Penúltimo día para apuntarse no mercado local do domingo

0

Os xardíns municipais serán escenario este domingo do primeiro mercado local do verán. De novo poderemos atopar a moi bo prezo alimentos frescos e elaborados, produtos de artesanía e centos de curiosidades, desde roupa ata ferrallada antiga, pasando por libros, discos e outros obxectos de segunda man. O departamento de Desenvolvemento local pecha este mércores ás 14.00h. o prazo para a inscrición de postos dun mercado que, posiblemente, se vexa máis animado por cadrar con xornada electoral.

As solicitudes de espazo deben facerse cubrindo a ficha correspondente que despois deberá ser remitida ao Concello por calquera das seguintes vías: presentándoa na Casa da Cultura en horario de mañá, entregándoa no rexistro municipal, mandándoa por fax -981 490 474- ou a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal. O listado de admisións publicarase o xoves.

O mercado arrancará sobre as 10 da mañá, aínda que o movemento xa se notará desde dúas horas antes coa chegada de expositores ao  recinto segundo a orde de instalación asignada polo Concello. Agárdase que para esta primeira cita feiral do verán se xunten arredor de 80 postos. Unha cifra que pode variar á baixa se o día vén de auga, aínda que as distintas previsións meteorolóxicas -pouco fiables con tanto tempo de adianto- indican que teremos unha xornada de verán en toda regra.

O evento manterá a distribución de sempre ao redor dos sendeiros do parque situado detrás da casa consistorial. Na metade oeste situaranse os postos de froitos da terra, produtos frescos e alimentos transformados, ademais de viveiros e comercialización de plantas. A parte central resérvase para a artesanía, que continuará polo sendeiro situado ao leste dos xardíns mesturándose coa oferta de segunda man.

O mercado local de San Sadurniño naceu co obxectivo favorecer a comercialización dos produtos de calidade da comarca, na liña de que o maior valor engadido quede nas explotacións. Un obxectivo ao que sempre se lle arrimou a posibilidade de vender unha infinidade de artigos manufacturados -coiro, manualidades, roupa, cerámica, etc.- e tamén obxectos antigos/vellos, na procura de recuperar o espírito e o cometido socieconómico das feiras de toda a vida.

Por outra banda, o mercado  tamén se concibe como un atractivo turístico máis que faga de gancho para coñecer o territorio gozando da paisaxe, dos recursos patrimoniais e da excelente atención da hostalaría local.

Share.