Pleno con unanimidade en case todos os puntos e final subido de tono

0

O pleno ordinario deste primeiro sábado de maio prometía ser unha sesión con escaso disentimento entre os grupos, habida conta de que a maioría dos puntos eran os que habitualmente se denominan como “de trámite”. Así, BNG, PP e PSOE aprobaron por unanimidade o acordo de delegación definitiva na Deputación da cobranza de impostos en vía executiva, a modificación da ordenanza reguladora do SAF, a exposición pública do inventario de bens municipais  e a desafectación dun camiño público. Cuestións que se liquidaron en exactamente 15 minutos dunha sesión que aínda duraría outros tres cuartos de hora máis, focalizada no debate da moción sobre o superávit presentada polo BNG e, principalmente, nun duro enfrontamento entre o PP e o grupo de goberno. Dúas foron as cuestións que motivaron o acaloramento da recta final do pleno: dunha banda as manifestacións de Manuel Romero poñendo en dúbida a limpeza do recente proceso selectivo para a provisión dunha praza de interinaxe nos servizos administrativos e, da outra, a pregunta feita polo alcalde ao portavoz do PP sobre se tiña solicitada ou non licenza municipal para a apertura dun “chiringuito” ao pé do local hostaleiro que rexenta, situado preto do paseo fluvial do Xubia.

Pero todo isto foi ao final do pleno. Antes houbo outras cuestións, como a toma de posesión como edila de Cristina Calvo. Unha incorporación que ía na orde do día pero que non se chegou a producir debido a que a futura nova concelleira do grupo municipal do PP se atopa traballando no estranxeiro, tal e como comentaba antes do inicio da sesión o seu portavoz.

O resto dos puntos si saíron adiante e case con pleno en canto a unanimidades. O primeiro foi o da aprobación definitiva da delegación de competencias en materia de xestión tributaria na Deputación da Coruña. Un tema que xa fora a pleno e que se volveu traer tralo periodo de exposición pública para darlle o visto e prace definitivo. O acordo permitirá  que o ente provincial asuma a cobranza na vía executiva de impostos e taxas que o Concello aínda non lle tiña transferidos.

Outro punto  foi a modificación da ordenanza que regula a prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Neste caso tratábase de facer un cambio “de tipo procedimental”, centrado principalmente en axeitar o tipo de contrato ao decreto de Servizos Sociais da  Xunta, tal e como explicou o portavoz do BNG, Suso Soto. Eduardo Lourido expresou o apoio do PSOE ao acordo por “axustarse á lei” e por vir acompañado polo informe da traballadora social do Concello. O PP tamén anunciou o seu voto favorable e aproveitou para solicitar que se aumenten as horas do servizo.

O seguinte tema foi o da aprobación da exposición pública do inventario de bens do Concello. Un documento que incorpora edificios, vehículos, aparellos, leiras, dereitos e de titulariedade municipal.  Tal e como explicou o goberno local, o anterior inventario databa do 1997 e a súa actualización era  “unha necesidade urxente” que contou con apoio provincial no caso da catalogación de edificios e bens. A ela incorporóuselle un traballo de campo identificando máis de medio milleiro de camiños “que non estaban reflexados”.

O que se someteu á votación foi unha exposición pública previa á obrigatoria por lei -que se levará a pleno máis adiante- co obxectivo de que a veciñanza poida participar no proceso. Os tres grupos municipais estiveron a favor. O seguinte paso será darlle publicidade á documentación -sobre todo á de vías e camiños- con mapas e fichas que se poderán consultar no Concello. En relación con este tema, o dos camiños públicos, a corporación tamén lle deu o visto e prace á desafectación dun treito de camiño en desuso situado na Penamoura,  en Naraío.

