Os convenios da Transición Xusta traen a San Sadurniño unha decena de espectáculos

0

Os fondos da Transición Xusta para os municipios afectados polo peche da central térmica das Pontes adxudicaron na comarca máis de 7 millóns de euros dedicados a investimentos. No caso de San Sadurniño serán preto de 500.000 para levar a cabo distintas intervencións na zona da Cortiña, o paseo fluvial e os xardíns municipais. Porén, ademais de obras -que han de ter unha alta compoñente de sostenibilidade-, os fondos tamén promoven a cultura a través do programa Dinamiz-artj, que funciona dun xeito parecido á Rede Cultural da Deputación (dentro da cal tamén hai espectáculos previstos). O Concello solicitou do seu catálogo un total de 11 actuacións  para actividades organizadas polas áreas de Cultura e Igualdade, pero tamén para levalas ás parroquias dentro de eventos organizados polas entidades.

O programa Dinamiz-artj, de feito, xa empezou a desenvolverse hai uns días coa actuación en Ferreira do quinteto tradicional Faíscas da Pontraga. De aquí a final de ano están previstas outras dez, traendo a distintos puntos de San Sadurniño a grupos como Zënzar, Os D’abaixo, Carapaus ou Brassica Rapa, ademais de artistas como Pakolas ou os monologuistas Mejuto & Celester, entre outros. Propostas culturais que se intercalan en citas programadas por entidades de San Sadurniño ou polo propio Concello, entre elas a celebración do Día de Galicia ou a Feira Rural.

O catálogo de Dinamiz-artj irá alternándose co da Rede Cultural da Deputación da Coruña e co contratado directamente polas áreas de Cultura e Igualdade, que elevarán a 21 os espectáculos de todo tipo -algún deles moi destacado, que se dará a coñecer nuns días- encaixados en datas sinaladas como o Samaín, o Día da Muller Rural, o 25 de Novembro, o Chanfaina lab, etc.-, sen contar os xa pechados dentro do programa Ler Conta Moito da Biblioteca Municipal.

Dinamiz-artj é un programa do Instituto para a Transición Xusta a través da Fundación Cidade da Enerxía (CIUDEN) que pretende xerar unha oferta cultural ampla nos municipios afectados polo proceso de peche de centrais térmicas. Nel xúntase a demanda cultural local, a promoción da creación emerxente e a mellora da oferta turística. A iniciativa cobre o 100% dos custes de contratación, de maneira que o Concello só tivo que acceder ao catálogo hai uns meses e formular en liña a solicitude dos espectáculos.

 

 

 

Share.