Paula Pina completa a súa estadía en San Sadurniño para coñecer os métodos utilizados no tratamento dos resíduos

0

A técnica ambiental caboverdiana Paula Pina finalizou este martes a súa visita a San Sadurniño para ver os sistemas que emprega o Concello no tratamento da auga e dos resíduos, tanto líquidos como sólidos. Pina, que está en Galicia convidada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, interesouse polo funcionamento da depuradora e da estación potabilizadora, pero tamén por outras experiencias máis innovadoras como a recollida do lixo porta por porta ou as foxas comunitarias instaladas en Ferreira e Naraío. De feito, Pina considera que estes dous últimos exemplos de reciclaxe e tratamento das augas fecais serían perfectamente trasladables á illa de Santiago de onde ela procede, posto que alí este tipo de servizos básicos aínda están botando a andar.

Paula Pina asegura que en Santa Cruz “e en xeral en todo Cabo Verde” o lixo é “un grande problema” por causa da propia configuración do territorio e pola inexistencia dun modelo integral de reciclaxe. “Nós temos un camión compactador de grande tamaño que ten que percorrer moitas localidades con pistas estreitas. E tamén temos moitas dificultades co uso dos colectores do lixo”, comenta Pina.

O tratamento dos resíduos sólidos limítase, polo de agora, a unha recollida por xunto que despois se deposita nun grande vertedoiro. “Aínda non temos un sistema de reciclaxe de poñer en cada contedor cada tipo de resíduo”, explica a técnica municipal ao tempo que asegura que un sistema como o que está implantando San Sadurniño con separación en orixe unida á compostaxe “pode axudarnos a solucionar o problema”.

Ademais de por esta cuestión, Paula Pina tamén se interesou polo sistema de tratamento das augas residuais. En San Sadurniño faise de tres maneiras: cunha rede pública no centro municipal e a súa contorna que desemboca na EDAR de Cornide, con foxas  domiciliarias que cadaquén baleira cando é preciso -algo que a veciñanza pode facer levando o seu contido á EDAR nunha cisterna- e, máis recentemente, mediante depuradoras biolóxicas comunitarias.

Estas últimas son buratos impermeabilizados nos que se botan gravas e areas filtrantes sobre as que se colocan logo plantas acuáticas que se encargan depurar os líquidos naturalmente. Trátase dun sistema que se puxo a proba nos lugares da Vila e O Chao -en Ferreira e Naraío, respectivamente- e que, segundo parece, está funcionando perfectamente. Paula Pina mostrouse sorprendida pola sinxeleza e efectividade destas depuradoras que non consumen nin electricidade nin produtos químicos e que, ademais, se integran perfectamente na paisaxe. “Foi o que máis me chamou a atención”, dixo, engadindo que as depuradoras comunitarias “poden reducir bastante os custes de tratamento” en zonas rurais e pequenos núcleos de poboación.

A responsable ambiental do municipio caboverdiano de Santa Cruz achegouse a outros puntos de San Sadurniño durante a súa visita dos últimos días, na que tamén mantivo un encontro co alumnado do CPI. Pina contoulle á rapazada como é o seu país e as estreitas relacións, sociais, económicas e culturais que mantén con Galicia. Antes de marchar cara a Burela -última parada do proxecto Vacacións con traballo do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade-, Paula Pina asegurou que volve para Santa Cruz cargada de ideas que aplicar no seu territorio: “vin moitas cousas, marcho cunha imaxe e unhas experiencias moi boas”.

Share.