Outono con tres propostas escénicas de drama, humor e música

0

A programación cultural prevista para este outono resérvanos tres espectáculos na Casa da Cultura, os tres distintos e os tres orientados tamén a públicos diferentes. Son propostas con entrada gratuíta  que chegan a San Sadurniño en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña. Así, o domingo 24 teremos sobre o escenario a montaxe “A lúa vai encuberta” sobre un texto de Manuel María e xa en novembro regresarán a San Sadurniño Cándido Pazó con “Botando a lingua a pastar”, recomendado para maiores, e Magín Blanco con “O que levamos nas maletas” para público familiar. As entradas poden ir reservándose xa no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal. Por outra banda, desde a Concellaría de Cultura recórdase que nestes días deben efectuarse as matrículas das distintas escolas municipais.

O domingo 24 de outubro ás 19:30h. erguerase o telón da peza “A lúa vai encuberta”, montaxe da obra escrita por Manuel María hai máis de 40 anos para ser representada pola Agrupación Cultural Auriense. Nunca chegou a estrearse e agora, baixo a dirección de Tito Asorey, o texto do escritor chairego cobra vida escénica da man das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. “A lúa vai encuberta” mestura as formas do teatro máis popular coas maneiras contemporáneas de abordar os textos, practicamente sen decorados e centrando a atención do público nas emocións das actrices e actores, neste caso o propio Asorey acompañado de Melania Cruz, Davide González e Vanesa Sotelo.

A seguinte cita é o sábado 6 de novembro ás 20:00h. con Cándido Pazó “Botando a lingua a pastar”.
O monologuista, actor e dramaturgo volve a San Sadurniño -xa estivera en 2018 coas “Memorias das memorias dun neno labrego”- para presentarnos un espectáculo baseado na súa especialidade: contar cousas. Ao longo de aproximadamente unha hora botaralle contos tirados da tradición oral aos que el lle engade historias creadas ou vividas que, en conxunto, constrúen unha reflexión sobre a lingua galega, a súa normalización e o seu incerto futuro.

As propostas escénicas de Cultura para o próximo mes rematan ao día seguinte, o domingo 7 de novembro ás  18:00h. co espectáculo de Magín Blanco “O que levamos nas maletas”. Trátase dunha proposta familiar que ten o obxectivo de estimular a creatividade infantil e a súa curiosidade polas letras e as palabras, pola lingua galega, polos contos e pola música. Magín Blanco encherá a Casa da Cultura con temas como “O abecedario” -utilizado en centros educativos para aprender as letras en galego-, “Os meses”, “O tempo meteorolóxico”, “Os peixiños do mar” e outros moitos que achegan a riqueza lingüística do noso país a grandes e pequenas.

Os tres eventos culturais requiren reservar entrada até o venres anterior contactando co Técnico de Cultura  no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Matrículas e trimestre das escolas culturais
Desde o departamento tamén se recorda que, unha vez iniciadas as escolas culturais, cómpre formalizar a matrícula e o pagamento do primeiro trimestre. Hai tres posibles vías para facelo: na Casa da Cultura con tarxeta ou app móbil, mediante transferencia bancaria a favor do Concello ou, a máis cómoda, domiciliando os recibos cubrindo un sinxelo formulario que nos facilitarán na oficina do centro cultural, onde atenden de luns a venres en horario de mañá.

Os prezos para Gaita, Pandeireta, Ximnasia de mantemento e Cantos de taberna son os seguintes: 16 € de matrícula e 31,83€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65. As persoas menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove teñen un pequeno desconto, polo que lles quedaría en 15,32 euros de matrícula e 21,23 cada trimestre.

Share.