PROLEGA envía un cargamento de forraxe a gandeirías afectadas polos incendios

0

40 rolos de herba seca e silo dunha explotación de San Sadurniño e outra de Moeche van xa camiño do concello pontevedrés das Neves para axudarlles a dúas gandeirías que resultaron afectadas pola vaga de incendios dos últimos días. A asociación gandeira PROLEGA -con sede no noso municipio- abandeira esta iniciativa solidaria á que, pouco a pouco, se están sumando máis granxas da comarca e incluso transportistas, que se ofrecen a levar a forraxe de balde a lugares onde o gando leva días sen comer. De feito xa se está preparando outro porte con destino ao concello ourensán de Carballeda de Avia e desde o Facebook da asociación xa se lanzou o chamamento para quen queira botar unha man con alimento ou co transporte. Só hai que contactar directamente con PROLEGA no teléfono  636.884.861 ou no correo asociacion.prolega@gmail.com.

Tal e como comenta David Arnoso, presidente da entidade, a iniciativa solidaria botou a andar tras coñecerse de que maneira lle afectaron os lumes dos últimos días á gandeiría de carne e de leite. “Algúns de nós tiñamos reservas de forraxe e ao ver que había xente que precisaba axuda porque quedara sen alimento ningún para os animais por culpa do lume, empezamos a poñernos en contacto uns con outros para enviárllelo para alá”.

O primeiro receptor da axuda será Jesús Ferreira, un gandeiro das Neves, en Pontevedra, que posúe unha explotación con 200 ovellas e 80 vacas de carne que, ata agora, se alimentaban principalmente de pastos en rexime extensivo. O lume non lle matou os animais, pero deixouno sen recursos para mantelos. “Ardéronlle as leiras todas, ardeulle onde tiña a herba seca e case todos os rolos de silo que tiña almacenados”, comenta David Arnoso. A situación é crítica: “ten as vacas nunha finca pequena -a única que non se queimou- e non pode telas alí para sempre porque, se non, non lle medra o pasto e  deberá arriscarse a botalas nun lugar queimado para que esa finca poida recuperarse mentres non chega unha axuda, se é que a hai “, explica o presidente de PROLEGA.

Ferreira aseguroulle hoxe mesmo ao portal web Campo Galego sentirse “emocionado polo xesto altruísta dos gandeiros de PROLEGA”, ao tempo que agradeceu a axuda da empresa Felimar, da parroquia de Liñares, tamén no concello das Neves, que sufragou os gastos de transporte da forraxe. “O detalle desta xente é incrible”. O gandeiro engadiu que “dende a Xunta a día de hoxe nin nos teñan chamado para saber se necesitamos algo”. “A axuda que recibimos é do propio sector, non da administración”, subliña.

A asociación gandeira PROLEGA  -que agrupa 30 granxas da comarca- logrou xuntar até o momento uns 80 rolos de herba seca e silo. Aproximadamente a metade deles -doados pola gandeiría Lousada de Moeche e pola granxa Entrerríos de Bardaos- chegaron a media tarde ás Neves para axudar a paliar a difícil situación que viven dúas explotacións deste municipio pontevedrés. Pero non son suficientes. “Estamos buscando máis porque xa nos chamaron desde Carballeda de Avia para que lles reserváramos un camión. Seica alí hai vacas que levan catro días sen comer e que nalgunha granxa estaban dándolles só penso. A vaca con penso só non sobrevive e están buscando un transporte coma tolos para poder vir por esta herba seca”, asegura Arnoso.

David foi un dos primeiros en acudir ao incendio da noite do domingo ao luns en Naraío. El e outros tres gandeiros presentáronse alí con tractores e cisternas para garantir que o lume non saltase nas casas do Eirexado se lle daba por continuar monte abaixo. Botaron toda a noite colaborando co retén dos equipos de extinción. Un xesto espontáneo e solidario que continúa agora a través da asociación axudándolles aos gandeiros e gandeiras doutras zonas de Galicia. E iso que a situación económica das explotacións de aquí tampouco é a mellor por causa do baixo prezo do leite: “estamos fastidiados, pero bueno, cando pasa algo así non queda máis que colaborar”.

Prolega está coordinando máis envíos a outras zonas afectadas, para os que fai falla alimento e, de ser posible, tamén transporte dispoñible. A solidariedade tamén se dá entre os transportistas locais “chamounos esta mañá un camioneiro do Camiño Arriba ofrecéndose a facer unha viaxe. Posiblemente mandemos mañá outro cargamento para Carballeda de Avia”, comenta o presidente de PROLEGA.

Calquera persoa que teña excedente de silo ou herba seca, forme parte ou non de PROLEGA, pode contactar coa entidade no 636.884.861 ou no correo asociacion.prolega@gmail.com.

Share.