Moción do BNG sobre o superávit
Ata este momento -15 minutos despois do inicio do pleno- todo foi coincidencia no sentido do voto que, porén, rompería tralo debate da moción presentada polo BNG para pedir do Estado que os municipios con superávit poidan incorporar ese remanente económico ao orzamento do ano seguinte para poder reinvestilo como queira. Unha posibilidade que, segundo os nacionalistas batería coas restricións da normativa en vigor desde 2012 sobre a contención do gasto e a sustentabilidade económica. Ao entender do BNG, a lei “fai táboa rasa” con todas as administracións , “as que cumpren e as que non”, para frear un déficit acumulado do que non terían culpa os municipios, senón máis ben as administracións autonómicas e a estatal. Por iso os nacionalistas piden o cambio normativo para poder reinvestir o superávit e que se definan de novo os criterios do que serían “investimentos financeiramente sostibles”.

O PSOE mostrouse de acordo e preguntouse “¿ata cando van ter en vigor esta lei de estabilidade orzamentaria ou de contención do gasto público?” que, segundo Eduardo Lourido, “vai en detrimento da veciñanza, da mellora de servizos e infraestruturas”. “Se hai concellos que están ben xestionados deberían poder reinvestir”, asegurou o edil socialista. O PP anunciou o seu voto a favor sempre que se introducisen dúas enmendas dirixidas ao goberno estatal. A primeira, que se revise o deseño e aplicación da regra de gasto “seguindo os criterios e normas da Unión Europea e tendo en conta criterios de estabilidade orzamentaria e de sostenibilidade financeira das administracións públicas”. A segunda, que se constitúa un grupo de traballo integrado por representantes do ministerio de Facenda, das autonomías e da FEMP “para adaptar a lei de 2012 á regulación europea”. O grupo nacionalista mantivo o texto, indicando que toda a exposición do PP “non ten nada que ver” co contido da moción. BNG e PSOE votaron a favor, e o Partido Popular abstívose.

Rogos e preguntas
A quenda de rogos e preguntas -a última da sesión- abriuna o representante socialista expoñendo a rotación de persoal médico que se está dando no PAC desde hai dous anos, segundo parece, pola  baixa dun dos médicos titulares. Eduardo Lourido instou ao goberno para que se dirixa ao SERGAS de cara a que se cubra a praza e que as persoas usuarias teñan sempre o mesmo médico ou médica e “maior tranquilidade”.

O concelleiro do PSOE tamén pediu que o Concello contactase con Augas de Galicia para que “permita rarear ou podar” árbores dos ríos próximas a vías públicas que en caso de temporais poden afectarlle á seguridade do tráfico, tal e como ocorreu recentemente na ponte da Ferraría, en Naraío. Secundino García tomou nota das peticións e comprometeuse a remitirlle unha carta ao SERGAS no asunto  da atención médica e facer o propio con Augas de Galicia sobre como facer para axilizar as autorizacións de Augas de Galicia para a corta de árbores e maleza ribeirá situada preto de estradas.

Tralo PSOE tomou a palabra o PP para preguntar, en primeiro lugar, cando se lles ía conceder aos grupos da oposición un local para a súa actividade. Secundino García explicou que na Xunta de portavoces se acordou habilitar dous espazos con cargo aos orzamentos deste ano, “que entraron en vigor hai un mes”. O alcalde lembroulle a Manuel Romero que desde 2007 todos os partidos políticos “teñen á súa disposición calquera instalación municipal” mentres non se constrúan os novos locais, que irán no recinto da antiga cantina da Casa da Cultura.  En segundo lugar, o PP preguntou cantas firmas ocupan o Centro Municipal de Empresas. O rexedor local informou que están todos os locais ocupados e que só habería un libre que, posiblemente, sexa ocupado por Correos.

Insinuacións de enchufismo e chiringuitos sen licenza
Ata os 45 minutos do comezo o pleno desenvolveuse na súa tónica habitual, con máis ou menos acordo e máis ou menos disensións en pareceres e votacións. Porén, a partir da terceira pregunta do PP o tono cambiou radicalmente. E non foi para menos, tendo en conta o que se puido escoitar -e que quedou rexistrado- no salón de sesións.

