Prohibido plantar patacas

0

Máxima expectación na noite do venres na Casa da Cultura arredor da charla sobre as medidas de erradicación da avelaíña guatemalteca da pataca. Unha charla anunciada hai varios días que, porén, coincidiu no tempo coa aprobación por parte do Consello de Ministros do decreto que define como se vai loitar contra esta praga que xa se propagou polo norte de Galicia e o occidente asturiano. O texto publicouse este sábado 4 de marzo no BOE e os dous contidos máis destacados son os xa sabidos: prohibición durante alomenos dous anos de plantar nas zonas de corentena -entre elas San Sadurniño- e a obrigatoriedade de levantar os patacais que xa estean sementados. Iso si, polo de agora non debemos tocar a  nada. Será a Xunta a que marcará os tempos a través de resolucións nas que indicará que temos que facer e como temos que facelo. E que ninguén se chame a engano, a cousa é moi seria e desde Medio Rural aseguran que a Xunta vai ser estricta co cumprimento da normativa, que prevé sancións de entre 3.000 e 120.000 euros.

A práctica totalidade da charla impartiuna Manuel Rodríguez -xefe provincial de Medio Rural-, quen iniciou a súa intervención contextualizando o problema biolóxico ao que nos enfrontamos: unha avelaíña que estraga por completo as patacas e contra a que non hai produtos fitosanitarios efectivos.  Só se pode loitar contra dela “matándoa de fame”. Dito doutro xeito, só se pode acabar coas polillas eliminando o seu único alimento, as patacas, durante un período suficientemente longo como para que non quede rastro da praga.

Nesa liña é na que vai o decreto aprobado no Consello de Ministros deste venres e xa publicado no BOE. Un decreto cualificado por Rodríguez como “farragoso” que, porén, faculta á Xunta para poder actuar a partir de agora -incluso entrando nas leiras- con actuacións concretas que se empezarán a materializar a través de resolucións nos próximos días.

Pero, entón, ¿que temos que facer?. De momento nada. Niso insistiu moito o xefe de área. Será a propia Xunta quen vaia informando sobre o como levar adiante o protocolo tanto nos municipios infestados -San Sadurniño entre eles- como naqueles denominados “tampón”, como é o caso de Moeche, As Somozas, Cerdido, Cedeira e Cariño, onde non se detectou a praga pero onde, pola súa proximidade a zonas de corentena, será necesario estremar as precaucións á hora de cultivar.

Para non dar máis información da estrictamente necesaria nestes momentos -tal e como se dixo na charla, ás veces moita información xera confusión- imos resumir ao máximo o que vai pasar nos concellos en corentena trala publicación do decreto no BOE. Condensamos as cuestións máis comúns en dez:

1º Non se poden plantar patacas nin en San Sadurniño nin no resto de concellos en corentena: Ninguén. Nin para comelas na casa nin para vender. Punto.

2º Haberá que arrincar as plantacións existentes?: Si, vai ser así. Non poderá quedar na terra nin unha triste pataca. Nin sequera as que retoñaran do ano pasado. Nin planta. Nada. Pero que ninguén se poña a arrincar aínda, xa dirá a Xunta como facelo e como organizar a retirada dos tubérculos para a súa destrución.

3º Será necesario destruír as patacas de semente que teñamos almacenadas: As patacas da semente certificadas non son comestibles por causa dos tratamentos que levan. Por iso deberán ser destruídas igual que as plantadas. A Xunta informará tamén sobre o procedemento. Nos últimos días na zona de Ferrolterra retiráronse de almacéns case 60 toneladas, principalmente da cooperativa do Val, da de Meirás e de Severiano Agrocomercial.

4º Non se poden sacar patacas cara a zonas libres da praga ou municipios tampón: Se temos un fillo ou unha filla estudando en Santiago ou na Coruña -zonas sen praga- non podemos mandarlle patacas da casa para a semana.

5º Vanme pagar algo polas patacas da semente e polas que arrinque do terreo?: Si, os representantes da Xunta din que si se vai indemnizar, pero de momento non se sabe nin a canto se vai pagar nin canto se vai demorar o cobro. Esa é unha das cuestións sobre as que a Xunta informará nos próximos días.

6º Teño unha leira en Moeche ou nas Somozas…¿poido plantar nela as patacas?: Si, podes. Pero, ollo terás que poñer semente procedente dunha zona libre da praga. Para entendernos -é só un exemplo- que a ninguén de Bardaos se lle ocorra ir plantar a Moeche sementes que tivese gardadas na casa porque, posiblemente, estará contribuíndo a espallar as avelaíñas a sitios onde non a hai. E ademais estaría cometendo unha irresponsabilidade e unha ilegalidade sancionable.

7º E se planto en Moeche… despois poido traer as patacas para San Sadurniño?: Si, tamén poderás. Pero por tratarse dunha zona tampón deberás comunicar o momento da colleita para que a supervise persoal técnico da Xunta. Só despois de constatar que esa produción está libre da praga poderás levala para onde queiras coa correspondente guía que che facilitarán. Se tes unha plantación noutro municipio -en Sada, por exemplo- e queres transportar as patacas sen problemas deberás tela dada de alta no rexistro de produción e ter feita a correspondente declaración de cultivo, algo que é gratuíto e que non implica ter que “pagar a agraria” nin dedicarse profesionalmente á pataca.

8º Entón… que? non vamos poder comer patacas?: Si, patacas para o consumo van poder comerse, pero procedentes de fóra -virán envasadas en mallas especiais e non nos sacos de rafia de toda a vida-. A corentena impide sacar patacas, pero non que traiamos patacas de fóra. Ollo tamén con iso, se levamos patacas na maleta do coche cómpre asegurarse de que podemos acreditar que proceden dunha zona non infestada cunha factura ou un tiquet de compra e, poñámonos como nos poñamos, nunca de municipios en corentena cara a zonas libres da praga.

9º Tampouco será para tanto… Éche, éche. Éche para tanto ou máis. Desde a Xunta apélase á responsabilidade de todos e todas nós para poñer todos os medios para frear o avance da praga. Tal e como se dixo na charla “ou a paramos nós aquí ou dentro de pouco terémola en toda Galicia. Ou facemos isto colectivamente ou quedamos sen patacas”. E, ademais, prevense sancións para quen non cumpra co decreto, que se remite á Lei 43/2002, de 20 de novembro, de Sanidade vexetal. Nela fálase dun rexime sancionador que vai dos 300 aos 300.000 euros pero, tal e como se dixo na charla, neste caso a multa mínima son 3.000 euros e a máxima 120.000. No encontro os técnicos foron moi claros: a Xunta “vai ser drástica” na aplicación da lei.

10º E isto…vai ser para moito tempo?: Ninguén ten resposta para iso. Todo dependerá do éxito das medidas que agora se van poñer en marcha. En principio a prohibición de plantar e mover tubérculos é por 2 anos. Pero o plan de loita reflectido no decreto estatal é por 5 anos. Non hai maneira de saber se se levantará a prohibición antes ou se, pola contra, vai ser necesario prorrogala. En calquera caso, desde a Administración Autonómica apélase á responsabilidade, á solidariedade e ao sentido común.

E máis nada polo momento. Tan pronto como se vaian publicando resolucións con respecto a esta cuestión habémolas ir publicando a través da web e doutros medios de comunicación municipais como o boletín Novas, o facebook, o twitter ou o punto de información da avenida Marqués de Figueroa.

Share.