Publicadas as axudas para paliar os danos do porco bravo

0

A Consellería de Medio Ambiente publicou no Diario Oficial de Galicia de hoxe a convocatoria de axudas para compensar os danos provocados polo xabarín nas colleitas. A esta liña poderán acollerse as persoas titulares de explotacións agrarias onde se constatasen estragos producidos polo porco bravo. A convocatoria manterase aberta ata o 10 de outubro e, iso si, para solicitar as axudas ten que haber un informe previo do/a axente de Medio Ambiente, por iso a propia normativa establece que se deben comunicar os danos chamando ao 012 no prazo máximo de tres días despois de producírense. A contía da axuda varía dependendo do tipo de cultivo e da superficie estragada e, en calquera caso, non poderá superar os 1.500 euros por explotación. É importante subliñar a palabra “explotación”, xa que só terán dereito a esta compensación os mainzais, patacais, hortas, praderías, etc.  que pertenzan a persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade agraria e que estean inscritas nalgunha das seccións do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

Este requisito pecha a posibilidade de que perciban a axuda as pequenas plantacións domésticas para autoconsumo que non formen parte dunha explotación con nº de REAGA e que son maioría no noso concello. Con todo, a convocatoria -dotada cun orzamento de 600.000 euros- si beneficiará aos labregos e labregas inscritas no rexistro autonómico como titulares de explotacións agrarias prioritarias, explotacións agrarias de titulariedade compartida, explotacións acollidas ao rexime de venda directa e outras.

O primeiro paso que se debe dar antes de presentar a solicitude é comunicar o ataque do porco no prazo máximo de tres días chamando ao teléfono 012, que atende de 8.00 ás 20.00 horas de luns a venres e das 8.00 ás 17.30 horas os sábados. O persoal de atención facilitará na mesma chamada unha clave que será necesaria para identificar posteriormente o expediente. Unha vez rexistrada a denuncia, o persoal da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio desprazarase ata o lugar dos feitos para comprobar a existencia dos danos. Mentres non se reciba a visita do persoal da consellería non se poderá facer a colleita. A  valoración dos danos recollerase nun informe que o técnico ou técnica encargado da inspección lle remitirá ao servizo provincial de Conservación da Natureza.

A partir da inspección xa se poderá presentar a solicitude da axuda. O DOG sinala que a tramitación se fará preferentemente a través da sede electrónica da Xunta, aínda que tamén se pode presentar en papel nas súas delegacións, a través do portelo único do Concello ou polas vías previstas pola lexislación reguladora das relacións da cidadanía coas administracións públicas. Ademais da solicitude tamén cumprirá achegar copia do DNI, a acreditación da titulariedade da explotación e que  -ou ben autorizar á Xunta para que a comprobe-  e planos do SIXPAC coas referenzas das leiras afectadas.

O tope máximo da axuda -sexa cal sexa o volume dos danos e mesmo se estes se repiten ao longo deste ano- é de 1.500 euros por persoa beneficiaria. O baremo que se utilizará para a valoración é o seguinte:

Tipo de cultivo

Importe por m2

(€/m2)

Código

Descrición

MIG

Millo en gran

0,14

MIF

Millo forraxeiro

0,13

TRI

Trigo

0,11

CEN

Centeo

0,11

PRA

Pradaría

0,11

PAT

Pataca

0,42

HO1

Hortalizas 1 (cenoria, repolo e nabo)

0,64

HO2

Hortalizas 2 (coliflor, tomate, berenxena, cabaciña, cebola, feixón verde, leituga, pemento e allo porro)

1,70

VID

Uva

0,55

Trala presentación da solicitude a Consellería de Medio Ambiente terá un prazo máximo de 3 meses para respostar. Se non se recibe comunicación nese tempo entenderase que a petición foi rexeitada. O Diario Oficial de Galicia tamén sinala que os 600.000 euros dispoñibles se distribuirán en rexime de concorrencia ata esgotar a partida, o que non quita que a Xunta poida ampliala se conta con remanentes orzamentarios. A convocatoria permanecerá aberta ata o 10 de outubro.

Descargas:
Procedemento na sede electrónica e follas de solicitude
Ligazón ao anuncio no DOG

Share.