Persoal técnico e político de San Sadurniño e Moeche participa na formación do programa “O lavadoiro”

0

O Concello de San Sadurniño, xunto co Concello de Moeche, están levando adiante o proxecto “O lavadoiro” promovido pola Área de Igualdade da Deputación co obxectivo de propor novos enfoques que contribúan á eliminación da violencia machista. O programa presentouse a finais do mes de febreiro e neste momento xa está en marcha, tecendo rede para acadar unha participación activa da veciñanza. Algo que se quere poñer en práctica de dúas maneiras: cun grupo de mulleres “facilitadoras” que lle ofrezan apoio a outras mulleres que poidan encontrarse nesa situación e, en paralelo, fomentando que tamén haxa homes “aliados” facendo apostolado dun novo modelo de masculinidade caracterizada pola corresponsabilidade e o compromiso na loita fronte a todos os tipos de violencias exercidas contra da muller. Ademais,  “O lavadoiro” tamén traballa co persoal político e técnico de ambos concellos ofrecéndolles formación centrada no reto que supón para as Administracións locais abordar a violencia machista como o problema social de primeira orde que é.

As actividades formativas dirixidas ao persoal municipal, técnico e político, e tamén a axentes doutras institucións implicadas de ambos municipios, comezaron hoxe en San Sadurniño e van prolongarse aínda varios días.

A finalidade dos temas que se están tratando da man da Cooperativa Arabías -xestora do proxecto provincial- é a de reforzar capacitación das persoas participantes á hora de abordar a violencia machista, ademais de garantir a integración transversal do principio de igualdade de xénero a nivel municipal.

No ciclo de xornadas formativas e de traballo anotáronse preto dunha vintena de persoas, na súa maior parte das áreas de Servizos Sociais, Igualdade e atención ao público, pero tamén de departamentos como os de Obras e Servizos, biblioteca, Desenvolvemento local, etc.

Na sesión deste sábado pola mañá viuse a maneira en que se reproducen as desigualdades de xénero como problema estrutural da sociedade, ademais de comentar ata que punto están enraizadas nas zonas rurais, onde quizais haxa menos servizos e maior dificultade para erradicalas.

Para a tarde queda ver en que consiste a “transversalidade” na loita contra a desigualdade e a violencia, e de que maneira se pode/debe integrar tanto nas políticas públicas como no día a día de todo o que fan os concellos como Administración.

O curso intensivo continuará os martes 24 e 31 de maio, meténdose xa máis en materia sobre a abordaxe da violencia de xénero. Así, o primeiro deses dous días, de 10 a 13:00h aprenderase a detectar os sinais indicadores -moitas veces imperceptibles- dunha situación de maltrato. O segundo martes, co mesmo horario, Arabías dará algunhas claves para saber como proceder ante esa situación, incidindo sobre todo no acompañamento que precisarán as mulleres vítimas para poder saír dela.

Sin título-2_Original ratio_720x123_H_90

 

 

 

 

Share.