Pleno municipal centrado na crise da COVID-19

0

Este xoves á tarde celebrouse o pleno ordinario de maio do Concello de San Sadurniño. Unha sesión á que asistiron presencialmente o alcalde, a portavoz do BNG e os catro concelleiros e concelleiras da oposición, mentres que os membros restantes da corporación -5 do grupo nacionalista- conectáronse por videoconferencia. O pleno  só levaba un asunto para votación -ademais do habitual da acta-, relativo á aprobación do plan municipal de prevención de incendios forestais, que saiu adiante cos votos favorables do BNG e o PSOE e a abstención do PP. Boa parte da máis de hora e media do pleno centrouse no debate dunha moción urxente presentada polo PP, que despois se vería modificada por unha emenda á totalidade aprobada por BNG e PSOE, e polo apartado de rogos e preguntas, capitalizado pola xestión da crise da COVID-19 e as repercusións socioeconómicas da pandemia.

Do peso específico da pandemia no debate dá conta o feito de que os puntos con contido predefinido na orde do día foron tratados en tan só 13 minutos e, deles, exactamente a metade fóronse en discutir sobre o procedemento da convocatoria, posto que o PP dubidaba da súa “legalidade” polo feito de que se xuntasen nunha mesma comunicación a convocatoria da comisión informativa e tamén a do propio pleno. O alcalde retrucou que o documento era o mesmo modelo que xa se utilizara en anteriores ocasións e que, en calquera caso, a súa redacción era “un modelo estándar” e “un formalismo” que, de conter algún erro involuntario, non era impedimento para celebrar o pleno nin para que fose plenamente válido.

A partir de aí -e tras aprobar por unanimidade a acta da sesión anterior- abordáronse os catro puntos seguintes. Tres deles consistían na dación de contas sobre resolucións da alcaldía. As máis relevantes foron as relativas a cambios menores en dous proxectos do POS+ e ao destino dos fondos do Plan Adicional 2/2020, cuxos 125.000 euros se dedicarán á mellora da iluminación pública e do aforro enerxético no centro urbano, ao aglomerado da pista Eirexado-Lourido e unha pequena cantidade, pouco máis de 300 euros, a gasto corrente.

No medio deste bloque temático que non era preciso votar introduciuse a aprobación definitiva do Plan municipal de prevención dos incendios forestais, onde se definen as faixas secundarias de protección que deberán estar libres de maleza e de arborado pirófito nun radio de 50 metros arredor dos núcleos de poboación e doutros equipamentos. O plan aprobouse cos votos do BNG e do PSOE e sen ningún tipo de debate. O PP só interviu para anunciar a súa abstención. Esa postura mereceu un comentario do alcalde indicando que a aprobación do plan redactado con axuda da Xunta “é unha obriga que temos por lei” e criticando que os populares se astivesen sen explicar a razón.

Despois de repasar estes primeiros asuntos, o pleno admitiu a presentación pola vía urxente dunha moción do Partido Popular reclamando que o Goberno de España “non se apropie dos aforros das entidades locais” e que, neste sentido, “flexibilice as regras para que as entidades poidan utilizar o superávit para implementar servizos e medidas que permitan loitar contra a pandemia”. A petición popular veu pedir, na práctica, a derogación da Lei 27/2013 de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Local, a coñecida como “Lei Montoro”, aprobada durante o goberno de Mariano Rajoy que lles impide aos concellos dispoñer libremente dos seus fondos.

A proposta non caeu demasiado ben na bancada da outra banda do salón, ocupada tan só por Lois Anxo Rodríguez. O concelleiro socialista criticou con dureza a moción presentada polo PP, nomeadamente polos reproches que nela se lle lanzan ao Goberno do Estado, acusándoo ademais de estar vulnerando a Constitución. Rodríguez mostrouse “decepcionado” e “cunha fonda tristura” pola actitude do PP durante a crise, cualificada polo edil socialista como “unha búsqueda do confrontamento e do corpo a corpo”. O concelleiro tamén lle espetou ao PP que a moción era “como un disparo no pé”, posto que a actual situación das facendas locais “foi provocada por un goberno do Partido Popular”.

O BNG mediou na disputa PP-PSOE indicando que “a xente espera outro tipo de política, políticas de solucións”. Porén tamén lle afeou ao grupo do Partido Popular querer defender a autonomía municipal “sendo o partido responsable de aprobar unha das leis que máis ata a autonomía local”. Mari Carme Muíño puntualizou que hai concellos “con cartos nos bancos que non poden gastar” e que, polo tanto, “urxe” a derogación da “Lei Montoro”.

Neste sentido a portavoz nacionalista presentou unha “emenda á totalidade” da moción do PP -despois de rexeitar o texto íntegro con apoio do concelleiro socialista- para que os concellos poidan dispor dos fongos propios, pero tamén reclamando que outras administracións “asuman os custes das súas competencias”. Muíño asegurou que os municipios “tiveron que afrontar a COVID en soidade” e puxo como exemplo o peche do Centro de Día de San Sadurniño que obrigou ao Concello a asumir a atención de algunhas persoas usuarias deste servizo autonómico cun paquete financieiro chamado “horas COVID” que non dán para cubrir o custe da atención. Por outra banda, segundo apuntou Mari Carme Muíño, “co servizo pechado (o centro clausurouse o 16 de marzo e segue sen abrir) a Xunta reclámanos que lle paguemos a aportación municipal completa, sen facer ningún tipo de desconto nin proposta ao respecto”.

