Os orzamentos municipais saen adiante cos votos favorables do grupo de goberno

0

O pleno ordinario deste mes de xaneiro levaba na súa orde do día tres asuntos principais para tratar, aínda que o de maior trascendencia foi o da aprobación dun orzamento municipal para 2021 de 2,9 millóns de euros que substituirá ao do 2019, prorrogado durante todo o ano que acaba de finalizar. Esa foi a cuestión que ocupou a maior parte dunha sesión que se resolveu en pouco máis de hora e cuarto de debate -incluídos rogos e preguntas-, na que tamén se lle deu o visto e prace á distribución dos fondos provinciais do POS+ e á proposta de solicitarlle á Deputación da Coruña unha subvención nominativa a medias con Moeche para aglomerar a pista que une a Camba coa Ponte do Sur. Os orzamentos saíron adiante só cos votos favorables dos cinco membros do grupo de goberno presentes na sesión -o PP votou en contra e o PSOE abstívose-, ao igual que os investimentos do POS+, onde os dous grupos da oposición optaron pola abstención. Onde si houbo unanimidade foi no último punto, o do aglomerado a Camba-fondo de Moeche, cifrado en 275.000 euros que o ente provincial se comprometeu a asumir nun 80%.

No resume deste pleno cómpre destacar o tono xeral en que se desenvolveu, sen demasiados sobresaltos dialécticos agás nos cinco últimos minutos, cando se produciu unha pequena refrega verbal entre o número 3 do PP, José Luís Hermida, e o alcalde sobre un asunto do que falamos máis abaixo, ao pé da noticia. E é que antes, e seguindo a orde cronolóxica da sesión, hai que condensar o contido dos puntos aprobados e os distintos puntos de vista expresados polos grupos, empezando polo debate do orzamento municipal.

Secundino García actuou nesta ocasión como portavoz do BNG ante a ausencia de Mari Carme Muíño, confinada en espera de que se lle realizase unha segunda proba de detección do coronavirus tras dar negativo na primeira que lle fixeron antonte. Non foi a única baixa do bloque, posto que tamén faltou Manolo Varela  -quen xa pasou pola COVID-19 hai tempo- por mor dunha indisposición. A proporción numérica nos escanos foi, polo tanto, un 5-3-1 que en nada lle afectaba á maioría nacionalista para sacar adiante os asuntos, o que non quita que previamente se debatesen e argumentasen, empezando polos orzamentos municipais.

O alcalde debullou o reparto das partidas de ingresos e gastos que neste 2021 se cifran inicialmente en 2.943.704 euros. E dicimos inicialmente á mantenta, posto que a aprobación do POS+ Social no segundo punto do pleno e a solicitude da subvención provincial para o aglomerado a Camba-fondo de Moeche, suporán un incremento das partidas correspondentes, ás que tamén haberá que incorporar todas  aquelas achegas doutras administracións que aínda non se confirmaron e que poderían producirse ao longo do ano.

Secundino García explicou que as contas se deseñaron nun contexto “difícil” no que cabe agardar un descenso das transferencias doutras administracións, de aí que a proposta levada ao pleno tomase como referencia a “execución real” do anterior orzamento, evitando así que queden apartados sen dotación económica ou outros con reservas calculadas por riba do que o consistorio sexa capaz de xestionar.

No repaso xeral o rexedor indicou que sobe o capítulo de persoal en resposta á aplicación da RPT aprobada recentemente. Mantense a dotación para colaborar coas entidades socioculturais e deportivas e -noutro capítulo- créase unha nova partida de 15.000 euros para apoiar as iniciativas veciñais que aposten polas traídas de auga comunitarias, ademais de manter a previsión de facilitar a construción e rehabilitación de vivendas no territorio cun desconto do 50% do ICIO naquelas zonas onde non haxa servizos básicos municipais como o abastecemento ou o tratamento de augas residuais.

Tamén se incrementa a partida dedicada a bolsas escolares e a apoiar as familias con rapazada, que neste 2021 chegará aos 40.000 euros introducindo como novidade unha achega directa municipal de 200 euros para aquelas que sexan beneficiarias dos 50€ do fondo solidario de libros de texto da Xunta.  Ademais, sen saír do apartado social, o orzamento tamén contempla un aumento da partida da EIM A Rolada para sufragar a gratuidade do servizo a partir do segundo fillo ou filla, así como o importe de licitación do contrato da súa xestión.