Manuel Romero referiuse ao recente proceso selectivo para cubrir con carácter temporal un posto de persoal administrativo no Concello. O edil popular non preguntou, senón que se limitou a afirmar o seguinte (sic.): “Polo visto xa empezou a traballar no Concello  a nova administrativa, e como non podía ser doutra maneira,  outra afiliada e militante do BNG, ademais de ser a cabeza de lista de…. Non dubidamos dos seus méritos para alcanzar a maior nota no proceso selectivo, pero o que critican vostedes noutros concellos o fan aquí”.

A intervención do portavoz popular provocou comentarios de indignación entre o grupo do BNG e  a resposta inmediata de Secundino García ante as “insinuacións” do portavoz do PP. “Calquera persoa que se presente a un proceso pode votar e militar na organización que lle pareza”, dixo o alcalde, quen engadiu que “militar nun partido político non a imposibilita para acceder á función pública, só faltaría. E iso non pode levar a insinuar que unha persoa por ser dunha opción política entrou irregularmente”.

Secundino García defendeu a limpeza dun proceso ao final do cal “entrou a persoa que obtivo mellor nota”, lembrando ademais que na preparación e desenvolvemento das probas “non participou ningún cargo político”, senón persoal funcionario doutras administracións, incluído o secretario municipal como secretario do tribunal.  A este respecto García destacou a “transparencia” do traballo desenvolvido por este tribunal -que figura publicada na web municipal-   e aseugrou que “facer insinuacións é estar poñendo en tela de xuízo a súa independencia e profesionalidade”, ademais de ser “unha ofensa ao Concello como institución”.  Secundino García lanzoulle a luva a Romero instándoo a que acudise á xustiza ofrecéndose incluso a acompañalo na denuncia: “salvo que estea mentindo ou estea calumniando, debería poñelo en coñecemento do xulgado. Algo que non vai facer porque non ten valor suficiente”, espetoulle o rexedor local ao portavoz do PP.

Finalizado o debate -no que o PP si preguntou pola devolución das taxas de exame a dúas aspirantes- o alcalde tomou a palabra para facer en público unha pregunta retórica para si. “Agora vou facer eu unha pregunta. O alcalde vaille facer unha pregunta ao señor alcalde”, dixo Secundino García en referenza a que nesta parte do pleno todas as cuestións deben ser respostadas polo presidente da corporación.  “¿O señor portavoz do PP ten licenza para unha instalación que está facendo na súa finca e que vin onte pola tarde?”. Secundino García introducía así o debate sobre á instalación dun chiringuito anexo ao establecemento hostaleiro rexentado polo voceiro do Partido Popular que, segundo parece, non tería solicitado a pertinente licenza municipal.

Durante un intre fíxose o silencio máis absoluto na sala, só roto na gravación do pleno por un susurro de extrañeza de Manuel Romero ante a pregunta. Visiblemente nervioso pola interrogación, o portavoz do PP sostivo que el non tiña “ningunha instalación sen licenza” e no caso do chiringuito -un colector mariño reacondicionado situado preto do paseo fluvial-  sostivo que “non fai falla pedir nada” por tratarse “dun punto de venda dentro do mesmo [negocio]”.

Secundino García explicaría despois,  trala finalización da sesión, que, neste caso, si habería obriga de solicitar autorización municipal “e incluso doutros organismos” antes do inicio da actividade. Neste sentido o rexedor local asegurou que o luns “se farán as comprobacións oficiais pertinentes” e, de ser o caso, “iniciarase o procedemento para a restitución da legalidade”.

O pleno rematou cunha intervención de Eduardo Lourido cualificando como “penoso” que o debate se adentrase en “personalismos” e criticou “as saídas de tono” do portavoz do BNG, Suso Soto, cando o debate estaba no seu punto máis quente. Lourido acusou a Soto de “falla de educación” motivada “polos nervios do momento” e pediulle que se escusase diante do pleno. “Non teño que desculparme con ninguén. Non lle faltei ao respecto a ninguén”, dixo Soto. Pola súa banda, Secundino García terzou no tirapuxa entre o portavoz do BNG e o do PSOE: “se é que se faltou ao respecto, asumo eu a culpa xa que a moderación do pleno é responsabilidade do alcalde”.

Share.