Prosegue a vaga de solidariedade gandeira

0

Uns 300 rolos de herba seca e silo. Esa é a cantidade de forraxe que está xestionando a asociación PROLEGA para enviarlle as gandeirías afectadas polos incendios nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense. Tralo chamamento á solidariedade de hai uns días foron moitas as granxas que ofreceron alimento e o teléfono da asociación non deixa de soar, tanto para contribuír á campaña como para solicitar axuda. Ademais das granxas e algúns transportistas, os concellos de San Sadurniño e Moeche tamén se acaban de sumar ao dispositivo de envío de forraxe asumindo o custe de dous portes. “É o mínimo que podemos facer”, asegurou esta tarde Secundino García quen, igual que a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy, pediu “axilidade” por parte da Xunta na posta en marcha de axudas.

Neste sentido, Secundino García comentou que os animais “non poden estar esperando polo Boletín Oficial do Estado nin polo Diario Oficial de Galicia, teñen que comer ao día seguinte do lume” mentres que Bascoy sinalou que “está ben tirar palla desde os helicópteros para cubrir a terra queimada… a terra hai que coidala, pero tamén hai que coidar a quen vive nela, que son as persoas e o gando”. A rexedora de Moeche louvou o traballo dos gandeiros e gandeiras de PROLEGA que, segundo dixo, “van por diante do DOG” mentres que Secundino García defendeu o traballo da asociación como “unha demostración de solidariedade que lles sae de dentro e en momentos nos que o propio sector o está pasando mal, con baixos prezos e nunha situación difícil en que non saben se ao mellor lles vai facer falla a forraxe a eles ao longo do ano. Con todo, decidiron dar un paso adiante, a súa resposta é digna de admirar e nós non podiamos quedar atrás”.

A contribución dos consistorios de Moeche e San Sadurniño servirá para sufragar os custes de transporte de alomenos dous envíos de forraxe. O venres pasado PROLEGA contaba cuns 80 rolos de herba seca e silo dos que aproximadamente a metade se enviaron ese mesmo día ao municipio pontevedrés das Neves.

En tres días escasos conseguiron xuntar outros 300 rolos de alimento procedentes de granxas de San Sadurniño, Moeche, As Pontes, Ortigueira, A Capela, Mesía, Miño, O Valadouro, Pol e Oza-Cesuras. “Nós non recibimos nada a cambio, é máis, estamos aportando das nosas explotacións forraxe que en principio contamos que nos sobre, aínda que non o sabemos, pero estamos enviándoo e quedando coa cantidade xusta para as nosas explotacións”, comenta o presidente de PROLEGA, David Arnoso, quen destaca a implicación coa iniciativa de gandeiros e gandeiras de toda Galicia. “Houbo unha persoa que tivo que vender os animais e quedáronlle os rolos e en vez de vendelos perferiu doalos”, explica Arnoso.

Esta mesma tarde cargouse un camión en Ferreira do Valadouro -en Lugo- e outro en Santa Mariña do Monte con destino a Carballeda de Avia, en Ourense. Desde PROLEGA agardan a chegada doutros tres camións para levar outras tantas viaxes a gandeirías do concello de Cervantes, nos Ancares lugueses.

Share.