Preparádevos para a fin de semana

0

Habitualmente publicamos o xoves ou o venres un pequeno resume dos eventos previstos para a fin de semana organizados polo Concello ou polas entidades do municipio. Porén, a fin de semana que vén aí ten tal carga de propostas que, desta vez, adiantamos a información ao luns para que cadaquén vaia organizando a súa propia axenda desde o venres até o domingo. E é que imos ter de todo, aínda que cunha marcada orientación infantil e deportiva. O venres e mailo sábado teremos no campo de Currás un torneo de fútbol benxamín con 30 equipos participantes, o sábado o pavillón acollerá o IV Torneo Brío de rítmica con outras 15 formacións chegadas de toda Galicia e ese mesmo día desenvolverase na leira da Cortiña o XII Encontro escolar de xogos tradicionais organizado por Brinquedia (SUSPENDIDO). Ademais destas citas, tamén temos que contar co Xantar popular do sábado organizado pola comisión de festas de Ferreira e coa camiñada á romaría da O do domingo programada pola AVV O Castelo de Narahío.

Aproveitamos a ocasión para lembrarlles aos clubes e entidades do municipio que deben facer chegar ao correo concellodesansadurnino@gmail.com ou correo@sansadurnino.gal todos os datos relativos aos eventos que organizan se queren que lle deamos publicidade no Novas, na web municipal e nas redes, tal e como se especifica no apartado Comunicación do portal municipal.

Neste sentido é  importante que cando se envíen informacións para publicar se inclúan no correo algúns datos imprescindibles. No caso de eventos ou actividades organizados por asociacións: nome do evento/actividade, unha pequena descrición, a data, os horarios, os prezos e as datas límite de inscrición, se os houbese. Tamén é de axuda que se nos faga chegar o cartel ou algunha fotografía referencial. Deste xeito o Concello poderá publicar a actividade no Novas e noutros soportes, como a web, o facebook, o twitter ou como previsión informativa para os medios comarcais. Desta maneira todo o que se organice no territorio terá moita maior difusión.

Lembramos, ademais, que na publicidade -carteis impresos, facebook, twitter, etc.- de toda a programación en que colabore o Concello a través das liñas de axuda que se convocan anualmente tamén debe facerse constar esa colaboración utilizando a imaxe corporativa municipal, dispoñible a través desta ligazón.

Dito todo isto, metámonos xa no asunto de cantas cousas vai haber -por orde cronolóxica- desde o venres 11 até o domingo 13. Tomade nota.

Venres 11 e sábado 12, fútbol: Torneo de convivencia Benxamín 
O CF San Sadurniño, vixente campión ligueiro na categoría prebenxamín, é o anfitrión dun torneo de convivencia dos equipos benxamíns de toda a comarca. Serán dous días dedicados ao fútbol de base ao que asistirán 30 formacións. O venres 11 xogaranse partidos desde as 17.00h. até pasadas as 22.00h. (o último comeza ás 21.35h.), mentres que o sábado 12 o torneo reiniciarase ás 10.00h.. As eliminatorias e as semifinais disputaranse pola tarde, a partir das 15.30h. Prevese que a final comece sobre as 19.30h.

Os partidos desenvolveranse simultaneamente en dous campos de fútbol 8 deseñados ao ancho da cancha de Corrás. No Facebook do CF San Sadurniño -organizador do torneo en colaboración coa delegación ferrolá da Federación Galega de Fútbol- poden consultarse os cruzamentos e os horarios de cada partido.

No evento participan o propio CF San Sadurniño, o CD Narón, o Rápido de Neda, a Cultural Maniños, o Galicia de Caranza, o Portuarios, o CD As Pontes, o Numancia de Ares, Galicia de Mugardos, o Perlío, o CD Cariño, a SD Cedeira, as escolas do Rácing de Ferrol, o Libunca, o FC Ortigueira, a SD O Val, o Eume Deportivo, a AD Miño, o Narón-O Freixo e a SCDR Ánimas.

