiu “bolos” anteriormente. A última vez que puidemos ver xuntas ambas agrupacións foi na repichoca final do Samaín de Naraío.

Na Casa da Cultura tocarán pezas por separado e tamén algunhas compartidas coas que poñer volver deixar claro, unha vez máis, que a música tradicional ten o futuro asegurado.

Share.