Preparádevos para a fin de semana

0

San Sadurniño vivirá desde o venres ata o sábado unha das fins de semana máis intensas do outono no referido a eventos organizados tanto polo Concello como por entidades veciñais. E hai moito onde escoller: unha charla, un obradoiro para a mocidade, dous xantares promovidos por comisións de festas, unha ruta xeolóxica, deporte e, para pechar, o mercado local do domingo pola mañá que volverá encher de produtos da terra e curiosidades os xardíns municipais. Todas estas actividades levan semanas publicadas no noso facebook e tamén na axenda de Google Calendar á que podemos suscribirnos para recibir no móbil as alertas da maioría das cousas que se moven no territorio.

Para manter actualizada esta axenda é importante que as entidades do municipio nos fagan saber con tempo de adianto suficiente que eventos teñen previsto organizar. E para iso abonda con que nos envíen un correo electrónico a concellodesansadurnino@gmail.com indicando o título da actividade, cando vai ser, os horarios, se é gratuíta ou non, onde se vai desenvolver, a programación e tamén quen a organiza. Con esta información habemos preparar noticias para a web que despois tamén lle habemos mandar aos medios de comunicación locais para que teñan máis repercusión. Ademais, se veñen en prazo, tamén as incorporaremos ao boletín novas.

Dito isto, empecemos co repaso do que nos vén aí para a fin de semana. E arrancamos en Naraío, onde a Asociación Veciñal O Castelo organizou para este venres a partir das 20.00h. no seu local social unha charla que leva por título “O incerto futuro da fructicultura autóctona”. A charla impartiraa o enxeñeiro e viveirista Ramiro Martínez, quen falará da produción de froita do país na comarca e os atrancos que suporá para o seu desenvolvemento a normativa europea sobre variedades comerciais. A actividade enmárcase dentro dos denominados Foros da Veiga cos que O Castelo pretende promover o coñecemento e o debate sobre distintos temas de actualidade.

Ao día seguinte, sábado, concéntranse a maioría dos eventos desta fin de semana tan cumprida en oferta. Ás 10.00h. está previsto o inicio da ruta polo val do Castro e o Forgoselo para descubrir as súas peculiariedades xeolóxicas da man do experto Francisco Canosa. Trátase dun paseo que se fará a pé e en coche visitando enclaves interesantes polas súas características formacións rochosas e minerais, conformadas polos movementos interiores da Terra e moldeadas despois pola erosión. A ruta  forma parte do programa de difusión do proxecto do Xeoparque do Complexo do Cabo Ortegal, no que están implicados varios concellos da comarca, o propio Francisco Canosa e outras entidades e persoas que apoian o recoñecemento por parte da UNESCO do patrimonio xeolóxico da nosa zona como factor de desenvolvemento asociado ao turismo e a sustentabilidade. O Concello recibiu máis de 60 peticións de inscrición para esta actividade que só ofrecía 25 prazas por cuestións organizativas. As persoas que quedaron fóra poderán participar na próxima, que se organizará previsiblemente a comezos da primavera.

Ás 11.00h. comezará na Casa da Xuventude o segundo dos Encontros da mocidade promovidos polo Concello dentro do proxecto ECMYNN. É un obradoiro no que poden participar mozos e mozas de entre 14 e 30 anos. Con el preténdese implicar a xente nova na definición de políticas dirixidas a este sector da poboación que supón o 20% do total de San Sadurniño. Propostas sobre lecer, ideas sobre emprego e emprendemento, fórmulas para mellorar a formación e as competencias… todo ten cabida nunha sesión planificada como un encontro lúdico no que calquera rapaz ou rapaza pode inscribirse chamando ao 981 490 027 ext.2, enviando un correo a orientacion.laboral@sansadurnino.gal ou contactando co 608 201 251.

Xantares da festa
Este sábado a cadrada tamén quixo que se xuntasen dous xantares organizados por comisións de festas. Nunha punta do concello teremos a churrascada coa que a comisión de Bardaos dá por finalizado o seu traballo deste ano e, na outra punta, poderemos asistir ao xantar co que a comisión de festas de Naraío empeza a preparar xa o patrón de 2017.

Pero, vaiamos por partes. A tradicional churrascada de Bardaos, que se celebrará no local social, está posta para as 15.30h. e será gratuíta para persoas da parroquia mentres que as convidadas deberán pagar 15 euros. Á noitiña, sobre as 23.00h., terán música ao vivo para botar unhas pezas baixo a carpa que se disporá para o evento. O prazo para apuntarse rematou o luns. Porén, se hai alguén que non se enterase pode probar a ver se lle fan un oco chamando aos teléfonos 659 974 408, 686 064 835, 630 809 919 ou 629 377 678.

Para ir xantar a Naraío hai que mercar o tique correspondente hoxe como moi tarde. Véndenos nos seguintes lugares: Cooperativa de Meirás (Naraío), Bar Eladio, Bar O Campo, Mesón O Forno, Bar A Braña, Bar Graña, Restaurante Carballo, Casa Casal ou Bar Xaida. O prezo son 25€ para persoas adultas, 5€ para nenos e nenas de 6 a 10 anos e menores de 6 anos gratis. O xantar popular organizado pola comisión de festas de Naraío 2017 terá lugar na pista polideportiva, que estará cuberta cunha carpa. Haberá sesión vermú con Fusión e tamén música de sobremesa con este grupo e DJ Calimero. Servirase un menú a base de empanada, lagostinos, parrillada de carne, bebida, sobremesa, café e licores.

Mercado local
Antes de falarmos do mercado local do domingo, lembramos que o sábado ás 19.30h. o Aldebarán-Intasa de volei recibe no pavillón municipal ao Hotel Río Carnaval de Badajoz para disputaren un encontro no que o equipo local tentará recuperar o primeiro posto da táboa no grupo A da Superliga Masculina 2.

E agora si, o mercado. Os xardíns municipais acollerán na mañá do domingo a edición de outono do mercado local. O prazo de inscrición para os postos finaliza hoxe mércores e o listado publicarase mañá. De novo poderemos atopar unha chea de produtos de temporada, entre os que destacarán as castañas, os cogomelos e tamén as flores coas que decorar os camposantos nas vésperas de Defuntos. Porén, entre a oferta de produto verde e alimentario tamén se contará con variedade e cantidade de artigos de artesanía e de segunda man.

O mercado arrancará sobre as 10 da mañá e prolongarase ata despois das dúas da tarde.

 

Share.