Os Reis pénsano mellor e finalmente percorrerán as parroquias na tarde do 5 de xaneiro

0

O Concello e os Reis Magos de Oriente decidiron hai tan só uns minutos pasar para a tarde do 5 de xaneiro o percorrido que ían facer o domingo por San Sadurniño. A razón do cambio obedece ás previsións de mal tempo que hai para os próximos días, especialmente para esta fin de semana que promete traer máis frío e tamén auga.  Deste xeito, Baltasar, Gaspar e Melchor sairán o martes -repetimos, o martes- ás 15.00h. para achegarse ao exterior dos locais sociais das sete parroquias, onde se deterán un intre para saudar e despois continuar camiño. Ademais, despois de consultalo coa Dirección Xeral de Saúde Pública -e en cumprimento do protocolo específico de Nadal deseñado pola Xunta- non se servirá o roscón con chocolate que estaba previsto poñerlle ás familias en cada sitio nin tampouco se entregarán caramelos.

Os Reis Magos do Oriente, sabedores de que este ano as recepcións teñen que facerse en pequenos grupos e mantendo a separación, pasarán polas distintas parroquias sen deterse moito e sen poder coller os pequenos no colo como era habitual, o que non lles impedirá captar os seus desexos só con verlles a cara. A rapazada poderá velos no exterior dos locais sociais o martes 5 de xaneiro cos seguintes horarios:

  • 15.15h. á porta do Local Social da Veiga, en Naraío
  • 16.00h. diante do Local Social da Torre, en Igrexafeita
  • 16.45h. na explanada do Local Social da Seara, en Ferreira
  • 17.30h. diante do Local Social do Chao, en Lamas
  • 18.15h. no exterior do Local Social de Bardaos
  • 18.45h. fronte ao Local Social do Camiño Arriba
  • 19.15h. ao pé do Local Social de Santa Mariña do Monte
  • 20.00h. na Praza do antigo Concello, en San Sadurniño

Outro cambio importante é que, debido ás restricións reflectidas no protocolo específico de Nadal deseñado pola Xunta, durante a visita real non se poderán entregar caramelos nin ningún outro obxecto. Tampouco se servirá o chocolate con roscón que o Concello tiña previsto ofrecerlles ás familias para que o degustasen tralo paso dos Reis por cada parroquia. Porén, Melchor, Gaspar e Baltasar si levarán canda eles un pequeno saco onde os nenos e nenas que aínda non o fixesen poderán depositar as súas cartas para que as SS.MM. as lean antes da súa saída máxica da madrugada.

Todas as recepcións serán ao aire libre e na súa viaxe os Magos irán acompañados pola Escola Municipal de Gaitas. Por iso, no caso de que dean mal tempo, suspenderase o percorrido (informarase a véspera a través do Facebook do Concello). Se dese esa circunstancia, a rapazada non ten por que rabear: os Reis nunca fallan e o mércores 6 pola mañá os agasallos estarán, como pasou sempre, en todas as casas.

Share.