Pleno ordinario cun alto grao de unanimidade dos tres grupos

0

A sesión ordinaria do pleno deste mes de xullo saldouse con varios puntos acordados por unanimidade da corporación municipal, mentres que un deles, o referido á ordenanza reguladora da taxa pola expedición de documentos, saiu adiante cos votos de BNG e PSOE mentres que o PP a rexeitou por considerala un novo gravame para a veciñanza. O resto de asuntos da orde do día -a determinación das festividades locais para 2017, a declaración institucional en apoio da plataforma das vítimas do Alvia, e unha moción nacionalista sobre os dereitos do colectivo LGBTI- obtiveron o favor dos tres grupos. Na orde do día debateuse unha moción presentada pola vía de urxencia polo BNG sobre a lembranza do 80º aniversario do golpe de estado do 36 que desembocou na Guerra Civil. Tanto a urxencia como o contido da moción foron ratificados por PP e PSOE. A sesión foi tamén a da estrea da concelleira do PP María Belén Trigo, que accedeu ao escano trala renuncia de Andrés Fernández Graña.

O pleno comezou coa aprobación da acta da sesión anterior para, inmediatamente despois, asistir á toma de posesión da nova concelleira popular. Trigo Meizoso, veciña de Naraío, sentou no seu escano no segundo punto da orde do día e optou pola fórmula de xurar o seu cargo diante do resto de concelleiras e concelleiros.

A sesión proseguiu coa dación de conta á corporación dos acordos e resolucións tomados desde a última sesión plenaria, incluídas dúas modificacións de crédito aprobadas pola Xunta de Goberno Local para incorporar ao orzamento municipal 78.000 euros procedentes dunha axuda da Xunta de Galicia e outros 10.000 da Deputación da Coruña.

No punto cuarto abordouse a determinación de festividades locais do ano que vén, que quedaron fixadas para  o martes de entroido -28 de febreiro- e para o luns 3 de xullo, Santa Sabela.

O asunto nº5 da orde do día foi o que máis debate xerou. Sometíase á valoración dos grupos a modificación da ordenanza reguladora da taxa pola expedición de documentos. Unha modificación que, na práctica, deroga a anterior norma ao tempo que amplía o seu contido en canto aos servizos. De feito, o articulado xa incorpora os procedementos catastrais que se poderán tramitar a través do Punto de Información Catastral habilitado recentemente no Concello. Por outra banda tamén recolle as taxas referidas a exames de posibles procesos selectivos e as correspondentes á formalización de contratos.

O PP rexeitou a proposta por considerala un novo gravame con afán recadatorio. Un argumento rebatido polo grupo de goberno, desde onde se acusou ao Partido Popular de acudir á demagoxia. O BNG sinalou que a ordenanza obedece ao incremento de servizos prestados polo Concello e á obriga legal de cubrir os seus custes, en concordancia co que ocorre con outros municipios da volta e outras administracións públicas. O punto saiu adiante apoiado polo BNG e o PSOE.

Este asunto relativo á xestión saiu adiante apoiado polo BNG e o PSOE e foi un punto e aparte que marcaría a concatenación de tres puntos relativos a declaracións institucionais e mocións. A primeira foi un texto en apoio das reivindicacións da plataforma de vítimas do tren Alvia que descarrilou hai case tres anos en Santiago. Nela solicítase unha comisión de investigación independente -un estremo ratificado esta mesma semana pola Comisión Europea- e que se indaguen todas as responsabilidades, tamén políticas, que poidan estar detrás do accidente. A moción tamén inclúe o compromiso municipal de recibir á plataforma de familias e persoas feridas para coñecer máis en detalle as súas demandas. O portavoz do PSOE manifestou o seu apoio, engadindo que, ademais das responsabilidades previas, tamén houbera irregularidades na xestión da catástrofe que non deberían quedar impunes. Os tres grupos déronlle o seu voto favorable ao texto.

