Os Reis virán cargados de xoguetes… en igualdade

0

San Sadurniño e outros municipios da volta prepáranse para recibiren na tarde do sábado aos Reis Magos de Oriente. Aquí hai organizada unha festa infantil con hinchables, obradoiros de maquillaxe e animación musical de La GuaGua, que servirá de anticipo da chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar. As actividades comezarán ás 17.30h. no ximnasio do colexio público e os Magos farán a súa entrada no recinto sobre as 19.00h. Virán escoitar peticións e recoller cartas de última hora, cheas de nomes de enredos e tamén de bos desexos para o ano que comeza. Ata que deixen os agasallos polas casas aínda estamos a tempo de recordarlles que os xoguetes deben ser seguros, axeitados a cada idade e, máis que nada, pensados para compartir o divertimento. Pero tamén é importante que os Reis reparen en que todo o que se regala transmite valores, entre eles o da igualdade.

A xeito de información sobre a relación entre igualdade e educación a través do xogo, a Xunta de Galicia publicou recentemente unha campaña protagonizada polos Bolechas que insiste precisamente niso, en que os xoguetes non teñen sexo e que as nenas e nenos non teñen ningún prexuízo cando xogan, a menos que o seu entorno lles vaia moldeando o xeito de brincar, case sempre sen darse conta. Ao balón poden xogar nenas e nenos, igual que coas bonecas, os coches ou as “cocinitas”.

Non hai ningún xen que predispoña ao azul ou ao rosa, senón que é a cultura na que nos educamos -e a que transmitimos- a que condiciona. Por sorte é algo que podemos cambiar, e os Reis Magos de Oriente están de acordo en botarnos unha man na tarefa seguindo os consellos que nos dán os Bolechas. Anotade:

1. Non hai xoguetes de nenas e nenos. Poden xogar nenas e nenos indistintamente. Transmitamos esta idea!!

2. Non hai cores de nenas e nenos. Escollo a cor que quero sen etiquetas que limiten a creatividade.

3. O xoguete non fomentará condutas ou comportamentos violentos e agresivos. Cómpre elixir xoguetes que favorezan as relacións igualitarias e colaboradoras entre nenas e nenos.

4. Guía a elección de xoguetes que reflictan a diversidade de cada persoa. Somos iguais dende a diferenza.

5. O xoguete será divertido e seguro, favorecerá a imaxinación e a creatividade, será axeitado á idade e aos gustos das nenas e dos nenos e libre de prexuízos sexistas. Os xogos e os xoguetes educan.

6. Procura comentarlle aos Reis que busquen os xoguetes e xogos que favorezan a igualdade na participación e o desenvolvemento de sentimentos e afectos sen diferenza de nenas e nenos.

7. Dilles tamén que elixan xoguetes que xunten a nenas e nenos cooperando e compartindo espazos, tanto público como doméstico. Ensinarémoslles a construír un mundo máis libre e igualitario.

8. Se aínda hai tempo, procurar que na carta a  Baltasar, Melchor e Gaspar se poña un listado con  xoguetes que estimulen a curiosidade e o interese por investigar, que axuden a promover todas as capacidades e habilidades persoais de nenas e nenos, posibilitando tanto os xogos tranquilos como os que fomenten a actividade física.

9. Estaría ben que se elixiran -e se o fai a rapazada por si, mellor-  xoguetes, xogos, libros e películas nos que se nomee e estean presentes as nenas e os nenos, as mulleres e os homes, respectando as diferenzas, recoñecendo a diversidade. En definitiva, xogos e entretementos libres de estereotipos de xénero.

10. Lembrade que son os Reis quen traen os xoguetes -que non deixan de ser simples obxectos- e que como nais e os pais hai que supervisar, pero tamén ser partícipes dos xogos e lecturas das nenas e nenos.

A esta relación poderiamos engadirlles moitos máis consellos relativos á seguridade ou á importancia de valorar os agasallos e de frear o consumo desmedido. Fixádevos en como cambiou o conto desde hai vinte ou trinta anos até agora: os papás e mamás que eran nenos e nenas nos 80 tiñan un ou dous regalos polos Reis -nada pola Noiteboa- que despois se estiraban durante todo o ano; hoxe os seus fillos e fillas reciben catro ou cinco agasallos por “papanuel” -ás veces máis- polos que perden o interese aos dous ou tres días, seguramente coa ansia da próxima recompensa dos Reis, cando chega outra carrada de xoguetes… pola que perden o interese aos tres ou catro días. Dá que pensar e moito que reflexionar.

Como queira que sexa, os Reis Magos veñen na noite do sábado ao domingo. Pero antes pararán en todos os municipios da volta, incluído San Sadurniño. O ximnasio do CPI acollerá unha festa infantil o sábado a partir das 17.30h. que contará con obradoiros, camas elásticas, hinchables e baile animado por La GuaGua como preludio da entrada Real, prevista para as 19.00h.

Share.