Pelayo López Triviño, debuxante: “as miñas obras sérvenme para recordar momentos”

0

Pelayo López Triviño é un asturiano afincado na Coruña que leva desde pequeno pintando e debuxando. Co paso dos anos a súa afección adquiriu un estilo inconfundible e grande técnica que mesmo lle valeu para poder acceder ao exclusivo grupo Urban Sketchers, un movemento artístico internacional que se centra na pintura de escenas urbanas e paisaxes humanas. Na galería municipal poderemos ver unha escolma da súa obra, principalmente acuarelas que reflicten espazos galegos e doutras partes do Estado ben recoñecibles. A exposición estará aberta até o 20 de febreiro nos horarios de atención ao público das oficinas municipais, de 8:30 a 14:30h de luns a venres.

A mostra está composta por cadros na súa maioría de pequeno formato trazados con pluma e pintados logo sutilmente con acuarela, unha técnica que segundo Triviño “require moita concentración no que se está facendo. Se metes a pata, acabouse”. Unha concentración que é precisamente a raíz da súa querencia por esta maneira de reflectir a realidade xa que, segundo asegura, “a acuarela é o que máis me enche e me abstrae da realidade”.

Informático de formación  e comercial do sector por profesión, a López Triviño sempre lle gustou debuxar, pero foi tras perder o seu emprego durante a crise do 2009 cando decidiu dar un paso máis na súa afección. “Cando era pequeno pintaba coches nas esquinas dos cadernos de caligrafía de Rubio. Nunha ocasión pedíronme que  fixese uns debuxos para o compromiso dunha voda e un tío da miña dona viunos e quixo financiarme unha pequena exposición. Despois veu a crise, quedei sen traballo e foi cando decidín dedicar o tempo a pintar. Foi daquela cando entrei en contacto cos Urban Sketchers e púxenme a debuxar coma un tolo”, relata o debuxante.

Urban Sketchers é un movemento artístico global -e exclusivo- xurdido en 2007 que aposta polo debuxo no sitio daqueles lugares onde se vive ou que se visitan “coa filosofía de recordar momentos”. Nos últimos anos -e tras reincorporarse ao mercado laboral- Pelayo percorreu múltiples lugares de Galicia, o Estado e o resto do mundo durante as súas vacacións ou por causa do traballo, onde habitualmente dispón de tempos mortos na súa axenda de visitas comerciais.

El aproveita as esperas para debuxar, sexa en láminas de papel de distintas texturas e grosores ou en primorosos cadernos de bocetos e notas que tamén forman parte da exposición aberta na Galería do Concello e que para el, insiste, “son axendas de recordos. Non son unha persoa moi dada á literatura (comenta bromeando sobre o seu pouco apego á escritura), pero si teño facilidade para as imaxes. Lembro perfectamente os lugares e os momentos en que fixen cada debuxo. Moitos destes cadros fíxenos en poucos minutos, ningún me levou máis dunha hora”.

Transmitir esa idea de estampas mentais sobre lugares visitados e vividos é o principal obxectivo da exposición, titulada “Os debuxos de Pelayo”, aínda que ben podería denominarse “As lembranzas de Pelayo”, e que el resume como “dez anos de cadernos, dez anos de estar na rúa debuxando experiencias únicas de cada debuxo e a experiencia que hai detrás de cada lugar. Se consigo trasladarlle iso ao público, doume por satisfeito”.

A colección de acuarelas -entre as que hai algún acrílico de grande formato producido en certames de pintura rápida-, pode visitarse ata o próximo 20 de febreiro nos horarios de apertura das oficinas municipais. Ao seu remate cederalle o espazo do 23 de febreiro ao 16 de marzo ao XVI Premio “Luis Ksado”, cuxo ganador en 2022 foi o fotoxornalista Brais Lorenzo coa súa serie “Lume”.

Share.