Os concellos do norte esixen a convocatoria urxente da comisión de seguimento para “desbloquear” a VAP

0
A inauguración esta mañá do tramo de Vía de Altas Prestacións entre San Cibrao e Celeiro provocou un fondo malestar na práctica totalidade das alcaldías dos concellos costeiros entre Ferrol e a Mariña. Non pola apertura do anaco da infraestrutura que hoxe presidiu Alberto Núñez Feijoo e para a que non recibiron convite, senón polos retrasos que acumula a execución da VAP e polos investimentos “testemuñais” previstos pola Xunta nos orzamentos de 2017. A través dun comunicado remitido este mediodía aos medios, a rexedora de Moeche e os alcaldes de Ferrol, Narón, Neda, Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, Ourol, Viveiro e San Sadurniño lamentan “o incumprimento de promesas adiadas” para a construción dun vial “polo que levamos agardando unha década”. O texto finaliza reclamando do presidente da Xunta a convocatoria urxente da comisión de seguemento comprometida en abril pasado por Ethel Vázquez co fin de “desbloquear” a infraestrutura “no prazo máis breve posible”. 
Segundo o comunicado, ningunha das alcaldías das comarcas de Ferrol e Ortegal tería recibido convite para a inauguración do tramo de 7,9 quilómetros entre os lugares de Area e Beltrán. Algo que se cualifica como “unha falla absoluta de respecto e un agravio para a veciñanza” e, deseguido, maniféstase que “pouco hai que publicitar e promocionar” xa que o tramo aberto hoxe “acumula un atraso de tres ano e medio e foi licitado no mandato 2005-2009”.
As alcaldías do norte aseguran que os ratrasos están motivados “pola falla de compromiso do Goberno galego, que deixa os anuncios en palabras baleiras de contido xa que non expropiou nin un só metro cadrado dos comprometidos para avanzar na execución do seguinte tramo”. A este respecto critícase “a inacción do equipo de Núñez Feijóo” por non ter incluído cartos abondos para continuar as obras. “Partidas testemuñais”, segundo o comunicado, “á marxe dos 2,7 millóns consignados para a circunvalación de Viveiro”.
Sobre o futuro da Vía de Altas Prestacións, desde os municipios lémbrase que no mes de abril a Conselleira de Infraestruturas se comprometeu en Cariño a convocar a Mesa de Seguimento da VAP, composta por representantes da Xunta e alcaldes das tres comarcas. Un compromiso “non materializado” que se cualifica como “un desprezo institucional á palabra dada e aos veciños e veciñas que demandan esta vía de comunicación necesaria apra vertebrar o norte das dúas provincias, favorecendo o seu desenvolvemento socioeconómico”. Por esta razón, as alcaldías asinantes reclaman de Núñez Feijóo “que fixe con urxencia unha xuntanza coa comisión que designemos a fin de desbloquear a construción desta vía no prazo máis breve posible”.
A Vía de Altas Prestacións da Costa Norte é un proxecto que aspira a unir no futuro Ferrol con San Cibrao. O trazado completo ten 82,6 quilómetros dos que só entraron en servizo a variante de Ortigueira (8,4km) e a inaugurada hoxe, entre Celeiro e San Cibrao, de 7,9. É dicir, vai feito algo menos do 20% do total, cando as previsións da Xunta aló polo 2011 falaban de que en 2015 estarían finalizadas o 78% das obras.
Share.