Pleno ordinario tranquilo coa oposición baixo mínimos

0

O pleno ordinario de xullo en San Sadurniño deixa poucos titulares en canto a asuntos de trascendencia executiva para o Concello, aínda que si algúns de perfil institucional -con dúas mocións aprobadas- e, sobre todo, pola propia configuración que adoptou a sesión, mermada polas baixas nas filas da oposición. E é que dos catro escanos que lle corresponden a PP e PSOE só estivo ocupado un, o do portavoz popular. Os motivos desta inédita relación 7/1 estiveron na ausencia por mor dun percance da actual nº 2 do PP, María Belén Trigo, no feito de que tampouco nesta sesión tomou posesión a nova nº 3, Cristina Calvo, e tamén na cadeira que deixou libre o portavoz do PSOE, Eduardo Lourido, coa súa dimisión o pasado primeiro de xuño. Unha renuncia da que se lle deu conta ao pleno hoxe mesmo para que se inicie o procedemento de sustitución do edil co seguinte nome da lista socialista, neste caso Yolanda Vázquez.

Trala aprobación da acta da sesión anterior e a toma de razón dos acordos e resolucións adoptados, foi precisamente esa a cuestión que tratou a corporación. O alcalde informou de que Lourido presentou a súa dimisión por escrito o día 1 de xuño, lendo a continuación o texto de despedida do edil socialista, no que manifesta o “orgullo” e a “honra” que para el supuxo ter representado a San Sadurniño durante os últimos dous anos. Lourido pide “desculpas públicas ás persoas que se poidan sentir defraudadas” pola súa decisión que, segundo suscribe, atende a “motivos estrictamente persoais”.

A carta finaliza cun agradecemento dirixido ás persoas “que en min confiaron” e tamén aos membros da corporación municipal e persoal do Concello “polo trato respectuoso e democrático recibido, tanto á miña persoa como ao grupo político que represento”. Pola súa banda, Secundino García, expresoulle a Eduardo Lourido -ausente na sala-  o agradecemento de toda a corporación  “pola súa entrega” e desexoulle “o mellor” de agora en diante.

A marcha de Eduardo Lourido é a terceira que se produce  no presente mandato, logo das renuncias de Andrés Fernández Graña e Silvia Fernández Muíño nas filas do PP. Trala toma de coñecemento da dimisión do edil socialista, o pleno deberá iniciar o procedemento para cubrir a vacante dirixíndose á Xunta Electoral. Todo apunta a que o cargo de portavoz e única representante do PSdeG-PSOE na corporación será ocupado por Yolanda Vázquez Pazos.

Sobre a cuestión da configuración da corporación municipal, o pleno tamén incluiu o punto da toma de posesión da concelleira electa do PP Cristina Calvo Tuimil en substitución de Silvia Fernández, quen renunciou ao seu cargo o pasado 22 de febreiro. A toma de posesión de Calvo xa figuraba na convocatoria do pleno do pasado mes de maio e nesta de xullo tampouco se produciu.

Todas estas circunstancias e a ausencia comunicada previamente pola  nº 2 do PP, María Belén Trigo, propiciaron unha sesión atípica, cos 7 membros do grupo do BNG presentes e só un da oposición. Circunstancias que, porén, non impediron debater os puntos da orde do día coa intensidade habitual.

A quinta cuestión desa relación de asuntos foi o nomeamento do xuíz de paz substituto, logo dun proceso de convocatoria pública ao que se presentaron tres persoas. Segundo explicou o alcalde, as tres reunían os requisitos para o desempeño do cargo que, finalmente, o pleno -cos votos favorables de BNG e PP- decidiu adxudicarlle a Francisco Rodríguez Sixto por tratarse do primeiro en botar a solicitude, polo feito de ser veciño de San Sadurniño  e por residir moi preto da casa consistorial.

Tras esta cuestión, o pleno tratou dúas mocións presentadas pola vía ordinaria polo BNG. A primeira delas, defendida por Manolo Varela, centrouse no problema da praga da avespiña do castiñeiro que, segundo o edil, está xa  “por toda Galicia, mesmo no concello de San Sadurniño”. Esta especie invasora estaría poñendo en perigo “moitos postos de traballo” no sector da castaña, nomeadamente na produción, nos viveiros e nas empresas transformadoras, ademais do traballo das “persoas particulares que posúen castiñeiros nas súas fincas”.

A moción nacionalista acusa á Xunta de “lentitude, ineptitude e desinterese” e sixe medidas en apoio da investigación e seguimento da evolución da praga, maior participación do sector na toma de decisións sobre como combatela e tamén a solta masiva de Torymus sinensis, un dos seus depredadores naturais.

O PP mostrou o seu acordo no fondo da moción pero puntualizou que a Xunta “traballa desde 2014” para manter á raia a invasión, lembrando ademais que as soltas do depredador “ten que autorizalas o Ministerio” e que a representación de todos os actores principais xa estaría garantida, segundo dixo Manuel Romero, “a través do Consello Forestal de Galicia”.

O edil popular anunciou a súa abstención e, pola súa banda, Manolo Varela insistiu en que desde o goberno autonómico “fanse cousas, pero non as suficientes”, citando como exemplos fallidos  o ocorrido coa avespa asiática ou, máis recentemente, coa couza da pataca.

