Programación do Nadal

0

A área de Cultura e Deportes preparou para estas datas de Nadal e Reis unha completa programación de lecer para toda a familia. Despediremos este ano e darémoslle a benvida a 2018 con maxia, teatro, música, deporte solidario, obradoiros para a rapazada e actividades para a toda a familia.

Venres 15
12.30h. – Casa da Cultura: “Abraios de cor” con Fani Triana
A ilusionista Fani Triana presenta en San Sadurniño o seu espectáculo “Abraios de cor”, no que a maxia se mestura con humor e a participación do público. A fantasía encherá a Casa da Cultura a base de números clásicos e modernos cos que Triana deixará sen fala ao alumnado do CPI. O espectáculo forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Sábado 16
17.30h. – Pavillón polideportivo: Deporte solidario en feminino

A tarde do sábado 16 de decembro estará ocupada por enteiro polo deporte en feminino e cunha finalidade solidaria. O Pavillón Municipal acollerá dous grandes eventos. O primeiro será unha exhibición da escola municipal de ximnasia para persoas maiores, mentres que o segundo é un partido de exhibición entre o Aldebarán sénior feminino e o Narón-Volea. A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc.

Tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos.

Domingo 17
16.30h. – Casa da Cultura: Concerto de música de cámara do alumnado de Ilia Keilin
O alumnado do profesor Ilia Keilin programou para o mediodía deste domingo un concerto dirixido a familias dos rapaces e rapazas e a calquera persoa amante da música de cámara. Serán interpretacións clásicas ao piano, o violín e outros instrumentos que o mestre imparte semanalmente na Casa da Xuventude.

Venres 22
18.00h. – Local social de Naraío: Cantos de Nadal e visita do Apalpador
A Asociación Veciñal O Castelo de Narahío reedita este ano o seu exitoso obradoiro de cantos de Nadal no que xente maior e xente miúda aprenden varias panxoliñas tradicionais que durante a tarde se arreglan con outros instrumentos para cantalas á noite. Ademais, o mesmo día tamén visitará o local social o Apalpador e haberá unha chocolatada acompañada de bica como preludio dunha grande foliada de Nadal aberta tanto a quen participase nos obradoiros musicais da tarde como a calquera persoa que queira sumarse á festa. Para esta actividade non é necesaria inscrición previa.

  • 18.00h. Obradoiro de Cantos do Nadal, coa colaboración das escolas de música tradicional e da asociación Vai Ranhala Meu
  • 19.30h. Visita do Apalpador, que traerá lambetadas para os nenos e nenas
  • 20.00h. Chocolatada popular
  • 21.00h. Festa de Cantos do Nadal, na que se porán en práctica as panxoliñas aprendidas na tarde.

Sábado 23
17.00h. – Ximnasio do CPI de San Sadurniño: Festa infantil de Nadal
Nos días previos á Noiteboa e o Nadal, San Sadurniño recibirá a visita do Apalpador, o carboeiro que baixa todos os anos das montañas do Courel para deixarlles unha presada de castañas aos nenos e nenas dos vales. O Apalpador achegarase ao concello no marco da festa infantil programada para a tarde do sábado 23 de decembro, na que a rapazada gozará de música e xogos, pero tamén dun obradoiro de confección de adornos do Nadal con materiais reciclados. Poderá participar rapazada de entre 3 e 11 anos. Inscricións na Casa da Cultura, no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal
Ficha de inscrición

19.00h. – Casa da Cultura: “O lobo e a lúa”, teatro de monicreques
“O lobo e a lúa” é unha peza de Baobab Teatro que xunta no escenario actores e actrices de carne e óso con monicreques, reunidos para contar a historia dun pequeno lobo e a súa teimosía por falar coa lúa. Trátase dun espectáculo tenro e divertido que lanza unha mensaxe de convivencia malia a diversidade, de amizade, de superación dos medos e de amor. Vai dirixido a un público familiar, preferentemente con nenos e nenas de máis de 3 anos.

As entradas son gratuítas para os nenos e nenas, mentres que para as persoas adultas teñen un prezo único de 4 euros. Poden reservarse de forma anticipada no 616 332 919 ou no mail agustin.perez@sansadurnino.gal.

