Os Reis Magos visitarán as parroquias hoxe á tarde

0

Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán San Sadurniño hoxe á tarde para saudar a todas as nenas e nenos do concello. A área de Cultura preparoulles un itinerario que arranca ás 15.15h. en Naraío e que finalizará sobre as 20.00h. na Praza do antigo Concello, despois de enfiar todos os locais sociais do territorio. Os Reis Magos do Oriente, sabedores de que este ano as recepcións teñen que facerse con moita prudencia e mantendo a separación, pasarán polas distintas parroquias sen deterse moito en cada sitio, só o xusto para dicir ola e recoller cartas de última hora. Por razóns preventivas non collerán os pequenos no colo, como é habitual neles, o que non lles impedirá captar os seus desexos tan só con verlles a cara. Os horarios aproximados de chegada a cada lugar son os seguintes:

15.15h. á porta do Local Social da Veiga, en Naraío
16.00h. diante do Local Social da Torre, en Igrexafeita
16.45h. na explanada do Local Social da Seara, en Ferreira
17.30h. diante do Local Social do Chao, en Lamas
18.15h. no exterior do Local Social de Bardaos
18.45h. fronte ao Local Social do Camiño Arriba
19.15h. ao pé do Local Social de Santa Mariña do Monte
20.00h. na Praza do antigo Concello, en San Sadurniño

Outro cambio importante con respecto ás recepcións reais doutros anos é que, debido ás restricións reflectidas no protocolo específico de Nadal deseñado pola Xunta, durante a visita dos Magos non se poderán entregar caramelos nin ningún outro obxecto. Tampouco se servirá o chocolate con roscón que o Concello tiña previsto ofrecerlles ás familias para que o degustasen tralo paso dos Reis por cada parroquia. Porén, Melchor, Gaspar e Baltasar si levarán canda eles un pequeno saco onde os nenos e nenas que aínda non o fixesen poderán depositar as súas cartas para que as SS.MM. as lean antes da súa saída máxica da madrugada.

Todas as recepcións serán ao aire libre e na súa viaxe os Magos de Oriente serán anunciados coa música da Escola Municipal de Gaitas.

O Concello recorda as obrigas e recomendacións preventivas que se deben por en práctica por causa da COVID-19: uso obrigatorio de máscara a partir dos 6 anos e manter a separación de 1,5 metros, evitando aglomeracións no momento en que os Reis cheguen a cada lugar.

A Xunta permitirá a mobilidade cara a municipios con peches perimetrais durante o día de Reis
Esta medianoite entrou en vigor a modificación das restricións da Xunta para aqueles territorios con maior incidencia do coronavirus. Neste sentido, o comité clínico decidiu pasar o concello das Pontes ao nivel básico, de maneira que se incorpora ao listado de municipios onde xa non existe peche perimetral e onde a hostalaría poderá abrir até as 23.00h. cun 50% de aforo interior e dun 75% nas terrazas, ademais de ampliar a posibilidade de grupos en espazos públicos ou privados abertos ao público de ata 6 persoas.

Porén, continúan activos os peches en Narón e Ferrol, onde está prohibida a mobilidade de entrada e saída agás nas excepcións xustificadas que se recollen na normativa.

Nas ordes publicadas onte á noite a Xunta sinala que si estarán autorizados os movementos para ir ou vir a eses territorios visitar familiares entre as 6.00h. e as 23.00h. do Día de Reis. A medida adóptase, igual que ocorreu na Noiteboa, o Nadal e Fin de Ano, para permitir os encontros con parentes, aínda que se segue recomendando que o desfrute das festas se faga só entre persoas convivintes ou, como moito, de dúas unidades familiares sen exceder as 10 persoas.

Se excepcionalmente se xuntasen máis de tres unidades familiares, o límite de persoas será tamén de 10, incluíndo nesa cifra os nenos e nenas menores de 10 anos (6 adultas e 4 nenas/os, por exemplo).

A diferenza das datas festivas anteriores, nesta véspera de Reis o toque de queda comezará ás 23.00h.

Share.