O BNG acusou á Xunta de “facer propaganda na TVG, pero solucións cero” e criticou que o Goberno autonómico aínda non puxese en marcha ningún plan de reactivación económica e social nin tampouco un programa específico para persoas autónomas e PEMES. Pola súa banda, Secundino García criticou que o PP local trouxese unha moción relativa aos remanentes cando “pleno si e pleno tamén” veu criticando o incumprimento da regra de gasto establecida pola Lei de estabilidade  “por utilizar remanentes”. Tamén lle criticou que falase no texto de “propaganda” cando, segundo García, “o presidente da Xunta leva en campaña electoral desde a anterior campaña”.

Rogos e preguntas
A recta final do pleno estivo ocupada polos rogos e as preguntas. José Luis Hermida pediu “unha gratificación ou plus de perigosidade” para as traballadoras do SAF e pediu que ao próximo pleno se trouxesen as demandas veciñais expresadas no último proceso do orzamento participativo. O edil popular tamén se interesou polo aparcadoiro de caravanas proxectado na Cortiña, pola situación das traídas comunitarias no Camiño Arriba e en Igrexafeita e por se desde a Administración se fixera “un censo de persoas que viven soas” que, tal e como aclarou o alcalde, son datos dos que se dispón a través do Instituto Nacional de Estatística e tamén do Instituto Galego de Estatística. O concelleiro preguntou tamén se o Concello promovera “partidas de voluntarios” durante os momentos do confinamento “para levarlle comida á xente”. O Goberno local respostou que ese tipo de asistencia se prestou con persoal municipal, principalmente a través do SAF e que “non quedou sen atender ningunha das demandas que chegou ao Concello”, ben por medio de solicitudes directas ou do seu entorno.

O PP tamén preguntou sobre as previsións de levar a pleno os orzamentos municipais que, segundo o alcalde, precisamente por non telos aprobado aínda, poderán adaptarse á máis que segura crise socioeconómica que virá trala pandemia. Por outro lado, facer os orzamentos a partir de agora tamén permitirá incorporar partidas xeradas nas últimas semanas por outras administracións. O grupo popular preguntou por medio de Esther Díaz sobre se se vai aumentar a partida de emerxencia social que, segundo o alcalde, xa pode cubrirse con ata un 20% do remanente municipal. Díaz inquiriu pouco despois sobre se o Concello ía proporcionarlle aos colectivos máis desfavorecidos mascarillas hixiénicas, ao que Secundino García e Mari Carme Muíño respostaron que “ningunha persoa que o precise quedará sen mascarilla por non ter cartos” e que, en calquera caso, os casos de persoas e familias en situación de emerxencia se valoran tecnicamente para todas as súas circunstancias, incluído de ser o caso a merca de mascarillas.

A concelleira interesouse, xa como remate da súa quenda, polos protocolos de apertura de instalacións municipais e polos datos sobre cantas persoas foron atendidas polo SAF nos últimos meses. Ademais tamén preguntou se o Concello ía por en marcha liñas de axuda para persoas autónomas. A esta última cuestión, Secundino García respostou que non se trataba “dunha competencia municipal”, engadindo que “poderían ser incompatibles” coas facilitadas polo Estado e as que habilite a Xunta. O alcalde tamén adiantou que os municipios “teñen que estar preparados para o contexto que nos vén enriba, cunha caída de ingresos dun 30 ou 40%”.

Na recta final da sesión, María Belén Trigo trasladou as preguntas “que me fai moita xente” polos motivos de que no Concello non estean ondeando as bandeiras a media hasta en sinal de loito. Secundino García indicou que as bandeiras do exterior se retiraron xa antes da crise sanitaria para substituílas por outras novas, algo que nunca fixera. Porén, indicou que tanto el como “todas as persoas decentes” están de acordo en que hai que renderlle homenaxe ás vítimas, pero que non hai que caer “na hipocrisía”, como “fai a señora Ayuso en Madrid”, dixo García. Trigo finalizou a súa intervención -coa que tamén rematou o pleno- preguntando por cantos recursos propios gastara o Concello en adaptar as súas instalacións á prevención da Covid-19, suxerindo a reparación da pista de Sabanda ao Camiño Arriba e “felicitando” a Secundino García por ter pedido a través da FEGAMP que se flexibilizasen as medidas de restrición da mobilidade decretadas polo Estado.

Antes do cabo da sesión, María Belén Trigo debateu brevemente con Lois Anxo Rodríguez sobre os prezos das mascarillas solicitando que o Estado lles rebaixase o ive por mor do custo que pode supor a súa adquisición a finais de mes. O Bloque ampliou a petición “a todos os produtos de hixiene” e o representante do PSOE indicou que a todos os traballadores lles facilitan as mascarillas as súas respectivas empresas como equipamento de protección. Rodríguez solicitou “confianza” en quen se están encargando de xestionar a crise e volveu reafirmar a súa “decepción” porque se estean “puntualizando cada unha das actuacións que se fan e buscarlles o lado negativo”.

O pleno transmitiuse a través de internet, aínda que os problemas da conexión impediron seguilo como era debido. Nos próximos días subirase a gravación da sesión. Mentres, está xa dispoñible o audio.

Share.