O desencontro dos puntos de vista de BNG e PP repetiuse na seguinte moción presentada polo grupo nacionalista, referida “á redución importante” dos fondos para o Plan marco de mellora de camiños rurais promovido pola Consellería de Medio Rural, que en 2016 andaba cerca dos 20 millóns de euros e que no bienio 2017-28 non chegará aos 16. O BNG critica a rebaixa económica e acusa á Xunta de “desleixo” polo medio rural, puntualizando que as asignacións concretas para cada municipio obrigarán a presentar “proxectos despezados, obras menores e investimentos aillados que non responden a unha estratexia para desenvolver o medio rural galego”.

Segundo asegurou o portavoz do Bloque, Suso Soto, os investimentos “baixan nun 60%”, pasando dos 12€ por habitante e ano de 2016 aos 10€ neste exercicio e no que vén “é dicir, 5 euros por habitante cada ano”. Neste sentido a moción insta ao goberno galego a incrementar a dotación económica do plan e a garantir un orzamento plurianual “que asegure investimentos sostidos e progresivos” en colaboración cos municipios.

Manuel Romero repasou as liñas estratéxicas do plan autonómico de desenvolvemento rural “dotado con 72 millóns de euros” e sinalou que “o rural si é un obxectivo para a Xunta”, precisando que este ano o goberno autonómico decidiu destinar os fondos FEADER cos que se financiaba este plan marco “a finalizar as concentracións parcelarias vivas”, asumindo o plan de camiños con fondos propios, a razón de 8 millóns de euros en 2017 e outros tantos en 2018. Sobre a cuestión de que este programa vaia ser agora bianual en vez de anual, Romero argumentou que, deste xeito “facilítaselle a xestión aos concellos”.

Suso Soto crticou que San Sadurniño vaia recibir 65.000 euros para dous anos cando en anteriores convocatorias deste programa “houbo proxectos de 200.000”. Acusou tamén á Xunta de “facer campañas de publicidade en vez de tomar medidas efectivas” con respecto ao rural e a fixación de poboación. Secundino García aproveitou a última quenda do debate para criticarlle ao portavoz do PP que non apoiase unha moción “coa que estaría de acordo calquera persoa, sexa da organización política que sexa”, posto que nela se pedía aumentar os fondos e que o orzamento plurianual garantice os investimentos que, en palabras de García, “son medidas moi concretas e moi importantes para o mantemento da rede viaria nos concellos rurais”.

Preguntas
Unha vez debatida a moción -e aprobada cos votos a favor de BNG e o contrario do PP- abriu a quenda das preguntas. Manuel Romero preguntou cantas empresas das que se instalaron no Centro Municipal de Empresas “cumpren cos obxectivos que ían nas bases” e cantas delas “son de emprendedores”.

Secundino García instou ao portavoz popular a que, en atención ao regulamento plenario, presente por escrito e con alomenos 24 horas de adianto aquelas preguntas que requiran  datos concretos para ser respostadas. Dito isto, o rexedor puntualizou que “todas as empresas” cumpren cos requisitos establecidos nas bases “porque, senón, non poderían estar no centro” e asegurou que tamén todas son iniciativas de emprendedores posto que “o termo emprendemento é moi xenérico e todas as persoas que están alí emprenderon unha actividade, agás Correos, que é un servizo público”.

Con respecto a Correos houbo tamén un pequeno tirapuxa entre Romero e García. O edil popular preguntou se o concello consideraba que “por darlle aí un oco ” se estaría “favorecendo ou prexudicando ao pobo, porque están competindo con prezos baixos nestes locais”.  Secundino García foi tallante: “a Correos non se lle deu ningún local. Probablemente se non houbera local estaríamos falando agora de que Correos estivese nas Somozas ou en Moeche”. Sobre a pretendida competencia, o alcalde respostoulle a Romero Castrillón que o Concello “non lle anda quitando clientes a ningún arrendatario particular. En San Sadurniño fan moita falta locais onde montar negocios e agora hai un máis no mercado. Nós fixemos o que tiñamos que facer, Correos vai seguir aquí, estase negociando a ampliación dos servizos e Correos paga [pola ocupación do local]”.

A segunda cuestión plantexada polo portavoz do PP referiuse ao estado de tramitación do PXOM. Sobre iso o alcalde aclarou que se están recibindo os informes sectoriais e que recentemente chegou ao Concello o correspondente a Patrimonio, faltando aínda o de Augas de Galicia.

Desde o público tamén se mostrou interese pola cuestión e, nomeadamente, sobre se o Concello ten previsto contestar as alegacións presentadas durante o período de exposición pública do documento. Secundino García aclarou que si, que se ían contestar todas e cada unha das alegacións presentadas pero que, para iso, era necesario que antes cheguen todos os informes da Xunta e doutros organismos que son vinculantes e que poderían condicionar as respostas a esas alegacións.

Un último asunto proposto polo público foi o de suxerirlle ao Concello que se mire de limpar o cauce do Xuvia, polo menos no tramo do paseo fluvial e na presa de Mera.  A este respecto o alcalde asegurou que xa se estaba enriba do tema logo de que o PSOE se pronunciase no mesmo sentido no anterior pleno. Secundino García precisou que os concellos non fan estas limpezas, senón que delas se encarga a Xunta, que nestes momentos estaría dándolle maior prioridade ás zonas inundables.

Audio do pleno

 

Share.