Que? como van os traxes do Entroido?

0

A pregunta é obrigada. Queda pouco máis dunha semana para os días grandes do Entroido e se alguén non sabe aínda como se vai vestir de máscara élle moita horiña de sabelo, sobre todo se quere participar no concurso convocado este ano polo Concello. Ata o Mércores de Cinsa -o 17 de febreiro- continuaremos neste rexime de semiconfinamento que limita movementos e relacións sociais, xusto o contrario do que representa o propio Carnaval. Pero aínda así, a cita resiste e reinvéntase para vivila e compartila doutro xeito aproveitando o potencial das redes. “Entroidadas” -que así se denomina o concurso organizado por Cultura- premiará as mellores máscaras nun formato que se desenvolverá de maneira virtual publicando en Facebook fotos e vídeos. Poderán participar as veciñas e veciños empadroados ou residentes no municipio e fará falla inscrición previa chamando ou mandando un whatsapp ao 616 332 919 ou remitindo un correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Haberá que indicar os datos da persoa ou persoas participantes -nome e apelidos-, a categoría na que se participa, o enderezo e un teléfono de contacto. Será tamén a eses contactos a onde haberá que mandar as fotos ou vídeos antes das 14.00h. do 17 deste mes.

A principal norma do concurso é que os disfraces sexan de fabricación artesanal. Poden ser de calquera cousa, non hai restrición temática, pero si se insiste niso, en que as persoas participantes deberán lucir indumentarias feitas na casa, nada de comprar os traxes en Amazon. De feito, segundo poñen as bases, ese será motivo suficiente para quedar fóra do concurso. Nos faiados e garaxes seguro que hai material abondo para preparar un bo traxe e, se non, en San Sadurniño tamén hai de sobra onde mercar teas, gomas, cartolinas, pegamentos, flores e calquera outra cousa que se nos ocorra para compoñer a máscara.

A segunda condición é que cada persoa só poderá participar unha soa vez e nunha única categoría. No apartado individual son as seguintes, dotadas cun total de 9 premios:

  • Infantil (ata 7 anos), que poderán levar tres premios en forma de vales de 50€ para cambialos por material didáctico na Libraría Brétema.
  • Xuvenil (de 8 a 15 anos), para os que se reservan outros tres bonos de 50€ canxeables en Brétema.
  • Adulta (de 16 anos en diante), tamén con tres vales de 50€ para gastalos no comercio local.

Para entrar  no concurso fará falla enviar ao correo ou ao whatsapp de Cultura como máximo dúas fotos , indicando o nome que se dese na inscrición previa. As fotos serán valoradas por un xurado formado por tres persoas que mirarán a orixinalidade e a creatividade.

Tamén hai un apartado dirixido a comparsas formadas por quen vivan na mesma casa, posto que a normativa preventiva en vigor non permite, con carácter xeral, grupos de non conviventes. As comparsas que se formen só para lucir os seus traxes só terán que mandar unha ou dúas fotos de grupo, igual que nas categorías individuais. Nese caso concederase un único premio -que valorará a súa orixinalidade- consistente nun vale de 100 € por un xantar ou cea  nun restaurante ou casa de comidas local.

Porén, Cultura tamén premiará aquelas comparsas de conviventes que preparen coplas, coreografías, cancións… ou todo ao mesmo tempo.  Porén, en vez de foto, nesta categoría deberán mandar por whatsapp ou correo un vídeo -preferiblemente gravado en horizontal- onde se escoiten e vexan ben os seus retrousos satíricos. Para elas hai reservado, tamén como premio único,  un vale de 150€ por un xantar ou cea nalgún dos establecementos do territorio.

Ademais, o día da entrega dos galardóns, tamén se sortearán cinco lotes de produtos de proximidade entre as persoas participantes non premiadas.

Tanto as fotos como os vídeos poden remitirse até as 14.00h. do mércores 17 de febreiro. Ao longo desa xornada todas as imaxes recibidas publicaranse no Facebook do Concello, de maneira que o Entroido de San Sadurniño se convirta nunha cita virtual da que toda a veciñanza poida gozar desde a casa.

O fallo do xurado darase a coñecer o 26 de febreiro publicándoo na web municipal e os premios para cada categoría entregaranse, se a situación sanitaria o permite, o sábado 6 de marzo ás 12.00h. na Casa do Concello.

Bases do concurso

Unha reflexión antes de rematar
O ano pasado por estas datas fixemos unha pequena disertación ao redor do significado social do Entroido e de como se fora perdendo a tradición nos últimos anos. E este ano volvemos coa mesma historia, a ver se así o logramos revivir co seu espírito orixinal pensando xa no 2022.

Antes de nada hai que precisar un detalle: un disfrace é un disfrace, e unha máscara… unha máscara é outra cousa. E é que as máscaras son máis que xente disfrazada, porque “ir de máscara” é, de feito, unha tradición de séculos, un rito, incluso un mecanismo de reforzo comunitario.

Antano -mesmo nos tempos en que a Igrexa promoveu a súa prohibición- o Entroido era sinónimo de persoeiros irreverentes, ocultos detrás de trapos ou pelexos con cheiro a vello e a cerrado. Armadanzas que entraban nas casas para amolar aos seus moradores nuns casos ou para facerlles pasar un bo momento noutros, enchendo a visita de risotadas, chanzas, humor de trazo groso e comentarios chocalleiros que se acompañaban dando conta de viño, orellas, freixós, xamón ou calquera outra cousa que houbese á vista, se a había.

E todo iso pasaba baixo condicións controladas pola tradición baixo dúas regras de ouro que ninguén cuestionaba: ás máscaras non se lles podía tocar -nin moito menos quitarlles a carauta- e había que aguantarlles as  bromas, para ben ou para mal, ata que marchasen facer esterco a outro lado.

Ese é o Entroido tradicional, que case sucumbiu, coma outros costumes, ás modas recentes chegadas doutras latitudes onde o importante non é tanto manter a esencia e a función social da máscara, senón lucir traxes vistosos. Semella ser máis importante facerse ver e asegurar a fachenda de que nos coñezan que gardar o anonimato, e con iso a maxia de antano desaparece.

Este ano vai ser así, un Entroido raro, sen moita festa. Pero para 2022 sería ben que as máscaras volvesen botarse aos camiños buscando casas que invadir e vítimas das que rir a cachón. Para daquela -se podemos- abrámoslles as portas e acollámolas cos brazos abertos, por máis que despois nos acabe pesando tanta derrama de hospitalidade.

Share.