¿Por que me está chegando propaganda electoral se a campaña aínda non empezou?

0

Un total de 2.490 persoas poderán exercer o seu dereito ao voto en San Sadurniño o próximo 10 de novembro, día no que están convocadas eleccións ao Congreso e ao Senado. A campaña electoral durará tan só oito días, desde o 1 até o 8 de novembro. Porén, en moitos domicilios xa se está recibindo propaganda electoral debido a unha instrución da Xunta Electoral Central que autoriza o seu envío desde o pasado 25 de outubro. En canto aos prazos cómpre lembrar tamén que este xoves 31 de outubro rematará o prazo para solicitar o voto por correo e que as oficinas postais estarán abertas todos os días -agás o venres, festivo estatal- e con horarios ampliados para recibir os sufraxios, que poden entregarse en Correos ata as 14.00h. do día 8 de novembro.

O asunto de que nos estea chegando propaganda antes do inicio da campaña ten a súa explicación. Na convocatoria destas eleccións reduciuse a tan só unha semana o tempo para que os partidos expuxesen as súas propostas e pedisen o voto. Pero se miramos o calendario atopamos que a campaña empeza en venres festivo e que, polo tanto, Correos só tería cinco días -desde o luns 4 até o venres 8, ambos incluídos- para facer chegar a todos os domicilios do Estado os sobres con programas e papeletas. Un tempo moi xusto polo volume de traballo que supón, a pesar de que a empresa garante un prazo de entrega de 2 a 4 días hábiles.

A solución adoptada para o envío de propaganda veu da Xunta Electoral Central, a máxima autoridade no referido a decisións que haxa que tomar ou precisións que se deban facer en calquera cita coas urnas. Todas esas precisións ou aclaracións excepcionais incorpóranse á normativa electoral como “instrucións” que, para o caso, teñen o mesmo valor que calquera outro artigo da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, incluso aínda que sexan contraditorios, como ocorre neste proceso.

E é que o pasado mes de setembro, a XEC publicou unha desas instrucións na que se indica -punto 8.2- que «o envío directo e persoal aos electores de sobres e papeletas electorais ou de propaganda e publicidade electoral previsto no artigo 175.3 [da LOREG]poderá realizarse a partir do venres 25 de outubro». A situación é a seguinte: de acordo coa lei, e coa interpretación que calquera pode facer lendo os artigos 50.4 e 50.5, desde que se convocan eleccións ata que comeza oficialmente a campaña -o venres 1 de novembro-, en teoría non se podería desenvolver ningunha actividade encamiñada á captación de sufraxios, nin moito menos pedir directamente o voto. Algo que, en cambio, si están facendo estes días algúns partidos estatais por medio dos envíos postais amparados pola instrución da Xunta Electoral Central.

Prazos para o voto por correo
Se falamos do proceso electoral, neste momento tamén cómpre recordar os tempos para solicitar e entregar o voto por correo. O prazo para solicitalo nas oficinas postais finaliza este xoves 31 de outubro. Hai que cubrir a solicitude e entregala persoalmente mostrando o DNI, o permiso de conducir ou o pasaporte, sempre orixinais aínda que estean caducados.

Unha vez feita a solicitude recibiremos nos días seguintes no noso domicilio a documentación necesaria para emitir o voto así como as instrucións para depositalo en calquera oficina postal do Estado, onde nolo tramitarán de balde como carta certificada que se entregará o día das votacións na mesa electoral que nos corresponda.

Para facilitar a recepción de votos por vía postal, Correos abrirá todos os días con horario ampliado, agás este venres 1 de novembro por ser festivo de ámbito estatal. O último día para levarmos o voto á oficina -sempre que o solicitemos previamente- é o venres 8 ás 14.00h.

2.490 persoas censadas en San Sadurniño
As votacións desenvolveranse o domingo 10 de novembro nunha convocatoria que  é a segunda cita coas urnas en pouco máis de seis meses. As mesas electorais constituiranse pouco despois das 8 da mañá e permanecerán abertas para votar entre as 9 e as 20.00h.

En San Sadurniño hai sete centros de votación nos que, segundo o último censo, poderán exercer o seu dereito ao voto un total de 2.490 persoas. Son a mesa do CPI, cun censo de 734 persoas; a de Naraío, onde o electorado chega a 421 persoas; Lamas, que se sitúa en 391 posibles votantes; Santa Mariña, que conta con 274; Ferreira, con 238; Bardaos, onde xuntan un censo de 225 persoas e, por último, Igrexafeita, onde a relación de votantes potenciais é de 207 persoas recollendo nela lugares próximos de Ferreira e tamén de Naraío.

Share.