PROGRAMACIÓN DO 8M

0

do 1 ao 21 de marzo
Casa do Concello, de 8.30 a 14.30h
EXPOSICIÓN: “GALICIANAS: MULLERES GALEGAS FACENDO HISTORIA”
Mostra ideada pola Asociación Cultural Vai Rañala Meu composta por 14 paneis que nos descobren e recoñecen -por fin- a relevancia de mulleres que construíron parte da historia de Galicia e do Estado desde a cultura, a ciencia, as profesións liberais, o ensino e o activismo político e social. Loitadoras coñecidas canda outras “anónimas” ou, falando con propiedade, nomes femininos afamados compartindo espazo con esoutros que quedaron ocultos tralo pano patriarcal de quen escribiron a crónica de cada momento obviando por desidia ou á mantenta a súa contribución ao tempo en que viviron.

venres 8 de marzo
Casa do Concello, 11.00h
MANIFESTO INSTITUCIONAL CON MOTIVO DO 8M E ACTO SIMBÓLICO DE PENDURADO DE MANDÍS
Lectura do manifesto insitucional diante do Concello, que irá seguida dun acto simbólico pendurando mandís no enreixado situado fronte á EIM A Rolada. Desde Igualdade lanzan o convite para que todas as mulleres de San Sadurniño acudamos ao acto e que deixemos alí os nosos cinguidoiros a xeito de protesta polas desigualdades que aínda soportamos por sermos mulleres. Ademais, quen non poida ou queira vir tamén pode enarbolar o mandil na fiestra ou no balcón da casa.

Este mesmo día a partir das 19.00h. tamén percorrerá as rúas de Ferrol a mobilización de Galegas8M, con saída da Praza Amada García -ao pé da sede da Xunta- e fin na praza de Amboaxe. A manifestación servirá de peche a unha xornada de chamamento á folga de coidados, laboral, de consumo e estudantil. O Concello de San Sadurniño estará en servizos mínimos, polo que se aconsella deixar para o luns 11 os trámites que poidan agardar.

sábado 30 de marzo
Casa da Cultura, 18.00h.
ACTO CENTRAL DO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
No evento proxectaranse as curtas do Chanfaina Lab “Dereito a sermos vellas”, de Irene Beceiro, e “Non teño dono”, obra de Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo, The Sungirls. Ademais, Brío tamén preparará para a ocasión unha coreografía que acompañará a proxección deste último vídeo no que saen case un cento de mulleres de San Sadurniño. A parte musical complétase coas Batukeiras de Ferrolterra.

O acto reserva lugar para o teatro, coa obra “Matrioskas”, e para a presentación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero. Na presentación informarase sobre cales son as súas funcións e a maneira de entrar formar parte dela.

venres 12 de abril
Casa da Xuventude, 20.00h.
PRESENTACIÓN DE “FEMINICIDIO. UNHA NOVA ORDE PATRIARCAL EN TEMPOS DE SUBMISIÓN”
Presentación do ensaio escrito por Carme Adán no que se pon enriba da mesa a descrición de como o patriarcado exerce a violencia sobre nós as mulleres, sobre a nosa mente e os nosos corpos.

Por problemas de axenda das autoras, suspéndese a presentación do libro “Ám@ame”, prevista inicialmente para o 15 de marzo. Proximamente informarase da nova data.

pefolga

voltar á portada

Share.