Convocadas as axudas do programa Respiro familiar para persoas coidadoras de dependentes ou con discapacidades

0

O Diario Oficial de Galicia do pasado 4 de febreiro publicou varias convocatorias de axudas e, entre elas, as correspondentes a persoas coidadoras de dependentes ou con discapacidades que precisen contratar puntualmente axuda externa para facer calquera xestión ou tomar un pequeno descanso. Para iso a orde abre a posibilidade de obter unha contía económica para sufragar parte dos custos da atención domiciliaria ou da estadía da persoa dependente nunha residencia. O prazo de solicitude deste programa, denominado Respiro familiar, permanecerá aberto até o 30 de setembro e o orzamento total é de 600.000 euros, que se distribuirán entre as peticións que a Xunta vaia recibindo ata esgotar o crédito. Hai máis información tanto nas delegacións da  Consellaría de Política Social  como no departamento municipal de Servizos Sociais, onde atenden chamando ao 981 490 027 ext.1 para solicitar cita previa.

A orde recolle dúas modalidades de axuda. A primeira é Respiro no fogar, consistente nunha axuda económica para que as persoas coidadoras habituais non profesionais poidan botar man de alguén que as substitúa para tomar un descanso ou para atender obrigas ou necesidades persoais do tipo que sexan.

A axuda está pensada para contribuír ao pagamento deses servizos e está cuantificada segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar: 14€/ hora de axuda para rendas ata 3.750€, 11€/hora para rendas entre 3.750 e 7.500€, 9€/hora se a renda per cápita está entre 7.500 e 10.000€ e, por último, 7€/hora cando a renda sexa superior a 10.000€ até o tope dos 13.500€ per cápita (e 45.000€ en total) que figura na orde para poder acollerse ás axudas.

Nesta modalidade do programa as axudas están limitadas a un máximo de 72 horas por cada ano natural, distribuídas de luns a domingo.

A segunda opción das axudas é o Respiro en residencia e , dentro dela, poderase elixir entre estadías da persoa dependente ou discapacitada dunha duración de 15 días (14 noites) ou ben de dúas fins de semana, sexan ou non consecutivas, por ano natural. Os tramos de axuda son dun 70% do custo para rendas ata 3.750€,  do 50% para rendas per cápita de 3.750 a 7.500 euros, dun 25% no caso de rendas de 7.500 a 10.000 euros e dun 10% se a renda per cápita é superior aos 10.000 euros sen superar os 13.500 de límite máximo. As estadías deberán realizarse en centros autorizados por Política Social e, neste sentido, establécese que o prezo máximo diario non poderá superar os 80€ ive incluído no caso da opción quincenal ou os 90€/día se se trata de fins de semana ou, excepcionalmente, festivos soltos.

Para acollerse a estas axudas -que van dirixidas ás persoas coidadoras e son compatibles coas doutras Administracións-,  ademais dos criterios de renda, deben cumprirse outros requisitos. O primeiro é ser persoa coidadora habitual non profesional que atenda de forma continuada unha persoa con necesidades de atención persoal e, nomeadamente, que teña unha discapacidade física, psíquica ou mental que estea recoñecida oficialmente nun grao igual ou superior ao 75%. Tamén poderán acollerse as persoas que coiden dependentes de grao 2 ou 3 e incluso aquelas que atendan persoas que necesiten a axuda de terceiros para o desenvolvemento de actividades da vida diaria, sempre que o acrediten mediante informe médico e social.

Toda a información sobre esta convocatoria encóntrase no Diario Oficial de Galicia do martes 4 de febreiro. O prazo para solicitalas finaliza o 30 de setembro e pode obterse máis información nas delegacións da Xunta ou no departamento municipal de Servizos Sociais.

 

Share.