No relativo a servizos sociais e asistenciais cómpre ter en conta que San Sadurniño disporá de 117.000 euros do Plan Adicional (algo que se tratou no segundo punto do pleno) que non van reflectidos no orzamento e que se incorporarán proximamente. Este importe dividirase da seguinte maneira: 27.000 euros para bolsas escolares e merca de material dixital, 80.000 para a contratación de persoal do SAF, 7.600 euros para servizos de conciliación -como é a Aldea de Verán ou o servizo de canguraxe ofrecido o ano pasado durante o peche da EIM- e 3.000 euros para a adquisición de equipamento de protección das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e do persoal de Servizos Sociais.

Trala primeira intervención de Secundino García, os dous grupos da oposición expuxeron os seus puntos de vista sobre o proxecto orzamentario. O representante socialista, Lois Anxo Rodríguez, anunciou a súa abstención por considerar que o documento podería chegar ao pleno precedido dunha “negociación previa” das tres formacións. Rodríguez tamén pediu que se tivese en conta a posibilidade de reservar o 1% do orzamento para o rescate da hostalaría, no marco dun plan que nestes momentos se debate a nivel de Xunta, deputacións e concellos. Secundino García respostou a este respecto que ese plan de rescate non está concretado polo momento e que, por agora, se descoñece como se vai aplicar tanto desde o punto de vista normativo como das contías que deberá achegar cada municipio.

O Partido Popular opúxose aos orzamentos asegurando que “non se cumpre a legalidade vixente” e lamentando, en primeiro lugar, que en 2020 se prorrogasen as contas de 2019 e o retraso para traer ao pleno as novas, “deberíase empezar o 1 de xaneiro con elas”, dixo Esther Díaz. A concelleira criticou posteriormente varios aspectos. Dun lado o feito de que os capítulos 1 e 2 “son o 75% do orzamento” e, do outro, a súa análise de que aumente “un 9%” o capítulo de persoal, algo que, segundo a concelleira “non o permite a Lei de Orzamentos Xerais do Estado”, ademais de precisarse no propio documento “cun informe contrario do Secretario”.  Canda estas críticas, Díaz Vergara tamén asegurou que o capítulo de investimentos “baixa un 17%, 232.000 euros” e que non aparece no documento a previsión económica para cubrir a indemnización a un traballador municipal expedientado.

O alcalde respostou aos comentarios populares sinalando que para o 2020 non se fixera un orzamento específico dado que “non foi un ano normal” por causa da pandemia, do retraso nos Orzamentos Xerais do Estado e polo feito de que houbera baixas entre o persoal encargado de elaboralo. Con todo, García precisou que o ano pasado, malia estar prorrogado, en San Sadurniño “houbo orzamento”. O alcalde tamén desmentiu que o investimento vaia ser menor e aludiu que cos proxectos que se aprobarían no punto segundo da sesión, o investimento no concello “será maior” que en 2020. Ao respecto de que os capítulos  1 e 2 tivesen un maior peso específico, Secundino García explicou  que  “é o normal” nos orzamentos municipais: “descubriches a pólvora”, díxolle en tono irónico a Díaz Vergara. O rexedor precisou que o incremento no apartado de persoal obedece a unha suba pactada coa representación dos traballadores e traballadoras e sobre o pagamento da indemnización “a un traballador ben expedientado” indicou que o Concello incorporará a previsión económica “cando se saiba o que hai que pagar”.

Tras esta resposta, e sen que houbese máis debate, votouse un orzamento que saiu adiante con 5 votos favorables do BNG, a abstención do edil socialista e o voto contrario dos tres do Partido Popular.

O POS+, 5 a favor e 4 abstencións
O segundo punto en relevancia centrouse en aprobar a distribución e mailos proxectos de investimento acollidos ao POS+ provincial. O total consignado para San Sadurniño son 556.292 euros, dos que cómpre restar algo máis de 46.000 euros en forma de préstamo que o noso Concello non vai solicitar.

Por capítulos, o consistorio dedicará 194.130€ a gasto corrente e 198.935 a investimentos na rede viaria: un proxecto de pavimentación en Portolamas, nos lugares da Curuxa de San Sadurniño e Igrexafeita e máis no Chao de San Cristovo; outro entre a Longra e Riolimpo -Naraío-; un terceiro proxecto de aglomerado e senda peonil desde A Torre á Sanguiñeira -Bardaos- e, por último, a execución do tramo intermedio que faltaba por licitar no eixo viario O Eirexado-Límite coa Capela, que servirá para aglomerar desde Lourido até Quintiá.

Alén destes, o Concello tamén terá que anticipar os proxectos do chamado Plan Complementario, que sairían adiante no caso de que a Deputación achegue fondos para executalos, sexan todos eles ou só unha parte. Son cinco: o aglomerado Riolimpo-O Castelo, A Fraguela-O Castelo e desde a AC-125 até A Fraguela pasando por Vilarxá (Naraío); a merca dun tractor para efectuar rozas e a mellora da envolvente da Casa da Cultura. O sumatorio total ascende a 421.303 euros.

