Ovidio Rodeiro visita as zonas queimadas en San Sadurniño e Neda

0

O Delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, achegouse este mediodía a Naraío para coñecer in situ os danos causados polo incendio da madrugada do 15 ao 16 de outubro, que tamén lle afectou á parroquia  nedesa de Anca. O delegado mantivo un encontro co edil de Desenvolvemento local, Manolo Varela, e tamén con membros do goberno local de Neda, encabezados polo seu rexedor, Ángel Alvariño, co obxectivo de “facer seguimento” de como quedou todo e “buscar propostas de mellora cara ao futuro”. Por outra banda a visita tamén tivo o cometido de informar sobre o decreto de medidas urxentes publicado o venres pasado no DOG. Un decreto que habilita axudas para concellos e particulares polos bens que se perderon nos incendios e que, no caso de San Sadurniño, non sería de aplicación posto que só ardeu monte. 

Segundo as estimacións feitas sobre a cartografía días despois dos incencios, en San Sadurniño o lume queimou arredor de 75 hectáreas de terreo das que arredor de 40 serían de monte baixo, na súa maioría na ladeira da Louseira. Unha estimación máis precisa que rebaixa a cifra aproximada facilitada inicialmente, na que se apuntaba a unha superficie total superior ás 100 Has.

Da noite do 15 ao 16 queda o recordo da tensión vivida no Eirexado en Lourido e tamén a cinza e mailas árbores calcinadas desde o Gandarón até o Calexón da Louseira. Unha imaxe que se reproduce coma un calco no outro lado do cordal, na parroquia nedense de Anca. Tal e como comentaban os responsables dos concellos afectados, en ningún caso houbo que lamentar desgrazas persoais, como ocorreu noutras partes de Galicia, nin tampouco danos en infraestruturas, quer públicas, quer privadas. “Só ardeu monte e ,gracias ao traballo dos servizos de extinción e da veciñanza e tamén a que choveu de madrugada, porque se non o lume continuaría avanzando imparable”, explicou Manolo Varela.

O delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe as zonas afectadas co obxectivo de “facer balance en contacto co persoal técnico de Medio Rural e tamén cos concellos e ver se houbo algún tipo de afectación a bens municipais ou particulares, como industrias ou explotacións”. De ser o caso, as perdas provocadas polo lume en instalacións “traídas de augas, pozos, peches de fincas, palleiras, establos…” estarían cubertas, segundo Rodeiro, polo decreto aprobado polo Consello da Xunta o pasado venres.

Sobre esta cuestión, Manolo Varela lamentou que a aprobación do decreto non fose “acompañada doutras medidas inmediatas de apoio” referíndose ao caso de persoas que perderon vivendas pero tamén a aquelas que perderon animais ou os medios con que alimentalos. “Estamos vendo como os gandeiros e gandeiras de PROLEGA se autoorganizaron pola súa conta para axudarlles no que poden ás explotacións máis danadas de Pontevedra, Lugo e Ourense… e, mentres, a Xunta saca un decreto moi necesario, pero que neste momento non lle soluciona nada a todas esas granxas. Medio Rural conta con medios de sobra para axudar a paliar unha situación crítica que agora mesmo só está solventándose en parte gracias á solidariedade dos gandeiros e dalgúns concellos”.

Ao respecto do ocorrido en Galicia na fin de semana fatídica do 14, 15 e 16 de outubro, Rodeiro dá como dato que “3 de cada 4 incendios son provocados” e que “é importante a concienciación e a colaboración veciñal alertando ás forzas de seguridade do Estado”. Preguntado sobre o estado dos montes e o cumprimento da normativa forestal en canto a prevención dos lumes, Rodeiro sinalou que a Lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta de 2018 -que aínda deberá debaterse e que “está aberta ás achegas dos diferentes grupos”- introducirá  “cambios importantes” en canto a distancias e á operativa do seu cumprimento.

A grandes trazos, as modificacións normativas teñen previsto aumentar dos 30 aos 50 metros a distancia de árbores pirófitas (de fácil combustión) “nos lugares nos que está demostrado que existe un maior risco: zonas con pouca altitude ou pendente superior ao 10%, a cara norte da provincia, zonas nas que o vento de compoñente nordés sopra con maior perigosidade cara as áreas habitadas; gasolineiras, cámpings e instalacións industriais nas que haxa material inflamable”.

Outro cambio que pretende introducir o goberno galego é o de “prohibir totalmente” a plantación de acacias a menos de 50 metros de edificios e obrigar a que os eucaliptos e piñeiros garden unha distancia mínima de 10 metros entre cada exemplar. Segundo informa a Xunta, “as vivendas illadas deberán obrigatoriamente ter xestionada a biomasa nos 50 metros que as rodeen. As subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións están obrigadas á retirada de especies pirófitas a menos de cinco metros de distancia”.

Cambios cos que, segundo a Xunta, “a Administración terá máis facilidades para actuar cando isto non se cumpra”. Neste sentido tamén se pretende “axilizar o procedemento para a limpeza de terreos forestais que non estean debidamente xestionados”. Nese caso a Administración poderá “declarar zonas de actuación urxente e prioritaria para aquelas sobre as que se precise actuar, podendo facelo de xeito rápido e simplificado en caso de emerxencia”.

Share.