Ata o 27 de maio: ofertas para a xestión da cantina da piscina

0

Ata o venres 27 de maio ás 14.00h. está aberto o prazo para que calquera persoa ou empresa interesada presente a súa oferta para xestionar a cantina da área recreativa de Currás durante o verán.

A prestación pecuniaria que ten que satisfacer a empresa adxudicataria establécese en 100,00 euros, e poderá ser mellorada á alza polas entidades licitadoras na súa proposición.Os gastos de enerxía eléctrica e auga enténdense incluídos no canon.

A prestación suxeitarase ás seguintes condicións mínimas:

Condicións xerais:

  • O período de apertura será dende o 20 de xuño ata o 11 de setembro de 2016, ambos os dous incluídos
  • Os horarios de apertura serán como mínimo entre as 15:00 e as 21:00 horas durante todo o período, así como dende as 11:00 ata as 14:00 horas os luns, mércores e venres dos meses de xullo e agosto durante a duración dos cursos municipais
  • A empresa adxudicataria deberá realizar os labores de limpeza do propio local e dos aseos da instalación de uso común (non os dos vestiarios, que será responsabilidade da empresa adxudicataria da xestión do servizo da piscina)
  • O trato coas persoas usuarias da piscina e coa clientela en xeral debe ser feito de xeito correcto e cortés
  • A empresa adxudicataria ten o deber de boa conservación e mantemento da instalación e dos elementos de propiedade municipal que a integran

Condicións hixiénico-sanitarias:

  • Deberase cumprir coa normativa en materia de sanidade alimentaria
  • Estará prohibida a venda de bebidas alcohólicas e tabaco a persoas menores de idade
  • Poderanse servir refrescos e bebidas, bocadillos, tapas e racións ou menús variados (especificando a súa composición), todos eles recollidos nunha carta de prezos
  • As instalacións deberán manterse nas debidas condicións de limpeza e desinfectarse ou desratizarse periodicamente, se for necesario, tendo en conta que os produtos empregados para este fin se gardarán en lugar separado do almacén de alimentos
  • Os aseos contarán con papel hixiénico, xabón e útiles de secado, e todo en perfecto estado de limpeza

Outras condicións:

  • A carta de menús redactarase en galego, en cumprimento co estipulado pola Ordenanza municipal de normalización lingüística
  • A empresa adxudicataria deberá ter un libro ou documentos de reclamacións a disposición do público e estará obrigado a enviar unha copia de cada reclamación á Concellería con atribucións no eido dos Deportes

Pregos e folla de solicitude

Share.