A seguinte cuestión foi unha moción presentada polo BNG ao respecto da visibilización e normalización do colectivo de lesbianas, gais,transexuais, bisexuais e intersexuais. A proposta apela a unha aplicación real da lei aprobada polo Parlamento galego en 2014 e insiste na necesidade de traballar contra a súa discriminación e facer visible social e politicamente esta realidade plural. Neste sentido a moción solicitou a continuación do programa de educación afectivo-sexual que se desenvolve no CPI, que os tres grupos fagan unha declaración institucional consensuada, instar á Xunta para que se cumpra a lei -abrindo unha liña de atención para informar e tamén para abordar casos de discriminación- e que os departamentos autonómicos con responsabilidades en cultura e deportes fagan o posible pola normalización tanto na produción cultural como na práctica deportiva.

A moción resultou avalada polos tres grupos, ao igual que a seguinte, introducida pola vía da urxencia polo BNG e referida á rememoración do 80º aniversario do golpe de estado do 36 que desencadearía a guerra civil e 40 anos de ditadura. A moción indica que en Galicia se produciron arredor de 5.000 mortes, ademais de violacións, persecucións e represión que continuarían trala contenda. Neste sentido o texto demanda medidas que axuden a reparar as vítimas e tamén as fendas que aínda permanecen abertas e para iso propúxoselle á corporación a condena do golpe do 36, que o Concello programe durante este ano actividades en colaboración con entidades que traballan a prol da recuperación da memoria histórica e que se lle rinda homenaxe ás persoas represaliadas. Segundo as indagacións do profesor Manolo González -publicadas en Fálame de San Sadurniño- existe constancia de que o conflito fratricida levou 40 vidas de mozos de San Sadurniño, máis da metade só durante o ano 1938, e que alomenos 10 persoas foron fusiladas, represaliadas ou depuradas durante e despois da guerra.

Rogos e preguntas
A última parte do pleno incluiu o apartado de rogos e preguntas, que só se incorpora á orde do día das sesións ordinarias. Non houbo rogos, aínda que a nova concelleira do PP si aproveitou o momento para que constase na acta a súa renuncia á percepción económica por asistencia aos plenos expresando o seu interese en que as contías se destinen a fins sociais. As ptreguntas formulounas o PP para inquirir ao goberno municipal sobre o estado de tramitación do PXOM, sobre a programación de rozas nas pistas municipais e pola sega da herba tanto no campo de fútbol de Santa Mariña como na zona do arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Por último, o Partido Popular tamén preguntou pola dispoñibilidade de locais municipais para grupos políticos.

En resposta á primeira cuestión, o goberno local sinalou que, segundo a empresa redactora, o planeamento podería estar aprobado a finais deste mesmo ano e que, en calquera caso, se convocaría aos portavoces para abordar a resolución das alegacións, que nalgúns casos se verán afectadas pola última modificación da Lei do Solo. Ao asunto do desbroce das pistas, o alcalde respostou que no mes de setembro estaría completada a limpeza de todo o municipio malia que este ano a Xunta retrasou practicamente ata xullo a sinatura do convenio para sufragar estes traballos que San Sadurniño realiza con medios propios. O alcalde apuntou sobre a cuestión da limpeza do campo de Santa Mariña que as instalacións practicamente non se usan desde que se pasou a herba artificial o campo de Corrás pero que, en calquera caso, se corrixiría a situación. O goberno local sinalou que o actual estado da vexetación no arboredo da Cortiña se debe a que a empresa que se encargaba do mantemento da xardinería de espazos públicos presentou a súa renuncia ao contrato que tiña co Concello. O alcalde informou que se faría unha limpeza da zona encargándolle o traballo a outra firma mentres non se convocase unha nova contratación do servizo. Por último, no tocante aos locais para grupos políticos, o alcalde instou a que os portavoces dos tres partidos se reúnan para ver os espazos que hai dispoñibles e acordar entre eles o seu uso por parte de cada formación.

A sesión rematou cunha intervención desde o público para preguntar pola razón de que durante as mañás de luns a venres non se permitan baños libres na piscina municipal. O goberno local apuntou que as mañás se reservan para cursos e actividades infantís e que esta circunstancia non é nova, senón que leva sendo así todos os veráns desde o ano 2007.

Todos os detalles e matices do debate poden escoitarse no audio da sesión publicado, como é habitual, na plataforma ivoox ou no reprodutor incrustado ao pé deste artigo.


 

 

Share.