20.00h. – Casa da Cultura: presentación do libro “Anatomía da lingua” de Antón Cortizas
Xusto despois do remate da obra “O lobo e a lúa”, a Casa da Cultura acollerá a presentación do poemario de Antón Cortizas “Anatomía da lingua. (Lingua de amar, lingua de amor)”, ilustrado por Leandro Lamas. O libro é unha reivindicación da lingua en contraposición coas tendencias minorizantes que se dan en parte do ensino, dos medios de comunicación e noutros escenarios da sociedade. Son poemas que, segundo o autor, mostran preocupación pola situación do galego, pero tamén “esperanza” de que poida renacer. Porque, como dí Cortizas, “nada hai tan fermoso como amarse a si mesmo con dignidade para poder amar o mundo con xustiza”. Na presentación da obra o escritor estará acompañado de Leandro Lamas, quen pintará unha lámina que se sorteará ao final do acto.

26, 27, 28 e 29 de decembro
10.00h. a 14.00h. – Pavillón polideportivo e ximnasio do CPI: Nadal deportivo
Outro clásico que volve por estas datas é o Nadal deportivo, dirixido á rapazada de 4 a 12 anos e pensado para que poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de varias actividades físicas co obxectivo de que aprendan e compartan un tempo de lecer durante catro días das súas vacacións, facilitándolles ao mesmo tempo ás familias unha proposta de conciliación. Esta iniciativa é gratuíta e as inscrcións haberá que facelas na Casa da Cultura o venres 22 como moi tarde. Será obrigatorio que cada nena ou neno se apunte alomenos a catro actividades. A oferta deste ano está composta por volei, fútbol sala, baile, ciclismo, baloncesto, xogos tradicionais e xogos predeportivos. A proposta é gratuíta e nela colaboran o CV Aldebarán, o CF San Sadurniño, o Club Brío e o Club MTB Biela e Chaveta.

Folla de inscrición

Días

Actividades

Martes 26 10.00 a 12.00h. Voleibol
12.00 a 14.00h. Hip-Hop
Mércores 27 10.00 a 12.00h. Fútbol sala
12.00 a 14.00h. Baile tradicional
Xoves 28 10.00 a 12.00h. Xogos tradicionais
12.00 a 14.00h. Bicicleta
Venres 29 10.00 a 12.00h. Ximnasia rítmica
12.00 a 14.00h. Danza

 

Sábado 30
19.00h. – Casa da Cultura: Cine, “A Tropa de Trapo no país onde sempre brilla o sol”
A área de Cultura programou dentro das actividades do Nadal outro filme de animación para a rapazada. Neste caso é “A Tropa de Trapo no país onde sempre brilla o sol”, onde os personaxes creados pola produtora ferrolá Abano Producións viven a súa primeira aventura para a pantalla grande. En 2010 a película foi nominada ao Goya como mellor filme de animación e levou o Gaudí nesa mesma categoría. Entrada gratuíta, pero cómpre reservar convite no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal

Xoves 4 de xaneiro
16.30h. – Local social de Lamas: Tempos para compartir infantil “Elaboración de lambetadas”

Aproveitando que a rapazada está de vacacións ata despois de Reis, o Concello programou unha edición especial do Tempos para compartir na que aprenderán a preparar lambetadas ben ricas. O docente do obradoiro será Francisco Bermúdez, un veciño de Santa Mariña apaixoado da cociña e da repostaría que lles ensinará a facer crema de cacao, biscoitos e gominolas.

Este Tempos… vai dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e os 13 anos. As inscricións poden facerse a través do 981 490 027 ext.1. Hai 15 prazas dispoñibles.

Venres 5 de xaneiro
17.30h. – Ximnasio do CPI: Festa de Reis
Por máis que os agasallos cheguen aos poucos ao longo das festas do Nadal, a noite máis máxica para a xente miúda é sen dúbida a do 5 de xaneiro. Na tardiña dese día os Magos do Oriente farán parada en San Sadurniño para recoller cartas escritas a última hora e para volver confirmar as peticións de quen as mandaron con tempo de adianto suficiente.

Igual que o ano pasado, os Reis non irán para a Casa da Cultura senón que os nenos e nenas deberán agardar por eles no ximnasio do CPI, onde antes do momento máis solemne da tarde poderán gozar de xogos, obradoiros e música.

  • 17.30 a 18.45h. Obradoiros, xogos e actividades musicais
  • 18.45 a 19.30h. Chegada dos Magos do Oriente para escoitar as peticións de todos os nenos e nenas

<<<voltar á portada

 

Share.