Polo San Valentín, cita a cegas coa lectura na Biblioteca municipal

0

Mércores de Cinza e día de San Valentín, data marcada no calendario para manter acesa con algún detalle a chama do amor… incluso polo amor á lectura. Neste sentido, hoxe arranca na Biblioteca municipal un reto que durará ata fin de mes co que se persegue que as persoas usuarias namoren dos libros. E para iso a bibliotecaria, Anabel Gavín, organizou unha cita a cegas con varios títulos que se deberán elixir partindo só dun pequeno extracto do seu contido, sen saber de que van nin tampouco quen os escribiron.

A bibliotecaria explica que as citas a cegas coa lectura non son algo novo, senón que xa hai anos que se empregan dentro das campañas de animación que organizan moitos centros. En San Sadurniño esta actividade encádrase nun completo programa de retos lectores que se lanzaron a principios de ano dirixidos a todas as idades. “É un reto máis. Unha cita a cegas a proveitando o mes de febreiro para que namoren dun libro a partir dunha cita, dun extracto”, comenta Gavín.

Os libros están perfectamente empaquetados en papel de agasallo, o mesmo que un detalle do San Valentín. Porén, en vez dunha tarxeta cunha mensaxe de amor ou unha pegatina de corazóns, no exterior vai un pequeno parágrafo do libro. Non hai máis pistas nin sobre de quen pode ser a autoría, nin sobre o título nin sobre a súa trama. A bibliotecaria non elixiu ao chou, senón que botou man de obras que ela xa leu e que se axeitan a diversidade de gustos dentro da narrativa. Segundo explica Anabel Gavín “hai un pouco de todo, pero todo é ficción”.

A “cita a cegas” ten, polo tanto, un dobre significado. Dunha banda xógase coa polisemia da palabra “cita”, que o mesmo serve para definir un anaco dun texto que un encontro con alguén e, doutra banda, tamén se xoga co misterio e atractivo que encerra o descubrimento de algo novo a partir dunha primeira impresión. O extracto pegado no envoltorio é o único que axuda a namorar do libro, sen posibilidade de que “haxa prexuízos” nin por quen o escribiu nin polo título.

O reto manterase durante todo este mes de febreiro. Quen pase pola Biblioteca municipal -abre polas tardes- poderá deixarse seducir por algún dos dez libros incluídos nas citas a cegas, ou ben elixir calquera outro entre os milleiros de títulos que hai á súa disposición. Porque, o caso é ese, namorar da lectura.

Share.