Sábado 12, IV Torneo Brío de ximnasia rítmica
O Club Deportivo Brío organiza nesta data o seu cuarto torneo de ximnasia rítmica. Arrancará ás 11.00h. coa quenda da ximnasia escolar, tanto en conxunto como individual, mentres que pola tarde -17.00h.- se desenvolverán as probas de promoción individual, conxuntos e base individual.

O club local participará en 16 categorías, desde as máis pequenas -baby e prebenxamín- ata as senior. Ao encontro confirmaron a súa asistencia 15 clubs chegados de toda Galicia que, en total, reunirán no pavillón municipal de San Sadurniño a arredor de 250 deportistas de distintas idades. Hai máis información no Facebook da entidade.

Sábado 12, XII Encontro Escolar de Xogos tradicionais (Actualización a 11/05/2018: evento suspendido)
A leira do arboreto galego da Cortiña acollerá o sábado 12 de maio a duodécima edición do Encontro escolar de Xogos tradicionais que organiza desde 2005 a rede Brinquedia. Na xornada de San Sadurniño reuniranse centros de ensino de toda Galicia para poñer en práctica unha trintena de xogos, pero tamén para participaren en obradoiros e exhibicións. Todo nun ambiente non competitivo e integrador do que, ademais da rapazada e o profesorado, tamén poderán formar parte as súas familias.

A xornada terá dúas partes, unha de mañá e outra de tarde cunha paréntese ao mediodía para un xantar campestre na propia leira da Cortiña. A mañá -de 11 a 14.00h. máis ou menos- está pensada para brincar de forma rotatoria nos xogos que haberá dispoñibles, practicamente todos grupais. Carreiras de sacos, carrilanas, as bólas, o tres en raia, a mariola, tiro de corda, a rá, o pano, o peón, o aro, a billarda… e así ata compoñer unha oferta de 30 entretementos.

Pola tarde, entre as 15.30 e as 17.30h., haberá exhibicións de billarda, loita galega, cocha, chave, lanzamento de goxo e birlos celtas.

Sábado 12, IX Xantar popular en Ferreira
A comisión de festas do San Cristovo e do San Paio deste ano organiza un xantar popular a base de callos, carne asada, sobremesa, pan, café e chupito. Desenvolverase ao pé da capela de Ferreira de Arriba baixo unha carpa e os tiques están á venda no Bar Ferreira, en Casa Casal, no Bar Xayda, no Bar Del Palacio e na cafetería As Tres Pontes por un prezo de 20 €. Os nenos e nenas de menos de cinco anos non pagan e os de 5 a 12 anos terán un prezo especial de 5 €. A xornada inclúe animación de Disco Móvil D.J. A.

Domingo 13, camiñada á romaría da O
Coma todos os anos, neste 2018 a Asociación Veciñal O Castelo tamén volve cumprir coa tradición de ir a pé ata Pedroso, participando nunha das romarías máis antigas de toda a comarca.

A romaxe sairá do cruce do Eirexado ás 10.30h., pasando logo por Cabanas, Liñares, Os Tortos, a área recreativa do Muíño de Pedroso para, finalmente, chegar ao santuario a iso das 11.30h. Desde a asociación recomendan levar chaleco reflectante, calzado cómodo, e un caxato. A ruta, para a que non se require inscrición previa, é apta para calquera idade.

Máis programación para o que queda de mes
Esta será a primeira fin de semana do mes en que teremos moito e moi variado entre que escoller, pero non a única. Para a semana a programación estará capitalizada pola celebración das Letras Galegas cun evento o propio xoves 17 a partir das 18.00h. na Casa da Cultura e co II Encontro Infantil de Cantares tradicionais que terá lugar o sábado 19 á mesma hora no local social de Naraío.

O último domingo de mes, día 27, San Sadurniño volverá concentrar tres actividades case simultáneas e complementarias entre si: a V Carreira popular Concello de San Sadurniño, a XII Feira de Artesanía e de degustación de carrilleiras en Lamas e unha nova edición do Mercado local nos xardíns municipais.

Share.