Os equipos de base do Aldebarán continúan coa súa fase de rodaxe

0

O Aldebarán de volei envíanos unha interesante crónica sobre como lle foi a fin de semana aos equipos de base do club. Unha fin de semana con resultados nos que cómpre reseñar a victoria dos xuvenís masculinos contra un Narón Volea que, porén, levou do pavillón dúas victorias contra as outras formacións locais. Mal domingo tamén para as rapazas do equipo sénior, que caeron na casa contra o Club Voleibol Bruxas do IES de Ames. No derbi galego da SM2 que enfrontou en Coia ao Vigo contra o Aldebarán-Intasa, derrota tamén para os de aquí. O Sansa comezou dominando -chegou a levar un parcial de 0/2 sets-, pero os vigueses lograron remontar e forzar un tie-break que ao final se decantou ao seu favor. O resultado apea ao Aldebarán-Intasa da primeira posición do grupo A da SM2 onde, con todo, vai empatado a 9 puntos co líder, o Universidad de Valladolid.

O derbi local entre os equipos de San Sadurniño e Narón inclinou o marcador global en favor das formacións visitantes, que levaron para a casa os triunfos nas categorías cadete masculina e xuvenil feminina e foron os xuvenís masculinos os únicos que conseguiron frear aos visitantes.

A xornada do sábado arrancou cos partidos xuvenís e, segundo comenta na súa crónica Manolo Seco, “a loxica impúxose nos dous encontros”. No caso das rapazas, as de Narón mostraron a súa calidade levando a victoria por 0-3 (18-25/18-25 e 15-25) debido en boa medida a que “forman un bo conxunto, levan anos xogando xuntas e son, sen lugara dúbidas, o buque insignia do club naronés”. Pola súa banda as de San Sadurniño “están tratando de acoplarse, xa que varias xogadoras chegan da categoría cadete, o que lle está pasando factura”. Con todo, segundo informa o Aldebarán, o equipo está mostrando “unha boa actitude de traballo e iso e agora mesmo é o seu mellor aval cara ao futuro”.

Na categoría masculina as cousas foron ao revés, cunha victoria dos rapaces do Aldebarán por 3-0 (25-19/ 25-19 e 25-22). Un marcador que obedeceu a un xogo “superior en todo momento”.

En cadete masculino o Sansa viuse “claramente” superado polo Narón, que ganou por 0-3 (14-25/19-25 e 14-25). Os visitantes nunca chegaron a verse en apretos por un Aldebarán que aliña varios infantís e que, malia perder, mostrou unha notable mellora no xogo con respecto ao primeiro encontro ligueiro.

En senior feminino -xa o domingo pola mañá- non houbo posibilidade de obter un resultado favorable. O Bruxas de Ames levou unha merecida victoria por 0 a 3 (19-25/19-25 e 18-25) para a que  “tivo que traballar duro” ante as mozas de San Sadurniño. A falla de contundencia en ataque, as locais exhibiron eficacia defensiva que, en palabras de Seco, “é desde onde se constrúen os bos equipos.

O Aldebarán-Intasa cede a cabeza do grupo A na SM2
E o equipo masculino absoluto tampouco obtivo un bo resultado na súa visita a Vigo deste sábado contra un equipo, en principio, asequible. A formación de Blanco perdeu contra o Club Vigo Voleibol nun encontro que arrancou dominando pero que finalmente se resolveu ao tie-break.

O encontro comezou con diferenzas pequenas no marcador pero sempre a favor do Aldebarán-Intasa. “Os locais cometían demasiados fallos, tanto en recepción como en saque e iso foi o que motivou que fosen sempre a remolque no marcador”, tal e como apunta o resume do partido publicado na web da RFV.

O segundo set foi moito máis igualado e os locais mesmo chegaron a poñerse por diante no marcador con ata tres puntos de diferenza, 16-13. Pero era o Aldebarán-Intasa “quen ofrecía mellor resposta” a todas as tentativas do CV Vigo. Dese marcador pasouse a un claro 16-19 facendo os visitantes un parcial de 0-6. Con iso os locais “non se amedrentaron e continuaron respondendo cada vez mellor aos ataques visitantes”.

Chegouse ao final do set con empate a 22 puntos “pero a experiencia visitante puido coa ilusión local”. Con cero a dous no marcador os CV Vigo sacou a relucir a súa garra, e aínda que con pequenas diferenzas, sempre foi por diante no marcador. Os xogadores de Suso Penedo conseguiron levaro terceiro set por un axustado 25- 21 que lles deu unha vida extra no partido.

O cuarto set foi moi parecido aos dous primeiros salvo que despois do empate a 11 puntos foron os vigueses os que se adiantaron no marcador cunha marxe de ata dous puntos. Con esa diferenza conseguiron unha tranquilidade que non tiveran ata ese momento e, a partir de aí, foi o Aldebarán o que se rendiu ao ritmo que impuxeron os vigueses. Desta forma chegouse ao empate a 2 no marcador.

No quinto set o Aldebarán-Intasa conseguiu unha vantaxe de ata tres puntos, 4-7, que de pouco lles había servir. O sorpasso produciuse logo do empate a 10 puntos e, finalmente, o CV Vigo fíxose co set do tie-break por 15 a 12.

Este é o primeiro partido que perde o Aldebarán no que vai de temporada. Unha derrota un tanto inmerecida que, ademais, apea ao equipo local do primeiro posto do grupo A da SM2. Cédelle o posto ao Universidad de Valladolid, con quen marcha empatado a puntos. A próxima oportunidade de volver encabezar a táboa será este sábado no Pavillón Municipal -19.30h.- contra o Hotel Río Carnaval de Badajoz.

Share.