“Palabras Maiores”: voces emocionadas e emocionantes sobre estes tempos que toca vivir

0

Os obradoiros de Memoria Activa ofrecidos pola área de Igualdade foron unha desas actividades de dinamización social que se viron afectadas polo confinamento decretado polo Estado. Porén, a interrupción  das sesións presenciais que se desenvolvían en varias parroquias non significou que os obradoiros se detivesen de todo, xa que o Concello continúa mantendo contacto coas participantes para ver como lles vai, propoñerlles rutinas e, sobre todo, ofrecerlles unha conversa que lles axude a levar mellor a situación. Froito desas parolas xurdiu o proxecto “Palabras Maiores” que hoxe mesmo arranca na páxina municipal en Facebook. A través de pequenos cortes de audio que se publicarán todos os días ás 20.00h., as persoas de Memoria Activa cóntannos  como perciben a actual situación, como é o seu día a día, que botan de menos… e tamén que cousas teñen pensado facer en primeiro lugar tan pronto como vaian levantándose as restricións á mobilidade. Son voces que falan desde a experiencia vital, voces emocionadas e emocionantes que nos ensinan a valorar o que realmente importa.

A primeira desas voces será a de Lucía Pita, unha muller de Naraío que supera amplamente os oitenta anos e a quen a idade non lle impide manter unha vida moi activa. É unha das youtubeiras das hortas, asistiu ás clases de pandeireta durante varios anos e non falta á súa cita semanal coa ximnasia de mantemento nin cos obradoiros ofrecidos polo Concello para manter a cabeza esperta.

Lucía -máis coñecida na parroquia como Lucita de Ernesto- asegura na súa intervención que ela e mailo seu home, Basilio, seguen durante o día unha rutina rigorosa “andamos ao redor da casa, plantamos a horta, facemos ximnasia de catro a cinco os dous, xogamos a partida, vemos a televisión, ás oito ceamos e así levamos a vida todos os días”. Comenta que a ela a vida na casa pouco lle cambiou. O que si mudou foi o que hai por fóra a raíz do confinamento: “Agora parece que está todo durmindo. Parece que non hai coches, que non hai xente… que non hai nada, ata parece que nin cantan os paxariños”.

Pero o que máis lle pesa a Lucita é non estar preto doutra xente “non ter a jinasia, a memoria (activa), tomar o café, os cumpleanos…” e, por riba de todo, non poder ter canda si os fillos e os netos, con quen mantén contacto a través dunha táblet. Porén, o aparello non suple o contacto humano: “a primeira cousa que faga cando poida saír da casa é abrazar a miña familia, os meus irmáns, os meus fillos e os meus netiños… que me tarda moito por velos”, di emocionada.

O testemuño de Lucia Pita irá seguido doutros vinte gravados e editados por Verónica Rodríguez, técnica municipal de Igualdade, a quen se lle ocorreu a idea escoitando o valor, a fondura e o sentimento co que falaban as súas interlocutoras nas chamadas de seguimento que foi facendo practicamente desde o comezo da crise. “Compartimos un tempo para expresar sensacións, emocións, preocupacións e, como non, moitas risas, nun momento en que, a pesar de vivir no rural e que o confinamento lles afecte dun xeito diferente, están a atoparse cunha ruptura nas relacións coas súas familias e seres máis queridos. Un contacto que supuxo conversas fluídas e moita espontaneidade, e que nalgunha ocasión, entre bágoas e risas, pasou máis dunha hora. Moitos desexos compartidos que cada unha das mulleres transmitiu cun encanto propio e persoal. Algo que as define de xeito diferente como únicas a cada unha delas, cada quen coa súa historia de vida e forma de ser”, explica Rodríguez.

“Palabras Maiores” componse de pequenos cortes de audio extraídos das conversas e servidos como pílula diaria no Facebook municipal -todos os días, sábados e domingos incluídos, a partir das 20.00h.- polo que Verónica ten xa feita unha composición acústica bastante aproximada a como están levando as persoas maiores estes tempos de peche obrigado.

Os anhelos non son “saír de compras, ir tomar un café ou de vacacións”, sinala a técnica, engadindo que a maioría das entrevistadas están vivindo a situación “con certa normalidade”. A iso quizais contribúa a experiencia acumulada a través dos anos vivindo momentos que deixaron pegada, tempos pasados de estreitezas económicas, intres duros que se superaron en cada momento, que curtiron caracteres e maneiras de enfrontar a vida, pero nada parecido á “carga emocional” que está tendo a actual crise.  “Non ten nada que ver vivir no rural con vivir nas zonas máis urbanas. Pero aínda así emociónanse, manifestan os seus sentimentos e añoran esa parte familiar, o contacto humano cos seus seres queridos. As novas tecnoloxías non substitúen os abrazos que tanto extrañan”, resume Verónica Rodríguez.

O rural é, precisamente, outro dos fíos temáticos que zumegan de todas as conversas. Rural medio físico e rural medio social “cheo de vantaxes” neste e en calquera outro momento, descrito nos audios con detalles sobre “vivencias, costumes, as relacións de axuda entre a veciñanza, os valores, as tradicións culturais, os roles, un modo de vivir de xeito diferente”. Un medio que, afirma Rodríguez, “sen dubida é preciso coidar”.

Tanto a artífice das gravacións como as propias participantes coinciden en cualificar a experiencia de “Palabras Maiores” como algo “de grande valor histórico”, desde o momento en que os testemuños ficarán para o futuro “como un relato colectivo construído con voz de muller”.

 

 

Share.