Punto e aparte no Chanfaina Lab

0

Rematou o Chanfaina Lab. Máis que rematar fixo un punto e aparte xa que, en realidade, o que ocorreu esta fin de semana en San Sadurniño non foi máis que a metade do traballo. O sábado e mailo domingo os realizadores e realizadoras andiveron percorrendo o territorio á procura de imaxes e historias que contar e, unha vez captadas, agora quédalles por diante o duro traballo de desmestar metraxe, ordenala e compoñer con ela unha peza. Teñen de prazo ata xaneiro. Tempo máis que dabondo para meditar e pulir montaxes e mesmo para voltar a San Sadurniño por se algunha parte quedou coxa ou se fai falla algún plano concreto que non se puido facer nestes dous últimos días. O Chanfaina volverá, seguramente, a finais de xaneiro ou principios de febreiro coa parte final, a da proxección dos audiovisuais que por terceiro ano volverán retratar o concello como nunca antes o víramos.

O Chanfaina Lab, ademais dun evento de creación colectiva, non deixa de ser unha experiencia social que mesmo se podería analizar levándoa ao campo da bioloxía. Case unha trintena de persoas esparexidas por 100 quilómetros cadrados de territorio con cadansúa cámara buscando algo que contar, interactuando co medio como células completamente autónomas que, sen embargo, funcionan sen sabelo como un único organismo. Algo semellante ás formigas polo seu tesón, pola maneira que teñen de cooperar entre elas e porque o resultado final non será un simple sumatorio de obras, senón algo máis.

E é que un dos principais trazos diferenciadores do Chanfaina é a camaradería que se alenta entre xente que, na maioría dos casos, non se coñecía persoalmente e que tiña referenzas a unha da outra unicamente polos traballos publicados (e moitos deles premiados en festivais de prestixio internacional). Xa o venres, trala presentación do encontro, o espírito chanfaina empezou a manifestarse co intercambio de ideas e unha certa expectación sobre o reto asumido.

Un reto compartido por xente cunha longa bagaxe audiovisual e xente nova que empeza nisto da creación cinematográfica pero que falan de igual a igual aproveitando calquera achega que poidan facerse mutuamente, xa sexan propostas argumentais ou emprestándose material. E dese espírito tamén se contaxia a xente da casa, convertida en creadora, en intérprete das curtas ou axudando na produción e intendencia do evento. De feito practicamente todas as asociacións veciñais do territorio botaron un cabo e, ademais do persoal implicado directamente no proxecto, foron máis dunha vintena as persoas que se prestaron e aprestaron para que todo saíse ben.

Parte dos creadores e creadoras chegaban cun esquema máis ou menos definido sobre por onde tirar, pero tamén houbo quen veu á aventura e a deixarse levar polo que puidese xurdir, na consciencia de que ás veces as mellores historias aparecen no momento e que só fai falla ollo para velas e para engancharse a elas coa cámara, fuxindo do xustillo dun guión previo.

O resultado destes dous días de traballo de campo hase ver dentro duns meses. De momento só se saben as liñas argumentais xenéricas que cada equipo foi desvelando nos momentos de encontro, como xantares e proxeccións. Constátase que haberá de novo diversidade de xéneros -ficción, documental, cine experimental, etc.-, multiplicidade de formatos -vídeo, cine DSLR, cine dixital, super 8, etc.- e, sobre todo, variedade temática.

Así, por exemplo, houbo quen tirou polo humor botando man dunha muller obsesionada coas verzas, quen se detivo coas texturas da pel humana, quen optou por recrear o universo máxico de Cunqueiro, quen se obstina en reflectir o movemento da natureza arredor do ser humano inmóbil e quen conseguiu converter a cámara nun sorprendente catalizador para que diante dela aflorasen sentimentos persoais e afectos que sempre estiveran aí pero que as súas protagonistas nunca se atreveran a deixar saír, a dicirse á cara.

A primeira parte do Chanfaina Lab 2016/2017 pechouse oficialmente este domingo ás 19.00h. na Casa da Cultura coa proxección do vídeo “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”, froito dun obradoiro impartido o venres á mañá por Videodinamizarte coa participación de dez persoas, a maioría cunha idade media superior aos 60 anos. Porén, o peche oficioso do encontro produciuse na sobremesa tras degustar a chanfaina de Igrexafeita, onde tanto Manolo González -principal impulsor do proxecto- como a concelleira de Cultura, Sabela Cinza, agradeceron a participación dos creadores e creadoras como a de “toda a xente de San Sadurniño, sen a que o Chanfaina non sería posible”.

A finais de xaneiro -ou empezos de febreiro- máis Chanfaina (Lab). Ah, e ata fin deste mes de setembro temos na galería da Casa do Concello a exposición fotográfica “A propósito da Chanfaina”, con instantáneas captadas nas anteriores edicións polo fotoxornalista Gabriel Tizón.

Ligazóns:
Galería fotográfica xoves e venres
Galería fotográfica sábado
Galería fotográfica domingo

 

Share.