Pecha o montante de axudas provinciais o POS+ Adicional (o POS Social), por valor deses 117.654,69 euros para gastos de tipo social xa mencionados que irán parar a bolsas escolares, ao SAF e a equipamento de protección.

O PSOE anunciou a súa abstención neste punto baixo a mesma argumentación que xustificou o seu voto no asunto do orzamento, é dicir, que o reparto do POS+ non se puxese en común previamente cos grupos da oposición para recoller deles propostas sobre a súa distribución e prioridades. Unha postura compartida en certo modo polo Partido Popular, quen apelou a que os investimentos se leven a cabo “onde faga máis falta” e sinalando que nalgún caso se vaian reparar pistas “que xa se amañaron hai cinco anos”. O PP criticou tamén que no POS Social non se contemplase unha partida específica para persoas en risco de exclusión  ou de violencia de xénero.

Trala votación do plan provincial -5 votos a favor e 4 abstencións- o pleno tratou a solicitude conxunta de San Sadurniño e Moeche á Deputación da Coruña para aglomerar a estrada entre a Camba -Ferreira- e a Ponte do Sur, en San Xurxo. Trátase dunha pista de 4 quilómetros que enlaza dous eixos viarios de titulariedade provincial á que, ademais de botarlle aglomerado, tamén se lle vai dar máis ancho. O importe total da obra está cuantificado en 275.000 euros, dos que a Deputación asumiría 220.000 por medio dunha subvención nominativa. A cantidade restante correría por conta dos dous municipios a partes iguais xa que, segundo aclarou o rexedor a preguntas do edil socialista, “a distancia é case a mesma” no tramo de San Sadurniño que no de Moeche.

O asunto saíu adiante por unanimidade dos 9 concelleiros e concelleiras presentes na sesión.

Rogos e preguntas
No pleno non houbo rogos, pero si varias preguntas, todas elas formuladas polo PP, quen se interesou polo número de persoas atendidas polo SAF e sobre a baixada no número de usuarias que se dera durante o 2020. O alcalde precisou que o ano pasado, especialmente durante o confinamento, houbera familias que renunciaran ao servizo por poder facerse cargo elas mesmas dos seus maiores e dependentes e que ese fora un dos factores que incidiron no descenso do número de persoas atendidas.

Noutra orde de cousas, o PP tamén preguntou polas previsións municipais para abrir o período de información e recollida pública de achegas á nova ordenanza reguladora do lixo no municipio, ademais de inquirir ao goberno local sobre se se ía facer algunha actuación en materia de compostaxe. O alcalde recordou que hai tan só uns días os tres partidos da corporación se reuniron para tratar esta cuestión, que seguramente se vexa afectada polos cambios que se están xestando a nivel estatal e galego sobre a normativa de tratamento. En calquera caso, a intención municipal é publicar o documento na web municipal proximamente, ao igual que darlle para adiante ás accións de difusión da compostaxe, que contan cunha subvención autonómica e que tamén están previstas, aínda que interrompidas temporalmente dado que a campaña implica visitas domiciliarias que neste momento, e por razóns preventivas, non son aconsellables.

O PP, na recta final do pleno, preguntou, ademais, sobre se estaba previsto licitar proximamente os contratos de servizos caducados na actualidade. O rexedor respostou afirmativamente indicando que, entre eses contratos xa finalizados -aínda que os servizos seguen ofrecéndose-, se encontraba o da subministración eléctrica ou o da xestión da EIM e outros.

A última pregunta popular formulouna José Luis Hermida, aínda que máis que pregunta foi unha aseveración referida ao SAF. O concelleiro preguntou se o persoal do SAF do Concello tiña obriga de atender a persoas con COVID-19, ao que Secundino García lle contestou de maneira tallante: “claro que ten obriga, as persoas con COVID hai que atendelas “. Deseguido, Hermida preguntou se había protocolo para facelo, asegurando que había traballadoras do servizo que descoñecían como debían proceder e que non contaba con equipamento de protección. A intervención do edil do PP provocou unha resposta airada de Secundino García, quen acusou a Hermida de “facer demagoxia barata” e insistiulle en que o Concello contaba cun protocolo de actuación neses casos definido pola Xunta. Ademais, o alcande tamén confirmou que todo o persoal do SAF recibira formación ao respecto e “saben o que teñen que facer, porque todas as traballadoras da axuda no fogar son profesionais”.

Share.