Outro sábado cargado de actividade

0

Aínda que na nosa axenda cargamos todos os datos de eventos que organiza o Concello e outros que nos envían as entidades do territorio, non está de máis lembrar cuns días de adianto aquelas citas destacadas para que nos sexa máis doado programar o noso tempo de lecer. Onte xa falamos da carreira popular do domingo que a estas horas xa pasa ben das 700 inscricións e aínda queda ata xusto antes da medianoite para apuntarse. Porén, o sábado tamén nos vén cargado de opcións: a décima edición da Feira da artesanía e de degustación de carrilleiras en Lamas, un xantar popular na finca da Cortiña a prol das festas de Santa Sabela deste ano e a estrea da obra teatral infantil “Historias Reais” na Casa da Cultura.

Calquera entidade que queira incluír as súas actividades no boletín Novas ou nos calendarios en liña do Concello -web, Google Calendar e eventos de Facebook-, deberá enviar a información a concellodesansadurnino@gmail.com facilitando os seguintes datos: o título do evento, a data, o horario, unha breve descrición da programación, os prezos (moi importante se se trata de viaxes, xantares/ceas ou obradoiros de pagamento), o xeito de inscribirse, se hai un número máximo ou mínimo de prazas, un teléfono ou enderezo de correo electrónico para ampliar información e, se é posible, o cartaz da actividade ou, mellor aínda, algunha fotografía de edicións anteriores se é que a hai.

Unha vez que teñamos eses datos prepararemos unha nova para a web, incluirémola nos calendarios e tamén no boletín Novas sempre que chegue con tempo de adianto suficiente. Ademais toda esta información tamén se lle envía aos medios de comunicación comarcais para garantir que os eventos teñan a máxima difusión.

Dito isto, vexamos máis en detalle cal é a oferta deste sábado 28 de maio en que, certamente, deberemos elixir a que lle atendemos.

Feira da artesanía e das carrilleiras en Lamas
Ao pé do local social de Lamas -no lugar do Chao- a asociación veciñal Xuntanza organiza a Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras. Unha cita que xa vai polas dez edicións e que arrancará sobre as 11.30h. coa apertura dos postos, entre os que poderemos atopar un completo mostrario de manufacturas artesás ademais de produtos frescos da terra.

Sobre as 12.30h. o Trío Tribal ofrecerá o seu primeiro pase musical a xeito de aperitivo dun xantar composto por carrilleiras e empanada, ademais de sobremesa con requeixo e biscoito. O prezo é de 15€ para persoas adultas e 10 € para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. Os máis pequenos e pequenas, gratis. A feira prolongarase durante toda a xornada e, a iso das 18.00h., o Trío Tribal volverá subir ao escenario para facer o pase final da tarde. Para obter máis información sobre a feira ou reservar espazo para un posto cómpre chamar ao 664 203 738.

Xantar popular ao pé do Xubia
A outra opción do sábado entre as que deberemos elixir, xa que non se pode estar en dous sitios ao mesmo tempo, é a que organiza a asociación cultural AC/DZ como promotora das festas de Santa Sabela deste ano. Levan varios meses mallando na procura de finanzamento e un dos xeitos de xuntar é o xantar popular fixado para o mediodía deste sábado -sobre as 13.30h.- na finca da Cortiña, situada ao pé do paseo fluvial do Xubia.

O  menú  inclúe paella, churrasco, sobremesa, pan, bebida e café. O custe do prato é de 20 euros, agás no caso de nenas e nenos menores de 12 anos, que terán un prezo de 8 euros. Os tiques están á venda nos bares e locais comerciais do centro de San Sadurniño ou tamén se poden adquirir a través dos teléfonos 679 459 016 ou 650 524 144. O evento contará con animación musical e coa organización de xogos populares durante a tarde. Ademais, ao día seguinte -coincidindo co remate da Carreira Popular- a comisión tamén ofrecerá unha sesión vermú con Milómanos e quen participe na carreira poderá quedar xantar co mesmo menú. Iso si, é necesario chamar para reservar (649 381 132) ou enviar un correo a asociacionculturaldz@gmail.com

Teatro escolar na Casa da Cultura
E os nenos e nenas de 2º de primaria do colexio público tamén nos ofrecen para a tarde do sábado -16.00h. Casa da Cultura- a estrea da súa obra “Historias reais”. Imitando a iniciativa LÓVA dos grupos de maiores, os pequenos e pequenas montaron a compañía Trinta Nubes para sacar adiante esta obra na que tiveron que facer de todo: diálogos, escenografía, produción… e mesmo buscar finanzamento, obtido de varias firmas comerciais do municipio.

Haberá pases da obra o sábado e mailo domingo. O do sábado para pais e nais na Casa da Cultura e o do domingo ás 18.00h. no Pazo da Cultura de Narón para público en xeral, en ambos casos con entrada de balde.

 

Share.